terça-feira, maio 12, 2009

As afinidades electivas

Quizabes a calidade que mellor nos defina aos blogueiros sexa o desencanto. Ciclicamente, melancólicos, certificamos a nosa morte e redactamos o noso propio obituario.

Esmorecen os xornais en papel, disque tamén os libros, e agora a este ladaíña interminábel de cadáveres seica tamén hai que engadir o blogomillo. Asistimos ao noso velorio, soterrámonos e os máis crentes reencarnámonos nun perfil que din que nos define, pero que reduce as nosas vidas a unha listaxe de gustos e preferencias tan baleira coma esa soidade da que renegamos. Procuramos centos de amigos e agregámolos nese patio de rexoubas tan grande e solitario coma un deserto. Cada gran, un amigo. Todo eles collen nunha presada de area que cando nos decatemos esluirase entre os nosos dedos. Volvemos coleccionar cromos coma cando nenos; cambiámolos e durante un tempo vivimos coa ilusión de completar o álbum, que de seguro ficara nun recuncho poeirento.

Estamos en crise, si, mais a unión fai a forza. Concentrémonos, sumemos esforzos e recursos e conformemos un só equipo. Eu xa calcei as botas e partir de agora xogarei neste novo campo. Nuns días irei afacéndome e percorrerei a banda coma sempre.

O sitio do meu lecer



Marchou Antonio Vega, fican as súas cancións.

segunda-feira, maio 11, 2009

Tarde piaches, meu!

Coligit, expurgat, innovat e ás veces fala, aínda que mellor estaría calado.


sexta-feira, maio 08, 2009

Parabéns, Monsieur Giraud


Hoxe cumpre anos o gran Moebius e quero darlle as grazas por todas as horas de lecer coas que me agasallou nos últimos 25 anos. Grazas por Bueberry, por John Difool, por Arzach, polo Maior Fatal, por Jim Cuttlass, polo Incal, polos mundos de Edena , pola Venecia celeste...

quinta-feira, maio 07, 2009

Woods



Levo semanas enganchado a esta canción do novo EP de Bon Iver, cuns versos moi sinxelos que repite arreo e cun marabilloso tratamento da súa voz acada este fermosísimo resultado:

I'm up in the woods
I'm down on my mind

I'm building a still
to slow down the time

quarta-feira, maio 06, 2009

Galegao


Levo todo ano acudindo os luns pola tarde ao conservatorio co meu fillo e o seu bombardino. Aló agardo dúas horas por el para traelo de volta canda dúas amigas e compañeiras. A ida atravesamos sempre a Avda. de Castelao e dende primeiro día en que me preguntou quen era o tal Castelao, eu debúllolle todos os luns parte da súa vida e obra e el anda un chisco alucinado de que fose tantas cousa: político, escritor, ilustrador, pintor... Este luns cando xirabamos na rotonda diante do Alcampo, falamos:

―A Castelao le gustaba mucho el gallego, no?

―Abofé que si, xa cho contei.

―Pues si tanto le gustaba bien se podía llamar Galegao y no Castelao.

Recoñezo que tardei en collelo e mo tivo que explicar, pero logo escachamos os dous a rir coma parvos. Eu pola súa brincadeira e el, supoño, que satisfeito pola súa enxeñosa ocorrencia.

terça-feira, maio 05, 2009

Correlingua

Hoxe , día no que os meus fillos e moitos outros correran polas rúas de Vigo na defensa da nosa lingua no Correlingua o9, cobran aínda máis sentido as valentes palabras de Belén Regueira.

segunda-feira, maio 04, 2009

Escritores galegos para qué?


Moi atinado e de obrigada lectura o artigo de hoxe de Ferrín.

sexta-feira, maio 01, 2009

MUSA GALEGA



Aturei a gala da entrega dos Mestre Mateo á espera de que alguén saise en defensa da nosa lingua. Tras moitas referencias a paralise do sector por mor da crise e do troco de goberno tivo que chegar a gran BELEN REGUEIRA para poñer as cousas no seu sitio. Belén non necesita dun premio para que moitos saibamos que é a mellor comunicadora deste pais de ananos, e como tal defendeu a nosa lingua e a dos nos fillos ("o coñecemento sempre suma"), valente e sentida, dun xeito que me emocionou. Mágoa dun plano do conselleiro de Turismo nese intre, pois andaba por alí co seu rostro cosmopolita. Mentres outros fican incomprensiblemente calados, ela falou ben alto e ben clariño.
Máis tarde un dos premiados agrdeceulle de xeito persoal o seu discurso e adicou o seu premio ao seu fillo Nuno, creo que se chamaba, a quen coñecen polo alcume do neno que fala galego no barrio da Coruña onde vive. Eu quero darlle azos a ese pai para que siga na loita. Eu rendinme hai tempo; meu fillo entrou na primaria coma galego falante e en Nadal xa perdera a súa lingua. A miña filla malia que lle falamos en galego case non o emprega, o seu compañeiro de xogos, o seu irmán e o seu principal referente idiomático. Ulos están os seus dereitos cívicos ? En ningures, ese dereitos só existen para os castelán falantes.
Grazas Belén, no meu nome e no dos meus fillos Lucas e Zoe.

quinta-feira, abril 30, 2009

A casa do Vagabundo


Este sábado día 2 de maio falarei de O Carteiro de Bagdad con Rivadulla Corcón na Radio Pública Galega a partir das 14.30, quedades todos convidados.

quarta-feira, abril 29, 2009

A aceifa...


...xa comezou e o gran caudillo das hostes da amabilidade lingüística baixou o seu polgar condenando a morte a todos aqueles infieis que non falén en cristián.

