quarta-feira, dezembro 31, 2008

Feliz ano do boi


Segundo a tradición oriental o 2009 será o ano do boi (ushi en xaponés) e o aciago que deixamos atrás foi o da rata (nezumi). Agardemos que non se cumpra aquel dito budista de "o que a rata comeza o boi remata" e que o vindeiro sexa un chisco mellor e traia paz e esperanza para esa xentiña de Gaza, do Congo e de tantos e tantos lugares...

terça-feira, dezembro 30, 2008

terça-feira, dezembro 23, 2008

David vs. Goliat


Hai que pensa e dixo que a literatura galega son só Rivas e Suso de Toro, e que os demais nada pintamos, ao que os editores retrucaron con xeito, algún cos datos na man para situar o debate no seu xusto lugar.
Eu vou facer a miña pequena achega pois non sei quen sería o xornalista de investigación que fixo a pescuda pero debeu estar noutras librarías, por falar só das que coñezo ben: en Libroruro de Vigo na entrada e no medio está o libro en castelán, ao fondo a LIX en galego é castelán e a dereita, tras a caixa, o libro galego, nunha mesa as novidades e o resto en andeis, na 1ª pranta está papelaría e na 2º libro de texto, ensaio e demais. Logo, botarlle en cara a Follas Novas en Santiago que o libro galego estea no soto canda os libros noutras linguas é descoñecer un pouco da súa historia, dos vidros escachados hai non moitos anos por ter libros en galego no seu escaparate, da súa importante labor editorial antes e agora en prol das nosas letras. En fin, que para comezar un debate hai que ter os datos e as informacións contrastadas e non collidas con alfinetes ou trabucadas.
Respecto a inxusta queixa dos libreiros, non é cuestión que que non teñamos oferta, que a hai e variada, é que hai que apostar con valentía por ela. Temos algo que envexar ao que ven de alén do Padornelo? Entre as novidades das últimas semanas podemos atopar unha mágnifica viaxe imaxinaria, unha distopía, unha cosmopolita novela sobre o exilio, un thriller teolóxico, diversas revisitacións ou destilacións de Shakespeare, un chuviñoso retablo experimental e algunha testemuña protexida en apuros. Estou seguro que se na Casa do Libro houbese na entrada dous ou tres palés de calquera deses libros galegos fartarianse a vender.
Amais estes días nos que pasei moito tempo en diversas librarías non escoitei que ningún empregado recomendase os nosos libros aos moitos compradores despistados que buscaban un agasallo ao chou. Sempre remataban recomendando a sota -a francesa do ourizo-, o cabalo -o nórdico falecido- e o rei -o esotérico nipón- que publicitan arreo todos os suplementos literarios. Iso si, malia que dous deles teñen tradución ao galego sempre metían no envurullo a tradución castelá.


Matar a un reiseñor



Hai tempo que non a vexo, tampouco Verán do 42, pero é un filme que teño mitificado da miña infancia, un filme que debería ser de visión obrigada nas escolas. Todo nel é perfecto, comezando por estes extraordinarios titulos de crédito deseñados por Stephen Frankfurt, a musica de Bernstein, Atticus , os nenos, Duvall e o repelente paxe de Truman Capote, amigo da infancia da malograda Harper Lee, autora da novela. Remata o ano e morte do seu director trae unha melancólica airexa de tempos vedraños.

segunda-feira, dezembro 22, 2008

Saturnalia


Cos meus mellores desexos para todos neste solsticio de inverno no que os romanos celebraban as festas saturnais, vai este humilde agasallo chamado Escritorio Galego. Nel, os nosos escritores meteranse na súa cociña literaria entre potas e tixolas para revelarnos cal é a súa receita creativa. Comeza a serie O Monstro das galletas da literatura galega. Agardo que vos guste.
A miña intención, agradecendo a colaboración dos autores que xa participaron e dos que o farán no futuro, será pendurar unha entrevista semanal tras o paso destas festas. Este é o adianto.

sexta-feira, dezembro 19, 2008

Ambrosio no Casino


Verme aí de finalista, a carón de Martin Amis e Montero Golez. emocióname e xa é premio suficiente.

segunda-feira, dezembro 15, 2008

O zapato xusticieiro



Podería falar hoxe da morte de dúas extraordinarias mulleres do século pasado, Amalia, icona moral e Bettie, icona pop, mais supoño que a imaxe do día é a do zapatazo a Bush. Ben pouco castigo semella ante a infinda ladaíña dos seus crimes. Ben pouco castigo..

sexta-feira, dezembro 12, 2008

O abandono do galego


Cando en calquera conversa ou faladoiro me mostro partidario da inmersión lingüística e da discriminación positiva en favor dos galego-falantes no acceso á función pública, todo o mundo mírame alucinado coma seu eu fose un rapaz deses que queiman fotos dos borbóns e bandeiras españolas. Eu simplemente son pesimista sobre o futuro da nosa lingua e penso que o único xeito de deter o seu esmorecemento é ese. Agora o Consello de Europa (páx 119 do seu informe) ven e dáme a razón. Agardemos pacientes a resposta dos nosos dirixentes, aínda que moito me temo que será unha ladaíña de dúbidas e escusas coma sempre que toca falar do galego. Eu ficarei coa mesma a cara de parvo e gastando sona dun perigoso radical nacionalista deses que algúns queren pendurar de non se sabe onde.
Un dos nove tradutores da xustiza galega dos que fala a nova foi o que hai uns meses traduciu o meu primeiro recurso de casación perante o Tribunal Supremo. O problema non é poñer máis tradutores, a xustiza precisa antes de máis funcionarios e xuices, senón que todos os actores que nela interveñan fagan máis pola nosa lingua. Eu levo anos presentando todos os meus escritos forenses en galego, pasando máis traballo, pois non podo acudir aos típicos formularios dixitalizados que están todos en castelán, pero orgulloso de facelo na miña lingua.


(grazas a r.r. polo tirón de orellas e a documentación)


Actualización 15/12: Extraordinaria anotación de Landoa sobre este asunto en resposta as veleidades lingüísticas do ínclito constitucionalista da Voz.