segunda-feira, maio 16, 2005

Letras galegas

Disque no novo mapa das titulacións que propón o Consello de Universidades desaparece como tal a de Filoloxía Galega. Disque tamén que por cada euro que os galegos nos gastamos en promover a nosa lingua gastamos outros 240 na de Don Quixote.
Na miña mocidade o dezasete de maio era lectivo, non instituto faciamos cartaces, exposicións, líamos os libros do homenaxeado e organizábase un concurso literario, lembro que un ano acadei o primeiro premio en narrativa e o segundo en poesía, foi a miña primeira e derradeira vitoria no eido literario, co paso do anos só acumulo derrotas aínda que miña nai non perde a esperanza e limpa tódalas semanas con cariño as bandexiñas de alpaca que me entregaron daquela.
Recoñezo que do homenaxeado deste ano, nada lerá, agás da súa condición de poeta exiliado pouco máis sabía, supoño que coma min a maioría dos lectores.
Nun xornal falaban estes días do pulo que estaba tomando a celebración, eles que nin sequera ese día fan a edición en galego ao completo ou que revelaron fai pouco no seu suplemento de culturas o grande segredo literario do honrado nun artigo titulado: “De como un gallego le robó la musa a Borges”.
Creo que a celebración esmorece pouco a pouco, o de convertela en feirado foi un erro, e o que debería ser a grande festa das nosas letras mudou nunha escusa institucionalizada para que as editoriais fagan as súas monografías e edicións e suban un chisco as súas escasas cifras de ventas, ou que unha cadea de supermercados imprima nas súas bolsas un poemiña que ninguén lerá, ademais cada día a festa está máis lonxe da rúa e do lector medio pois adícase a mortos case descoñecidos, non digo que non sexan relevantes nas nosas letras, cando podía ser o grande premio das nosas letras a un escritor vivo, un recoñecemento a toda a súa obra literaria.
Todo parece máis ben a necrofílica celebración dunha lingua morta. RIP

sexta-feira, maio 13, 2005

Aurora Vidal Martínez

Morreu onte na vila do Lérez non moi lonxe de onde nacera en 1911, mestra, poetisa e membra da RAG dende 1952.
Da súa obra destacar Poemas de nenos e paxariños (Libros da Frouma nº9, Follas Novas, Santiago Xuño 2000), un fermoso libro que é unha ledicia para pequenos e maiores. Vaia este anaco do seu poema Cantiga de homenaxe.


Deus abandonoume, quitándomo todo,
mais deume beleza no leito da morte;
deume canto tiña no pano da lousa,
semente de lúa, arume de froles.

Sepultoume, antón, na cova da terra,
coa groria miña dos seus privilexios;
deume o canto limpo dunha eternidade
nas longas campanas, desfeitas en versos...

quarta-feira, maio 11, 2005

A Memoria do Inferno ou O Inferno da Memoria

Que escuras reviravoltas dá a vida dun home para finxir durante trinta anos que sobreviviu ao terror dun campo de concentración nazi, e presidir unha asociación de superviventes, e escribir un libro desa imaxinaria tortura e dar charlas aos rapaces sobre a súa fantástica e arrepiante experiencia e recibir medallas no seu peito.
Que escuras reviravoltas dá vida dun candidato para ocultar tódolos seus anos de vida pública no anterior réxime, tódolos seus cargos, embaixadas, secretariados e ministerios, rúas que eran de el e mergullos na praia.
Supoño que todo será por causa desa “burda criba da memoria” da que falaba Günter Grass no seu demoledor e lúcido artigo deste fin de semana.

terça-feira, maio 10, 2005

Semáforo

Na penedía
branca da beirarrúa
onde boquexan
as baleas
e precipítanse
os lemmings
voltamos a ser animais
que ignoran
as mensaxes cifradas da circulación.

quinta-feira, maio 05, 2005

Tender Pontes

Pola autoestrada cruzamos a Raia, xa non hai viaxe nin fronteiras nin alfándegas, todo muda nunha ladaiña interminábel de sinais indicadores e carteis, e Penélope farta de agardarnos, vende cebolas e allos nunha cuneta cinsenta. Na cidade agás pola lingua xa todos somos iguais, poderiamos estar en calquera outro lugar e non nós decatariamos nin eles tampouco, aínda que sempre nos quedará a fachendosa babel que resiste estarrecida a ira divina do deus americano ou escandinavo ou chinés que todo o asolaga e uniformiza. Dende a fiestra do automóbil leo na outra beira do río, baixo a ponte e pintada con grandes letras brancas no peirao que se afunde nas augas balorentas do Douro unha fermosa e suicida declaración de amor, AMOTE MAIS DO QUE AO SOL. Cecais a única e derradeira diferenza sexa esa.

sexta-feira, abril 22, 2005

19 de Xuño

A todo porco chégalle o seu San Romualdo.

segunda-feira, abril 11, 2005

A Memoria do Inferno ou O Inferno da Memoria

Que escuras reviravoltas dá a vida dun home para finxir durante trinta anos que sobreviviu ao terror dun campo de concentración nazi, e presidir unha asociación de superviventes, e escribir un libro desa imaxinaria tortura e dar charlas aos rapaces sobre a súa fantástica e arrepiante experiencia e recibir medallas no seu peito.
Que escuras reviravoltas dá vida dun candidato para ocultar tódolos seus anos de vida pública no anterior réxime, tódolos seus cargos, embaixadas, secretariados e ministerios, rúas que eran de el, sentencias de morte e mergullos na praia.
Supoño que todo será por mor desa “burda criba da memoria” da que falaba Günter Grass no seu demoledor e lúcido artigo deste domingo

terça-feira, abril 05, 2005

LOITO

Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo neno que morre de fame nunha sabana de Sudán neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo pai que contaxia a SIDA a súa muller e os seus fillos aínda non nacidos nun alfoz de Sudáfrica neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio polos milleiros de acólitos asexados polos lobishomes lúbricos con sotana en calquera recuncho dos USA neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio pola nai que olla cara o seu fillo que chucha desacougado duns peitos enxoitos nunha choupana de Etiopía neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo nena que morre de sede en calquera aldea de Eritrea neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polas mulleres tratadas coma gando e prostituídas a forza nos clubs e bares de estrada que se inzan polo país neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol por tódolos nenos e nenas que xamais poderán ler ou escribir os seus propios nomes en calquera recuncho do planeta neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos indíxenas asasinados en calquera país suramericano neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos traballadores encadeados nos talleres e factorías de calquera país asiático neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos centos de nenos que morre de febre por falta dunha sinxela menciña en Costa de Marfil neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos inmigrantes que afogan no océano neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo rapaz soldado que dispara na selva do Congo neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol pola nena a que lle mutilan o seu sexo en Zambia neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos millóns de mulleres que agochan os seus rostros tras un velo ou un pano asasinados en calquera país neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol pola nosa indiferenza e hipocrisía de cochos ben cebados.