(Sobre a ilegalidade da medida os seus complacentes asesores xurídicos poden dicir misa pois dende o primeiro ano de facultade aprendiase que una norma de rango inferior non pode derogar unha superior como se pretende facer: a orde presidencial, xa de por si de dubidosa legalidade competencial, de que a inspección de educación dite tal circular supón unha derogación ímplicta do decreto do galego, pasándose polo forro toda a xerarquía normativa. E mentres tanto o
modelno conselleiro de educación mirando cara a outro lado e precupándose das subvencisóns dos colexios do Opus que discriminan por razón de sexo ao seu alumnado. O outro día o mestre Xabier Docampo chamabanos a resistencia pácifica, pero isto pinta moi mal, as agresións sucédense unha tras outra. Imos ter que tomar as armas, é a nosa lexítima defensa.)

Patas de peixe


Hai xentiña que non aprende e segue a traballar pola nosa culturiña. Hoxe, ás 20.30 na sala Ultramarinos de Compostela (Casas Reais 34) e coa compaña musical do grupo Stranniki un fato de arroutados presentan a nova editora Patas de Peixe que xa ten nas librarías unha mágnifica e coidada edición de O incrible neno devorador de libros do gran Oliver Jeffers que vos recomendo a todos. Benvidos sexan estes pobres toliños.

terça-feira, abril 28, 2009

A culturiña


A nosa non é unha Cultura con maiusculas, é unha culturiña para andar pola casa en bata e chinelas e non saír nunca a rúa, non vaia ser que nos avergonce ou se arrefríe. Unha culturiña de corpo 12 que xamais acadará a altura precisa pois só mirá para os seus pés e cae seguido no vitimismo. Unha culturiña chea de artistiños locais que cortos de miras nada teñen que dicir alén do Padornelo. Unha culturiña de escritores que se limitan e porfían teimudos en empregar unha neolingüa, un dialecto artificial conservado grazas a un feixe de labregos analfabetos. Unha culturiña á que, de cando e vez, lle chove un premio nacional, pero só por aquilo de gardar as formas.
Somos un fato de limitadiños que precisamos dun berniz cosmopolita e políglota como o do que presume o Conselleiro de Turismo. Como seica ainda ten chea de cocacolas e sandwichs de polo a neveira da súa casa en Nova Iorque, podería ir organizando nela estadías e residencias de artistas e escritores galegos. Así poderíamos caer da burra dunha vez e unirnos a esa gran Cultura global, que é o que este país precisa para sair dunha vez por todas do seu atraso secular.

segunda-feira, abril 27, 2009

Nihil Obstat


Deixovos unha nova anotación no obradoiro da rúa d´Armada cunha nova crítica de Festina Lente, quizabes a derradeira, aparecida esta fin de semana no sumplemento cultural do ABC.

sábado, abril 25, 2009

25 de avril, sempre


Hoxe é un día extraño, emotivo e alegre por unha banda etriste pola outra.

quinta-feira, abril 23, 2009

Made in Galiza


O políglota e cosmopolita conselleiro de Turismo non fala catalán na intimidade como Aznar, mais le uns versos dese perigoso radical de esquerdas que é Ferrín antes de durmir. E cóntanos máis e máis cousas perante unha coca-cola e un sanwich:

"La cultura gallega está muy bien pero limita, prefiero la cultura hecha en Galicia"


"... fomentando o de Galicia ou que se produce en Galicia, non só o que abrangue o adxectivo galego . No meu mandato proxectarei a cultura que se fai aquí, sexa quen sexa, na lingua que sexa."

Día do libro... galego


Se estades estomballados no voso sofá,
podedes mercalo aquí ou acolá.

(Aviso: este post axústase estritamnete aos novos protocolos
de amabalidade
lingüística)

terça-feira, abril 21, 2009

De crucifixos e bandeiras

De todos os austeros fastos dos novos conselleiros de onte chámame moito a atención que nun estado aconfesional como o español sega sendo noticia que dous deles prometeran o cargo, Educación e Traballo, cando o sorprendente e que oito deles aínda o xuraran, deben de ser conselleiros pola graza de Deus e non polo dedo de Feijoo ou de Louzán. Amais, toda a cerimonia faise perante un crucifixo e unha bibilia, en fin...
Nas súas primeiras declaracións todos eles, coa lección ben aprendida coma un fato de mainiñas ovellas, dixeron aquilo de programa, programa e programa; agás o conselleiro de Turismo que anda coa perrencha do Xacobeo 2010. Todo cheira a un presidencialismo atroz, co Presidente acumulando máis e máis competencias, igualdade incluida, e esculcando aos seus dez mágnificos para que ningún saque os pés do prato.
Logo produciuse o relevo ante os seus predecesores e aí a que refulxiu cal supernova foi a conselleira de Traballo e Benestar, á que "algo le chirriaba y le producía alergia": no despacho de Quin só ondeba a bandeira galega, e ela ipso facto encargou unha bendita enseña nacional, xa sabedes a española, a única nación que para eles existe no estado español, e unha europea tamén por aquilo de disimular. O que non aclarou foi o tamaño da mesma, xa a vexo un domingo destes nun suplemento envurullada nela coma un ninfa de Boticelli. Dende logo esta muller vai dar xogo, e senón ao tempo. Por certo, algúns semella que seguen en campaña e non baixan do seu infame cabalo.

segunda-feira, abril 20, 2009

Distopía



O corpo do J.G. Ballard, probalablemente un dos mellores e máis influintes escritores da segunda metade do Século XX, e un dos meus preferidos, regresou onte á terra agostada e deixou baleiro o seu escritorio. Nesta foto conversa con gran J.L. Borges. Sempre pensei que nesa conversa había un grande novela que xa quederá sen escribir ou quizabes non? Vaian estes vellos versos na súa lembranza.

CAR CRASH

Anacos de cristal pingan na autoestrada
e o sangue e o tempo
estouran en millóns de glóbulos vermellos.



quinta-feira, abril 16, 2009

terça-feira, abril 14, 2009

segunda-feira, abril 13, 2009

Vento nas velas!


