segunda-feira, setembro 05, 2005

Caderno de verán II

Non estamos en Finlandia aínda que un mantelo de cinza e fume escureceu de súpeto o día. Estamos no extremo máis ao norte do país segundo as precisas coordenadas que un cartel anuncia na entrada do faro. Z. arrepiada fica nos teus brazos e as súas meniñas dilátanse incapaces de abranguer ese mar infindo que bate con bravura nas penedías e bourea nas furnas coma o xigante aldraxado dun conto de nenos. Ti apertala pero ela indefensa, incluso no teu van, rompe a chorar ante a inmensidade azul que se estende ante nós. A corda do horizonte esvaeceuse e o ceo e o mar confúndese e as nubes e as ondas e os avións e os peixes. Por uns intres o seu pranto fai calar ao mar e as bágoas salgadas que esvaran polas súas fazulas van reunirse coas súas compañeiras que caladas as agardan entre a escuma branca para comezar de novo o seu eterno e incesante pranto.

quinta-feira, setembro 01, 2005

Caderno de verán I

Unha tardiña na praia L. non quere saír da auga para regresar a casa, eu bérrolle pero el faise o xordo e mergúllase unha e outra vez. De súpeto unha das derradeiras raiolas do sol cégame coma un lóstrego, pecho os ollos e cando os abro estou noutra praia. Na súa ribeira miña nai chama ao neno que fun pois xa é hora de marchar, eu fágome o xordo e mergúllome arreo nas ondas coas miñas novas aletas azuis. Pecho os ollos de novo e cando os abro L. segue na auga, séntome na area morna e tranquilo agardo ollando cara o sol que se pon tralos montes de cinza namentres na buguina da miña memoria resoan salgados os berros daquela moza que foi miña nai.

sexta-feira, julho 29, 2005

Vacacións

Voume.
Xa puxen as chancletas, a camiseta e os pantalóns curtos e non penso quitalos ata setembro ainda que caian chuzos de punta.
Estes son os plans:
- pasar uns días en Sargadelos, outros nos montes da Paradanta, algo de praia e a festa da auga.
- corrixir unha breve novela de LIX que rematei estes días para entregala nunha editorial á volta.
- ver tódalas películas que se me amorearon ( Egoyan, Ozu, Labute, Allen, Wong Kar Wai...).
- afundirme na lectura: inescusábel a simultánea dos relatos Cheever(unha vez máis) e os seus Diarios, así como a nova Gramática Práctica de Sotelo Blanco.
- desistir da novela coa que levo dous anos entullado e comezar outra.
- tomarme as cousas con máis tranquilidade, ser menos irónico e berrar menos:tratar de ser alguén que non son.
-Bicar máis a M.

Todo isto co permiso dos nenos claro está.

Voltar

Acougan á espreita
no faio da memoria
e ao abrente da madurez espertan
facéndonos falar sen ambaxes,
lembrando amigos de nome incerto,
vellas series de televisión
e esquecidos ritos da mocidade.

E xa de madrugada
esvaecen coma lampos
na estática do tempo
e nós ficamos espidos
diante dos escaparates das ferreterías.

Eire

O de onte debería ser o espello
onde todos deberiamos ollarnos.
Vítimas, Políticos e Verdugos.

quinta-feira, julho 21, 2005

Unha pancada no cu.

Era o que merecía a neniña de Foz polas perlas que nos deixa hoxe na entrevista do Correo, vaia un exemplo:

– ¿Escribe más en castellano que en gallego?
– Es cierto, pero sin embargo lo siento en gallego. Lo que pasa es que tengo mi editorial que me publica en castellano y que distribuye muy bien mis libros que tienen puntos de venta en toda España. De todas maneras yo soy galaico-parlante desde mi juventud.


Sobran os comentarios.
O que eu digo unha pancada no cu.

Data estelar 21/07/05


Morreu o benquerido Scotty. Dende a cuberta do Entreprise eu e tódolos seus compañeiros de aventuras o despedimos emocionados. Que as estrelas o guien aló onde vaia.

quinta-feira, julho 14, 2005

Cartas do terceiro día

Por fin metín o pé no mundo editorial galego despois de anos tentándoo unha e outra vez. Fai unhas horas unha amábel concelleira chamoume ao móbil para comunicarme a concesión dun premio de poesía que implica a publicación do poemario por unha editorial do país.
A miña ledicia foi inmensa ao que hai que engadir os parabéns de dous membros do xurado que falaron tamén comigo e me agasallaron os ouvidos coas súas louvanzas. Un deles dixo que pensaran que os versos escribiraos unha muller, para min non poder haber maior gabanza pois con esa intención os escribín.
Prometérame que se este ano non tiña resposta dunha editorial ou premio deixábao e mira por onde soou a frauta. En parte este blogue erá un forma de dar saída a miña frustración de escritor inédito cobizoso de lectores.
A primeira chamada como non foi a M. que estaba cos nenos na casa e que foi a inspiradora e a primeira en ler o feixe de versos agora premiado. A segunda foi para Náufrago que co seus azos e consellos nos seus talleres mantívome a flote estes derradeiros meses. A terceira, a cuarta a quinta.... foron para pais, tías, amigos e demais familia como poñen nas esquelas do periódico.
A vos que estades ao outro lado do espello e me ledes e me comentades non vos podo chamar pero vaia dende aquí o meu máis sincero agradecemento por levar aí dende xaneiro. Unha aperta a todos.