quinta-feira, fevereiro 12, 2009

Eleniña


Unha das maiores vergoñas da miña cidade e que esta elementa siga de presidenta da Federación de Veciños Viguesa. Como acotío non se mete en poucas pucharcas, agora vai e se erixe en representante de todos os viguesas para darlle un palmadiña no lombo, en castelán por suposto, ao ínclito editor da Voz.

"Reflejan lo que pensamos cada uno de los vigueses"

Aquí xa todos a coñecemos e lembramos o ben que bailaba aconchegada a bilingüe Corina Porro.

(E mira que non me gusta falar aquí destas historias, pero ás veces lévanme os diaños)

quarta-feira, fevereiro 11, 2009

A peneira de An


A escritora An Alfaya peneiranos os fermosos segredos
do seu proceso creativo nunha nova entrega do Escritorio galego.

terça-feira, fevereiro 10, 2009

Cocido madrileño II


Non o vira ata o de agora e aínda que poida ser un chisco reseso teño que comentalo.
Dalgúns opinadores e dos titulares dalgúns xornalistas xa sei o que me espera, pero destes dous non o agardaba. A tira dá unha visión sesgada, parcial e reducionista do acontecido o domingo en Santiago. Toma partido, sinalando aos bos e aos malos. Castelán si, galego non. Incluso na caracterización dos personaxes, elegantememente traxeado un e con rasgos porcinos o outro. Calquera que vexa os videos pendurados na rede e as fotos sabe que iso non se axusta a realidade. En fin, unha verdadeira mágoa. OINK, OINK!

segunda-feira, fevereiro 09, 2009

Cocido madrileño


As conclusisóns que podemos tirar da exaltación do cocido madrileño onte en Santiago poderían resumirse nestes sinxelos puntos:
1º O escaso poder de convocatoria, só 3.000 nunha Quintana medio baleira, cando a máis pequecha festa de calquera produto gastronómico do país conta aos seus participantes por ducias de milleiros e iso que hai que pagar as racións e non teñen buses de balde como estes.
2º O infame emprego do termo "independentista" por parte dalgúns medios que lle serven de altofalantes, todos os coñecemos e négome a enlazalos, e que vai camiño de identificarse con ese outro tan querido polos mesmos: "islamista".
3º O fielmente retratados que quedaron os políticos galegos que ían tras da pancarta cos seus rostros desencaixados pola carraxe, e que dende onte pasaron xa a historia do aldraxe contra a nosa cultura como inimigos do galego. Berremos os seus nomes ben alto e non os esquezamos cando vaiamos a depositar o noso voto o un de marzo: Corina Porro, Carlos Negreira, Alfonso Rueda, Ignacio López-Chaves e Ana Pastor.
4º O escaso sentido do humor das forzas da orde e o lixeiros que andan sempre para darlle aos de sempre. Unha e outra vez, as pelotas de goma baten nos mesmos.


quinta-feira, fevereiro 05, 2009

Bus nacionalista


Este é o bus tuneado cun vello poema meu. Aquí podedes deseñar o voso.

G2


Non sei se será cousa da precampaña electoral, pero dende o luns os rapaces deste país poden por fin ver un programación infantil polo serán na nosa lingua propia na segunda canle da TVG na TDT. Asemade os poucos programas interesentes da nosa televisión pública, Banda Curta, Miraxes, Onda Curta e Libro Aberto, reemítense a unhas horas máis axeitadas para un televidente que non sexa un noctámbulo confeso.
Benvida sexa esta programación imprescindíbel para a normalización do galego entre a rapazada. Agora, só desexar que estreen algunha nova serie e non sexan todo reposicións, para que un non teña que estar pelexando cos fillos para que non cambien a unha canle en castelán.

terça-feira, fevereiro 03, 2009

Por que menten os pais?

Nun dos primeiros faladoiros que fixen nunha escola, un dos rapaces preguntoume estrañado, “por que menten os pais?” Referíase ao feito de que no libro os pais mentíanlle arreo ao protagonista. Eu, dubidei antes de responderlle, e tentei explicarlle que era un intento por parte dos adultos de protexelo, de agocharlle a cruel realidade que o arrodeaba. Un intento ben intencionado pero van, pois a verdade sempre remataba por impoñerse, e así acontecía na novela. Deseguido, espeteille que os seus pais tamén lle mentían, que todos os pais o facían, incluso eu mesmo aos meus fillos. O rapaz estartelou os ollos ante as miñas palabras e ficou amoucado o resto da charla.