Esta frase da que tanto gusta o meu editor Manolo Bragado, e o único que se me ocorreu dicir, amais de dar os oportunos agradecementos, cando hoxe me comunicaron que a Sección de Crítica Literaria da AELG propuxo o meu Festina Lente para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander. E aínda me honra máis que na proposta me acompañe a gran Chus Pato.

quarta-feira, abril 08, 2009

Azar


A semana pasada rematei e corrixin unha nova novela e, isto xa comeza a ser un vicio perigoso, empecei a matinar no meu próximo proxecto: retomar aquela serie que non interesou a ninguén, mirar a America con aquela vella idea. Non sabía moi ben cara a onde tirar, mais un libro co que me agasallaron no IES Castro Alobre tras unha fantástica charla cos rapaces a conto de Festina lente, deume a idea. Precisaba procurar por un vello recorte de xornal de hai catro anos que tiña gardado nalgures sobre o meu escritorio, nel estaba o celme desta nova historia. Pasei toda a fin de semana tras del e non houbo maneira de atopalo, batín con esvaecidos recortes de hai dez anos pero do que precisaba, nin pegada. Xa desistira e comezara a ler o que tiña escrito da serie, cando, hoxe ordenando o escritorio da oficina, o maldito recorte caeu ao chan entre un feixe de papelorios.
Teño claro que non podo deixar pasar esta brincadeira do azar, así que alá vou. A historia, polo de agora, comeza en New Jersey a comezos dos oitenta coa morte dun vello emigrante galego, pero dá moitas voltas no espazo e no tempo... Aínda non teño o final, nin a estructura, pero si a historia e os personaxes, así que todo se andará.

terça-feira, abril 07, 2009

Adeus, mestre



Deixounos o gran cantador e contador Chano Lobato, para min, con Gardel, o mellor intérprete de Volver, o marabilloso tango con letra do gran Alfredo LePera.

segunda-feira, abril 06, 2009

Estou canso I


Estou canso de pedir un café con xeo nos bares e de que, invariablemente o camareiro/a me pregunte sempre, un café con hielo?, como se eu non fose quen de entender a miña propia lingua.

sexta-feira, abril 03, 2009

Hallelujah!




As miñas pregarias foron escoitadas, e tras gozar con Dylan, Young e Van, o 13 de agosto poderei escoitar por fin ao gran Leonard Cohen no auditorio de Castrelos na cita musical máis importante do verán galego.

quinta-feira, abril 02, 2009

segunda-feira, março 30, 2009

Degranxo cutufo, samuruas papiloseiros!


O sábado tiven a honra de recibir da Fedración de Libreiros de Galicia o premio Irmandade do Libro ao libro do ano por Festina lente. O mellor do evento, amais do premio como non, foi ter a oportunidade de compartir mesa e mantel durante tres horas con tres mestres como Fina, Agustín e o tamén premiado Xabier, co que poso na foto cos nos pesados galardóns. Xavier fixo un emotivo, combativo e imprescindíbel discurso sobre a nosa lingua que podes ler aquí.
Degranxo cutufo, samuruas pailoseiros! Moitas grzas, amigos libreiros!

quinta-feira, março 26, 2009

terça-feira, março 24, 2009

No centro dun mundo propio


Aproveitando que o gran r.r. e Cesar Candelas veñen de gañar o III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural, aí vai unha nova entrega do Escritorio Galego onde o primeiro explícanos devagar as súas receitas literarias preferidas.

segunda-feira, março 23, 2009

Nove meses


Este e o tempo que transcorreu dende que Festina saiu do prelo e aínda está a darme moitas alegrías: agora anda de finalista nos premios da AELG e nos da Federación de Libreiros.

sexta-feira, março 20, 2009

Disparen ao pianista I


No seu artigo de onte no Xornal, David Formoso falaba do esmorecemento do galego e propoñía unha nova estratexia. Na súa analise sinalaba entre outras causas esta: "Ligado ao ensino, están as lecturas. As que se recomendan, polo xeral, son tan pouco axeitadas como atractivas. Chegados a unha idade, os rapaces atopan libros máis interesantes en castelán."
Carafio ! resulta que agora, a fuxida dos rapaces cara ao castelán é culpa tamén dos escritores galegos. Seica non escribir de magos ou de vampiros leva aos mozos a devorar os betsellers internacionais. Non sei, pretenderá, que escribamos por concurso público e sexa a Admon. que nos indique, pobriños autores que non se decatan de nada, os temas á moda para que escribamos sobre eles. Xa o vexo: pasarela literaria galega, outono-inverno do 2010.
Semella esquecer o sr. Formoso, que a nosa LIX e un dos terreos máis vizosos das nosas letras, o que conta coa maior visibilidade exterior, cun feixe de traduccións e é recoñecido polo mundo adiante con premios e honras de todo tipo. Cando un neno coreano pode ler a Agustín ou a An na súa lingua por algo será, ou ao mellor pensa o sr. Formoso que estes autores tamén faran fuxir aos nenos do coreano cara ao inglés , por exemplo.
Mellor será que o Sr. Formoso apunte a súa escopeta dialéctica cara outra presa. Ainda que pensandoo ben, esta idea, a do escaso atractivo do que estamos a escribir os autores galegos, comeza a callar tamén noutros ámbitos, aí temos as queixas dalgúns senlleiros libreiros nos últimos meses. Pero deles, dos libreiros, prometo falar o luns.

quarta-feira, março 18, 2009

GALEGOTICÓNS


Iago Martínez fala hoxe ben clariño no Xornal ao fío do novo Mapa Sociolingüístico.

