segunda-feira, março 15, 2010

terça-feira, maio 12, 2009

As afinidades electivas

Quizabes a calidade que mellor nos defina aos blogueiros sexa o desencanto. Ciclicamente, melancólicos, certificamos a nosa morte e redactamos o noso propio obituario.

Esmorecen os xornais en papel, disque tamén os libros, e agora a este ladaíña interminábel de cadáveres seica tamén hai que engadir o blogomillo. Asistimos ao noso velorio, soterrámonos e os máis crentes reencarnámonos nun perfil que din que nos define, pero que reduce as nosas vidas a unha listaxe de gustos e preferencias tan baleira coma esa soidade da que renegamos. Procuramos centos de amigos e agregámolos nese patio de rexoubas tan grande e solitario coma un deserto. Cada gran, un amigo. Todo eles collen nunha presada de area que cando nos decatemos esluirase entre os nosos dedos. Volvemos coleccionar cromos coma cando nenos; cambiámolos e durante un tempo vivimos coa ilusión de completar o álbum, que de seguro ficara nun recuncho poeirento.

Estamos en crise, si, mais a unión fai a forza. Concentrémonos, sumemos esforzos e recursos e conformemos un só equipo. Eu xa calcei as botas e partir de agora xogarei neste novo campo. Nuns días irei afacéndome e percorrerei a banda coma sempre.

O sitio do meu lecer



Marchou Antonio Vega, fican as súas cancións.

segunda-feira, maio 11, 2009

Tarde piaches, meu!

Coligit, expurgat, innovat e ás veces fala, aínda que mellor estaría calado.


sexta-feira, maio 08, 2009

Parabéns, Monsieur Giraud


Hoxe cumpre anos o gran Moebius e quero darlle as grazas por todas as horas de lecer coas que me agasallou nos últimos 25 anos. Grazas por Bueberry, por John Difool, por Arzach, polo Maior Fatal, por Jim Cuttlass, polo Incal, polos mundos de Edena , pola Venecia celeste...

quinta-feira, maio 07, 2009

Woods



Levo semanas enganchado a esta canción do novo EP de Bon Iver, cuns versos moi sinxelos que repite arreo e cun marabilloso tratamento da súa voz acada este fermosísimo resultado:

I'm up in the woods
I'm down on my mind

I'm building a still
to slow down the time

quarta-feira, maio 06, 2009

Galegao


Levo todo ano acudindo os luns pola tarde ao conservatorio co meu fillo e o seu bombardino. Aló agardo dúas horas por el para traelo de volta canda dúas amigas e compañeiras. A ida atravesamos sempre a Avda. de Castelao e dende primeiro día en que me preguntou quen era o tal Castelao, eu debúllolle todos os luns parte da súa vida e obra e el anda un chisco alucinado de que fose tantas cousa: político, escritor, ilustrador, pintor... Este luns cando xirabamos na rotonda diante do Alcampo, falamos:

―A Castelao le gustaba mucho el gallego, no?

―Abofé que si, xa cho contei.

―Pues si tanto le gustaba bien se podía llamar Galegao y no Castelao.

Recoñezo que tardei en collelo e mo tivo que explicar, pero logo escachamos os dous a rir coma parvos. Eu pola súa brincadeira e el, supoño, que satisfeito pola súa enxeñosa ocorrencia.

terça-feira, maio 05, 2009

Correlingua

Hoxe , día no que os meus fillos e moitos outros correran polas rúas de Vigo na defensa da nosa lingua no Correlingua o9, cobran aínda máis sentido as valentes palabras de Belén Regueira.