De regreso a casa, fun matinando, entre o arrepentimento e a indignación, na pregunta daquel rapaz, na miña resposta e no que realmente se agochabas tras delas. De seguro que lera moitos libros ao longo dese curso e nos anteriores, pero semellaba que os adultos e rapaces que se atopara neles non eran senón idealizadas construcións virtuais que non se correspondían á realidade. Pensei que, en moitos deses libros, esa realidade se presentaba edulcorada, peneirada polo cribo da corrección política, do didactismo e do adoutrinamento. Libros ateigados de prototípicos bos e malos, nos que todo era branco ou negro, sen que tivese sitio o cinsento, esa sombría calella que todos transitamos acotío. Libros de protagonistas clónicos e intercambiables, nos que se escollía o seu sexo, cor, nacionalidade ou relixión atendendo ao gusto ou a tendencia do momento. Libros que eran requintados espellos onde os rapaces se reflectían, pero que non podían atravesar, por que doutro lado non había ningún país das marabillas, senón o máis absoluto baleiro. Libros convertidos en silabarios morais e manuais de boas maneiras onde a literatura brillaba pola súa ausencia, onde a palabra e a expresión eran danos colaterais nunha guerra que só procuraba un presunto e altruísta fin educativo. Libros de finais felices onde se presentaba a vida como unha tómbola e non como o inferno que é en moitas ocasións, nos que as tramas estaban tan mastigadas que non deixaban aos rapaces roelas ao seu gusto.

Porque, aínda que semelle obvio, hai que dicir que a LIX é literatura. Os autores somos escritores, non pedagogos nin preceptores, e debemos facer literatura, ese é a nosa misión, se é que nesta sociedade mercantil na que vivimos temos aínda algún papel atribuído. Debemos enfrontarnos a escrita con independencia e liberdade, facéndoo coa mesma paixón e os mesmos azos, sen distincións polo xénero ao que poida ser adscrita.

Existe un evidente prexuízo social en relación coa LIX e acotío escoitamos cualificativos despectivos sobre ela, opinións infundadas e displicentes. Quizabes, é que o gañamos a pulso. Escritores, editores, críticos e educadores, semellamos esquecer tamén nalgún lugar do camiño esa verdade fundamental. Que a LIX, ante todo, ten que ser literatura e non ese fío musical anódino que agora soa nos corredores de escolas e institutos, nos cuartos de moitos rapaces. Convertemos a placidez, a seguridade, a sinxeleza e o conformismo en valores literarios supremos que substituíron á carraxe, ao risco, á complexidade e á rebeldía. Extraviámonos e temos que volver retomar o camiño. Temos que escribir sen marcos nin censuras, botando man de todos os recursos do noso oficio, sen excepción. Temos que escribir para incomodalos e provocalos, para que dubiden e se interroguen. Eis o papel da literatura para rapaces.

Hai un dito árabe que di que un libro é coma un xardín que se leva no peto. Pois moi ben, démoslles aos rapaces iso, sementemos nos seus petos vizosos xardíns cheos de matogueiras e silveiras nos que teñan que rozar e sachar arreo. Estou seguro de que o esforzo ben paga a pena.

Aí fora, a vida é unha selva. Non lles mintamos, para iso xa están os seus pais.

(Artigo publicado no suplemento de cultura Nós do Xornal de Galicia do sábado 31 de xaneiro)

segunda-feira, fevereiro 02, 2009

O marqués de Sargadelos


Antonio Raimundo Ibáñez hai hoxe 200 anos que foi asasinado vilmente nas rúas de Ribadeo. O noso primeiro industrial ilustrado morreu por afrancesado a mans deses poderes fácticos que logo entronizaron ao absolutista Fernando VII nesa suposta guerra que o liberalirmso decimonónico e o actual nacionalismo español nos venden como de Independencia (chamada guerra peninsular por toda a historografía europea).
Incluso algúns papáns galegos únense aos fastos e van traer en 1ª clase a un sobriño-tataraneto de Napolén , supoño que non será para linchalo na porta do Sol. Non estaría mal que algúns dos nosos gobernantes estudaran un chisco de historia e se deixasen de tanto populismo. Precisamos dunha certa revisión de todo este mito españolista, non nego a existencia dunha revolta popular, pero a mesma non foi tan espontánea como se pretende presentar, senón argallada por aqueles, igrexa e nobreza, que vían peligrar os seus privilexios ante os principios ilustrados franceses. A guerra só supuxo a perpetuación do antigo rexime durante case todo o ominoso século XIX, ata a Gloriosa de 1868.
Cando moitos europeos camiñaban cara á modernidade republicana nos loitabamos e morríamos para seguir baixo a bota do monarca absolutista, iso sí, español a moita honra.