terça-feira, março 17, 2009

Pepe González 1939-2009


Morreu o debuxante Pepe González, e o solleiro destes días trouxo un aquel de melancolía. E aquel rapaz , que xuntaba as pesetiñas para mercar no quiosco o Creepy, o Zona 84, o Comix Internacional e tantos outros, emocionouse e percorreu de novo co seus dedos o corpo sensual de Vampirella.

quinta-feira, março 12, 2009

Amabilidade lingüística


Feijoo vai camiño de atopar un lugar senlleiro nos libros de lingüística a carón do mesmísimo Saussure. Onte, na súa visita ao Consello da Cultura Galega, sacou da manga un novo palabro: amablidade lingüística. E con todo o descaro reinvindicou a Piñeiro, Sabell e incluso a Cunqueiro! Como se non chegara coa entelequia esa do bilingüismo hármonico. O alicerce dese nova política de amabilidade lingüística xa sabedes cal é: "Pobrecitos, que hablen lo que quieran esos palurdos, siempre que no se mezclen con mis niños y los retrasen en sus clases de inglés" .
Asemade, coma pasa sempre que os petos do estado andan baleiros, os recortes viran pola cultura, pois non foi quen de confirmar que vaia haber consellería, así que cada un xa pode ir pensando e pagarse os mojitos. Aínda que isto non é mala idea, só pensar en Lopez Chaves nese posto dáme un calafrío. O que si confirmou e que o gran eixo da súa política cultural vai ser o Xacobeo 2010, asi que xa podemos irnos preparando.
De todos os xeitos, o dos recortes nos gastos culturais en tempos de crise, especialmente de aquilo que os políticos populistas considerna que é elitista, esténdese coma un andazo por toda Europa. Vai como exemplo a polémica que ven de crear Baricco en Italia pedindo que nestes tempos de recesión non se poden desbaldir os cartos públicos no teatro e na música e que estes deben gastarse nas escolas e na TV.


quarta-feira, março 11, 2009

11M

Érgome as oito da mañá con M., está preñada de cinco meses e ten cita ás nove para unha ecografía. Na radio oímos a Gabilondo que informa da masacre en Madrid, e eu acendo o televisor na procura das primeiras imaxes, con tanto rebumbio o noso fillo Lucas esperta, prepárolle o almorzo e M. lisca lixeira, pois vai chegar tarde a súa cita.
Namentres o visto para ir a escola Lucas pregúntame que pasou, pois o barullo da televisión e da radio asolagan toda a casa. Eu explícolle que uns homes malos puxeran unhas bombas nuns trens dos que a el tanto lle gostaban e morrera moita xente inocente; el, espontáneo, retrúcame dicindo que habería que matalos. Eu trato de explicarlle que iso non estaría ben, que habería que detelos, xulgalos e metelos no cárcere. El cos seus case catro anos, non queda moi convencido. Eu tampouco.

Hoxe, un ano despois, Lucas aínda se lembra do día dos trens, eu aínda me lembro daquela outra nai que tamén ía facer unha ecografía a que nunca chegou e miña filla Zoe que ten case oito meses e alumea co seu sorriso as noites escuras dun tempo infame que non escolleu vivir.

(Anotación do 11/3/05)

terça-feira, março 10, 2009

O olifante de almafí


Sempre pensei, que das andainas polo país que Manolo Gago nos relata no seu extraordinirio Capítulo 0, poderíanse sacar o xermolo de moitas e boas novelas. Pero o caso da elefante de guerra da igrexa da Pobra recoñezo que me deixou prendido e ata enfiei unha historia sobre a súa orixe e a do canteiro que a traballou.
Recoñezo que agora non podo escribrila -co seu permiso, por suposto- pois ando ensarillado, por un lado, cun proxecto ilusionante co que estou aprendendo moito sobre a escrita malia que case aseguraría que non sacarei nada en limpo, e, por outo, teño unha novela rematada por corrixir, a espera do veridito dos meus lectores, que andan un chisco preguiceiros.

segunda-feira, março 09, 2009

Causalidades/casualidades


Fagamos un pequeno xogo e contextualicemos todas estas novas: o candidato, que eu saiba aínda non é presidente (lembremos o tamayazo madrileño) que no mitín das Travesas en Vigo (un dos seus feudos electorais) camelou coa súa demagoxia (en castelán, of course) aos inquedos traballadores de Citroen que teñen un ERE sobre as súas cabezas; levaba tres anos usando de balde un coche cedido pola empresa. Ao parecer esa cesión incumpre o rexime de incompatibilidades do parlamento galego e incluso pode ser causa de obrigas fiscais. Pois ben, esa mesma empresa que tan xenerosa lle cedeu o automóbil anuncia agora, uns días depois das eleccións unha inesperada carga de traballo de 14.000 vehiculos que ao parecer lle caeron do ceo e dos que non sabía ren. Agora xogade vós e relacionade...

(Os de PRISA con tal de seguir meténdolle o dedo no ollo a Esperanza e a vella guardia do PP, largábanse onte unha reportaxe haxiográfica sobre o beatífico Feijoo, o home sen pasado, sen mácula nin mancha. Todo por manter aí a Rajoy: saben que non hai mellor/peor contricante para ZP. En fin.. o da prensa neste país está a chegar a uns extremos...)


sexta-feira, março 06, 2009

Praat jy Spaans?

Ben pouco lle durou a Feijoo o seu discurso obamista do domingo: do "gobernarei para todos e o con todos" pasou onte ao "gobernarei para todos e con todos pero cada un na súa corte". A política de segregación lingüistica que ven de anunciar é un dos maiores erros políticos, -contéñome no calificativo- dende a chegada da democracia. Un erro que é o primeiro alicerce para acadar unha nova maioría progresista para este país nas eleccións do 2013.
Este ataque frontal ao sentido común, ao máis elemental principio de igualdade e á nosa lingúa, abre unha caixa de pandora da que non semella moi consciente.
Se a un pai ou nai se lle dá a posibilidade de escoller que o seu fillo non comparta aula con eses pailáns que queren aprender galego, cal será a seguinte escolla? Non compartir aula con inmigrantes? con nenos do sexo contrario? con rapaces musulmans? con ciganos? con nenos cuxos pais non estean casados? con nenos de parellas gais? con nenos morenos de máis...? E como faran os mestres para recollelos da hora de lecer e levalos a cada un para a súa aula monolingüe, poñerémoslles mandilóns de cores? Unha chapiña coa bandeira, co símbolo da súa relixión, co sexo dose seus pais...
É onde vai todo aquilo da política de austeridade, da loita contra o dispendio? Pensa duplicar mestres e aulas, onde está a financiación? E cos libros de textos? serán gratuitos só os que estan en castelán e o que queira galego que o pague? Ou ao mellor pensa organizar o ensino todo de xeito monilingüe. Por unha banda os CEIPG, os galegos, e pola outra os CEIPE, os casteláns. E despois de crear guetos lingúisticos escolares, os pais, por aquilo da concilición da vida laboral e familiar, mudaranse o máis preto posible das escolas dos seus fillos e as nosas vilas e cidades quedarán segregadas entre banda galega e banda castelán.

(Na foto, a vella bandeira afrikaner, xa estou imaxinado a bandeira galega, coa española incorporada no medio e coa británica tamén, por aquilo de que sen o inglés non se pode andar polo mundo. No título do post unha frase en afrikaans: Falas español? )

What´s going on



Na nosa casa, os días Marvin Gaye son aquelas xornadas felices nas que un se alegra de estar onde, como e con quen está. Neses días lucidíos sempre soan estes dous temas a xeito de pagá acción de grazas.
Pois ben, tras a grisalla e o desencanto destes días é hora de ollar cara a adiante. Vaia este video con todo o meu agarimo para o arrichado de Mario que nunca caeu no pesimismo e para todos aqueles que aínda non levantaron o ánimo. Estamos en marcha de novo.

quinta-feira, março 05, 2009

Watchmen


Co gallo da estrea mañá da versión cinematográfica, que el hombre molécula xa foi debullando, no semanario A Nosa Terra que podedes atopar dende hoxe nos quioscos fago unha recensión desta obra fulcral da narrativa contemporánea.

quarta-feira, março 04, 2009

Xeración perdida


Ao fío desta lúcida anotación de Brétemas e desta incontestable de Lándoas póñome a facer contas da meu persoal historial político dende que cumprín os 18 anos: 86-87 AP, 87-90 PSOE, 90-05 PP, 05-09 PSOE-BNG, 05...PP. É dicir 18 anos de dereita contra contra 7 escasos de esquerda, nos que creo lembrar que só gañei catro eleccións. O balance é triste é arrepiante. Comenteillo ao meu fillo onte ao mediodía durante a comida: que moito me temía que ía ter que ser el quen desaloxase a estes do poder alá para o 2018 cando poderá botar por vez primeira.

terça-feira, março 03, 2009

Comezamos ben

Non tardou nin 48 horas, haberá que volvera as rúas entón.

segunda-feira, março 02, 2009

Corina vai quedar



Esta canción é a que mellor pode definir o meu estado de ánimo. Sen que iso deslexitime a vitoria espectacular de Feixoo e a desfeita, tamén espectacular do bipartito/bifronte, nunha xornada histórica de participación electoral.
Non estou triste polo hostión dese bipartito/bifronte que o buscou á mantenta, coa súas leas constantes e coa súa covardía política; senón por algúns deses vencedores que desfilaron tras da pancarta de GB e que podon acabar nunha consellería. Estou triste por que penso que é un día triste para a nosa lingua.
E fácil dicir agora que xa a barruntaba (aínda que só 38), malia que a Mario lle desgusten os que falan a touro pasado, pero cando un leva dez días escoitando nas cafeterías e bares de Vigo falar só do coche e do mobiliario do ex-presidente e logo dos vellos secuestrasdo, dos armanis e do iate do ex-vicepresidente, é que algo non vai ben. E non foi. A extraordinaria suba do voto urbano popular demostra que ese discurso do dispendio callou naqueles que máis dificil o están pasando, nos parados e hipotecados das cidades, que lexitimante castigaron aos desbaldidores: "eu estarei fodido pero ti vas a puta rúa". O que non sei é que sentiran cando esa austeridade que lles venderon supoña só a sinxela mudanza dos ocupantes dos coches oficiais e dos despachos, máis nada.
Despois, están os desencantados, coma min, que esperaban moito máis dese cambio progresista de hai catro anos, e que remataron decepcionados e pasaron de votar, eu fíxeno no derradeiro intre dun xeito utilitario que aínda me doe, pero coñezo a moitisimos que non o fixeron .
Por non falar de Pepiño e os seus fontaneiros de Ferraz que debeu pensar que isto era como o congreso federal aquel que lle gañou a Bono, en fin...
Ningún dos dous EX fixo o máis mínimo exercicio de autocrítica onte nos seus dicursos, non falaron da súa arrogancia, da súa deconexión co realidade, da mala xestión... nada de nada. Perderon por que o outro gañou sen máis, como se eles non botaran un mal agarrado na pista durante catro anos no que se meteron cambadelas arreo.
E agora Feixoo. Deberá escoller moi ben o seu equipo, no discurso de onte tras a vitoria seguía a manter a súa idea da campaña que agardo que poida cumprir. Deberá tamén levar coidado de Raxoi, que pretenderá capitalizar o seu éxito como propio, cando se o pensamos na súa campaña no rural o presidente popular ben pouco fixo e aínda pode perde un deputado por Ourense.
E logo están todas esas promesas: listas de espera de 45 días, baixada de impostos, o peche das galeoscolas, o citroen de presidencia, a derogación do decreto do galego... moitas delas inviables dada a situación económica e outras arrepiantes e que son as que, como galegofalante, me meten o desacougo no corpo.


sexta-feira, fevereiro 27, 2009

Ás urnas


"A lingua é a pel. A cor da pel vai canda nós a calquera lugar."

O Profesor de vegliota, Manuel Veiga

segunda-feira, fevereiro 23, 2009

O presidente puxo (ou quitou) a carauta


“No pasaré nunca, reitero, por el aro de la imposición lingüística, porque las lenguas ni se prohíben ni se imponen, se aman, se aprecian y se valoran, —porque— son instrumentos de unidad"
"Quiero una Galicia sin adoctrinamientos de ningún tipo, no gobernaré a cualquier precio. Mi precio es alto: se llama Galicia y nunca se deberá a nada que no sea Galicia y los gallegos, y quiero ser y seré el presidente de todos y, sino, tenéis mí palabra y no lo seré; trabajaré para todos sin colores ni distinciones”.

(Noia o 22 de febreiro de 2009)

sexta-feira, fevereiro 20, 2009

Adeus á carne



Bo Entroido a todos:
pantallas, correos, merdeiros, irrios, cigarróns,
felos, peliqueiros, charrúas, boteiros, choqueiros,
murrieiros, vergallerios, damas, máscaras, galáns,
xenerais, carautas, troteiros, madamitos e madamitas.

quinta-feira, fevereiro 19, 2009

Baixo a pel


Existen grandes clásicos e obras mestras do cine, da literaura e da música nos que case todos podemos concordar. Logo estan eses libros, filmes ou discos que nalgún momento das nosas vidas, e con indepedencencia da súa calidade, quedáronse metidos baixo a nosa pel para sempre. Obras que conectaron dun xeito emocianal con nós como espectadores, lectores ou oíntes. Obras nas que nos vemos reflectidos, cos nosos soños, inquedanzas ou pesadelos. Obras que semellaban que falaban con nós directamente e fitaban o noso interior. Obras, en fin, que sempre nos acompañarán.
A min pásame con algúns filmes, e volveume pasar onte con Beautiful girls, o extraodirnario filme do malogrado Te Demme, que vin na TV ata ben entrada a madrugada. Non vou de debullar agora as marabillas desta obra e as grallas, que tamén as ten, pero recoñezo que no intre en que a vin eu rondaba a idade dos seus protagonistas e me atopaba na mesma encrucillada vital que eles. Curiosamente é un filme, xunto con este ou estoutro por exemplo, que non teño en DVD e que non merco de xeito consciente. Prefiro descubrilos por azar nunha madrugada cando os botan pola tele e deixar que se metan de novo baixo a miña pel.

terça-feira, fevereiro 17, 2009

Vinte


Un, dous, tres, catro, cinco, seis , sete, oito, nove, dez, once, doce, trece, catorce, quince, dezaseis, dezasete, dezaoito, dezanove e vinte foron os metros que separaron aos rapaces e mulleres do caiuco de Teguise dos seus soños. Unha distancia infinda, un delgado fío entre a arela e o pesadelo, entre a vida e a morte.
Non é dificil de imaxainar que para algúns destes rapaces fora o seu segundo ou terceiro intento, tras seren expulsados nunhas desas razias ordeadas por un goberno que di ser progresista e de esquerdas, e que converte aos axentes de policías en cazadores de cabeleiras negras e mouras. Que noxo!

sexta-feira, fevereiro 13, 2009

Galegos coma vós



A máis lúcida e autocrítica reflexión sobre a mani e os incidentes en Santiago faina Cesare. Confeso, que pasada a carraxe inicial polo que vin e escoitei ese domingo, e reflexionando devagar ten máis razón cun santo. Supoño que a distancia con que observa todo lle permite esa claridade, máis se o poñemos en directa relación con esta nova.

Lúa de xemas frías



TA ÑI CHAU ÑI DUNGUN

Ñomumgenedochi dungun meu
entuken ñi dungun
aluñmalechi pun meu
apumniengeam

Graciela Huinao


Tranquilos que non tolei. Este poema de chilena Graciela Huinao pertence a escolma de poesía mapuche Lúa de Xemas frías, a cargo do poeta Xulio L. Valcárcel e editado recentemente por Espiral Maior. Una libro con grandes versos coma estes e que ademáis nos descobre unha cultura indíxena minorizada e unha lingua, o mapudundgun, ricaz, complexa e fermosa como a nosa.


A VOZ DO MEU PAI

En linguaxe indómita
nacen os meus versos
da prolongada
noite do extreminio.

quinta-feira, fevereiro 12, 2009

Eleniña


Unha das maiores vergoñas da miña cidade e que esta elementa siga de presidenta da Federación de Veciños Viguesa. Como acotío non se mete en poucas pucharcas, agora vai e se erixe en representante de todos os viguesas para darlle un palmadiña no lombo, en castelán por suposto, ao ínclito editor da Voz.

"Reflejan lo que pensamos cada uno de los vigueses"

Aquí xa todos a coñecemos e lembramos o ben que bailaba aconchegada a bilingüe Corina Porro.

(E mira que non me gusta falar aquí destas historias, pero ás veces lévanme os diaños)

quarta-feira, fevereiro 11, 2009

A peneira de An


A escritora An Alfaya peneiranos os fermosos segredos
do seu proceso creativo nunha nova entrega do Escritorio galego.

terça-feira, fevereiro 10, 2009

Cocido madrileño II


Non o vira ata o de agora e aínda que poida ser un chisco reseso teño que comentalo.
Dalgúns opinadores e dos titulares dalgúns xornalistas xa sei o que me espera, pero destes dous non o agardaba. A tira dá unha visión sesgada, parcial e reducionista do acontecido o domingo en Santiago. Toma partido, sinalando aos bos e aos malos. Castelán si, galego non. Incluso na caracterización dos personaxes, elegantememente traxeado un e con rasgos porcinos o outro. Calquera que vexa os videos pendurados na rede e as fotos sabe que iso non se axusta a realidade. En fin, unha verdadeira mágoa. OINK, OINK!

segunda-feira, fevereiro 09, 2009

Cocido madrileño


As conclusisóns que podemos tirar da exaltación do cocido madrileño onte en Santiago poderían resumirse nestes sinxelos puntos:
1º O escaso poder de convocatoria, só 3.000 nunha Quintana medio baleira, cando a máis pequecha festa de calquera produto gastronómico do país conta aos seus participantes por ducias de milleiros e iso que hai que pagar as racións e non teñen buses de balde como estes.
2º O infame emprego do termo "independentista" por parte dalgúns medios que lle serven de altofalantes, todos os coñecemos e négome a enlazalos, e que vai camiño de identificarse con ese outro tan querido polos mesmos: "islamista".
3º O fielmente retratados que quedaron os políticos galegos que ían tras da pancarta cos seus rostros desencaixados pola carraxe, e que dende onte pasaron xa a historia do aldraxe contra a nosa cultura como inimigos do galego. Berremos os seus nomes ben alto e non os esquezamos cando vaiamos a depositar o noso voto o un de marzo: Corina Porro, Carlos Negreira, Alfonso Rueda, Ignacio López-Chaves e Ana Pastor.
4º O escaso sentido do humor das forzas da orde e o lixeiros que andan sempre para darlle aos de sempre. Unha e outra vez, as pelotas de goma baten nos mesmos.


quinta-feira, fevereiro 05, 2009

Bus nacionalista


Este é o bus tuneado cun vello poema meu. Aquí podedes deseñar o voso.

G2


Non sei se será cousa da precampaña electoral, pero dende o luns os rapaces deste país poden por fin ver un programación infantil polo serán na nosa lingua propia na segunda canle da TVG na TDT. Asemade os poucos programas interesentes da nosa televisión pública, Banda Curta, Miraxes, Onda Curta e Libro Aberto, reemítense a unhas horas máis axeitadas para un televidente que non sexa un noctámbulo confeso.
Benvida sexa esta programación imprescindíbel para a normalización do galego entre a rapazada. Agora, só desexar que estreen algunha nova serie e non sexan todo reposicións, para que un non teña que estar pelexando cos fillos para que non cambien a unha canle en castelán.

terça-feira, fevereiro 03, 2009

Por que menten os pais?

Nun dos primeiros faladoiros que fixen nunha escola, un dos rapaces preguntoume estrañado, “por que menten os pais?” Referíase ao feito de que no libro os pais mentíanlle arreo ao protagonista. Eu, dubidei antes de responderlle, e tentei explicarlle que era un intento por parte dos adultos de protexelo, de agocharlle a cruel realidade que o arrodeaba. Un intento ben intencionado pero van, pois a verdade sempre remataba por impoñerse, e así acontecía na novela. Deseguido, espeteille que os seus pais tamén lle mentían, que todos os pais o facían, incluso eu mesmo aos meus fillos. O rapaz estartelou os ollos ante as miñas palabras e ficou amoucado o resto da charla.

De regreso a casa, fun matinando, entre o arrepentimento e a indignación, na pregunta daquel rapaz, na miña resposta e no que realmente se agochabas tras delas. De seguro que lera moitos libros ao longo dese curso e nos anteriores, pero semellaba que os adultos e rapaces que se atopara neles non eran senón idealizadas construcións virtuais que non se correspondían á realidade. Pensei que, en moitos deses libros, esa realidade se presentaba edulcorada, peneirada polo cribo da corrección política, do didactismo e do adoutrinamento. Libros ateigados de prototípicos bos e malos, nos que todo era branco ou negro, sen que tivese sitio o cinsento, esa sombría calella que todos transitamos acotío. Libros de protagonistas clónicos e intercambiables, nos que se escollía o seu sexo, cor, nacionalidade ou relixión atendendo ao gusto ou a tendencia do momento. Libros que eran requintados espellos onde os rapaces se reflectían, pero que non podían atravesar, por que doutro lado non había ningún país das marabillas, senón o máis absoluto baleiro. Libros convertidos en silabarios morais e manuais de boas maneiras onde a literatura brillaba pola súa ausencia, onde a palabra e a expresión eran danos colaterais nunha guerra que só procuraba un presunto e altruísta fin educativo. Libros de finais felices onde se presentaba a vida como unha tómbola e non como o inferno que é en moitas ocasións, nos que as tramas estaban tan mastigadas que non deixaban aos rapaces roelas ao seu gusto.

Porque, aínda que semelle obvio, hai que dicir que a LIX é literatura. Os autores somos escritores, non pedagogos nin preceptores, e debemos facer literatura, ese é a nosa misión, se é que nesta sociedade mercantil na que vivimos temos aínda algún papel atribuído. Debemos enfrontarnos a escrita con independencia e liberdade, facéndoo coa mesma paixón e os mesmos azos, sen distincións polo xénero ao que poida ser adscrita.

Existe un evidente prexuízo social en relación coa LIX e acotío escoitamos cualificativos despectivos sobre ela, opinións infundadas e displicentes. Quizabes, é que o gañamos a pulso. Escritores, editores, críticos e educadores, semellamos esquecer tamén nalgún lugar do camiño esa verdade fundamental. Que a LIX, ante todo, ten que ser literatura e non ese fío musical anódino que agora soa nos corredores de escolas e institutos, nos cuartos de moitos rapaces. Convertemos a placidez, a seguridade, a sinxeleza e o conformismo en valores literarios supremos que substituíron á carraxe, ao risco, á complexidade e á rebeldía. Extraviámonos e temos que volver retomar o camiño. Temos que escribir sen marcos nin censuras, botando man de todos os recursos do noso oficio, sen excepción. Temos que escribir para incomodalos e provocalos, para que dubiden e se interroguen. Eis o papel da literatura para rapaces.

Hai un dito árabe que di que un libro é coma un xardín que se leva no peto. Pois moi ben, démoslles aos rapaces iso, sementemos nos seus petos vizosos xardíns cheos de matogueiras e silveiras nos que teñan que rozar e sachar arreo. Estou seguro de que o esforzo ben paga a pena.

Aí fora, a vida é unha selva. Non lles mintamos, para iso xa están os seus pais.

(Artigo publicado no suplemento de cultura Nós do Xornal de Galicia do sábado 31 de xaneiro)

segunda-feira, fevereiro 02, 2009

O marqués de Sargadelos


Antonio Raimundo Ibáñez hai hoxe 200 anos que foi asasinado vilmente nas rúas de Ribadeo. O noso primeiro industrial ilustrado morreu por afrancesado a mans deses poderes fácticos que logo entronizaron ao absolutista Fernando VII nesa suposta guerra que o liberalirmso decimonónico e o actual nacionalismo español nos venden como de Independencia (chamada guerra peninsular por toda a historografía europea).
Incluso algúns papáns galegos únense aos fastos e van traer en 1ª clase a un sobriño-tataraneto de Napolén , supoño que non será para linchalo na porta do Sol. Non estaría mal que algúns dos nosos gobernantes estudaran un chisco de historia e se deixasen de tanto populismo. Precisamos dunha certa revisión de todo este mito españolista, non nego a existencia dunha revolta popular, pero a mesma non foi tan espontánea como se pretende presentar, senón argallada por aqueles, igrexa e nobreza, que vían peligrar os seus privilexios ante os principios ilustrados franceses. A guerra só supuxo a perpetuación do antigo rexime durante case todo o ominoso século XIX, ata a Gloriosa de 1868.
Cando moitos europeos camiñaban cara á modernidade republicana nos loitabamos e morríamos para seguir baixo a bota do monarca absolutista, iso sí, español a moita honra.


quinta-feira, janeiro 29, 2009

Nai, mamá, mom


Como se non chegara coa entelequia esa do bilingüismo harmónico, o axente 009 saca agora da manga o trilingüismo con portátil.

quarta-feira, janeiro 28, 2009

Voto emigrante

Obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, obsceno, osbceno.

(Xa que Iago Martínez non o fixo no seu excelente artigo de onte no Xornal, roubolle a idea e fágoo eu por el)

terça-feira, janeiro 27, 2009

4º Aniversario


Hai xa 4 anos, 500 anotacións, que comezaron estas Alfaias e que me convertín en Folerpa. Neste tempo pasaron moitas cousas na miña vida: publiquei todos os meus libros; a milla filla, daquela un naipelo, xa vai para os cinco anos; o meu fillo xa é un homiño de oito que carrexa o seu bombardino polo conservatorio, sego a despertar a carón dela... Houbo risos, choros, decepcións, alegrías e algunha que outra perda, pero seguín adiante, moitas veces grazas aos comentarios que algúns aquí deixaron.
O mais importe que me aconteceu grazas a este caderno foi que coñecín a moita xente, algúns, penso, xa son amigos para sempre. Grazas a eles por estar aí e a todos os demais lectores tamén, de parte de Folerpa e de Marcos Calveiro tamén.

segunda-feira, janeiro 26, 2009

Explicación II

(Grazas a desintereseda coloboración de Danilo mellorei moito a imaxe gráfica da miña campaña en prol da nosa lingua. Deixo aquí ao carón a imaxe. Os que queirades xa sabedes)

A desvergonza de FENOSA



Os meus avós levan sen luz dende a noite do venres por mor temporal como moitos outros fogares galegos, seica 60.000 aínda hoxe. E non viven nunha casal perdido nas montañas do interior, senón a uns quilómetros do centro de Pontedeume. Os dous pasan dos oitenta anos e levan uns días un chisco trastornados, a escuridade e o frío descolocáronnos e non saben en que hora viven. A súa rutina cotiá viuse estragada e iso afectoulles moito. Amais, a miña tía tivo que pechar o seu restaurante, perdeu todo o que tiña conxelado nas cámaras e todas as comidas da fin de semana. Unha desfeita.

E mentres tanto que fai FENOSA, nada de nada. Nin sequera foi quen de informar aos seus abonados de cando podería estar resolta a incidencia na liña, como din con eufemismo. Seica caeron moitas árbores, e é certo a situación foi execpcional, pero se as servidumes que afectan a todos as liñas estiveran limpas de matogueiras e ramalladas , a incidencias terían sido moitas menos. Calquera que camiñe polos montes do país sabe moi ben o estado das liñas, dos paus da luz e de todas esas torres enferruxadas.

Pero a eles dálles igual, son uns desvergonzados, só hai que ver o que fixeron co seu último recibo. Con ir por el ao caixón e comprobalo, poderédesvos decatar da falcatruada. Non pasaron a ler os contadores e facturaron unha lectura estimada moi á baixa, na nosa casa só 13 ridículos euros polos meses de novembro e Nadal cando de media pagamos 70. Así no próximo recibo, o de marzo facturaran toda esta enerxía atrasada coa suba autorizada por Industria a partir deste mes de xaneiro e co incremento ademais do IVE. Unha desvergonza.

E mentres tanto que fai a Xunta, nada de nada, pois xa está en precampaña. Hoxe na Radio Galega o conselleiro de industria falou por fin e mostrouse moi timorato, seica teme que as eléctricas implicadas lle impugnen o concurso eólico. O que máis dixo foi que se abriría unha investigación. Cando foi o apagón de Barcelona as eléctricas tiñan aberto un expediente aos cinco minutos pola Generalitat do que derivaron multas millonarias.
O dito, á desvergonza de FENOSA, únese a da Xunta.