terça-feira, dezembro 27, 2005

Corpos novos mortos en traxe de baño

Onte en Cuatro emitiron unha indignante reportaxe sobre o tsunami. Relataron a catástrofe dende a parcial perspectiva dos turistas que se salvaron polos pelos en Tailandia e tiveron que sufrir a incomodidade dunhas rabuñadas e unha noite de angustia na selva á intemperie denantes de que fosen repatriados as súas cómodas casiñas do primeiro mundo. Pobriños eles. Dos máis de douscentos mil mortos de alí, da situación actual dos refuxiados en tendas e choupanas sinxelamente nada de nada, as frías cifras e nada máis.
Algunhas das verbas dos sufridos e emocionados turistas non tiñan desperdicio. Un médico francés relataba que o que máis lle impresionara e non esquecera eran os corpos novos mortos en traxe de baño – corpos occidentais, claro- e un sueco afirmaba que polas noites aínda oía o ruxido das ondas que se achegan cara el. Dos cadavres de milleiros de tailandeses aboiando nas augas ou pendurados das palmeiras nin unha palabra.
Había unha imaxe que definía a perfección a nosa arrogancia de indestrutíbeis habitantes do primeiro mundo. Nunha terraza a beira da praia e coa onda mortal case enriba deles un fato de turistas fumando tranquilamente ollaban coma babiolos cara o espectáculo dunha morte segura.

segunda-feira, dezembro 26, 2005

Nadal

Hai anos que xa non nos facemos agasallos nestas datas. Onte sentados no sofá as raiolas do derradeiro sol do ano quecían os nosos corpos cansos, namentres os nenos xogaban sobre a alfombra voadora cos seus xoguetes novos nun mundo inocente do que fai tempo fomos expulsados. O meu mellor agasallo é ver o reflexo deles nas túas meniñas de carambelo.

quinta-feira, dezembro 22, 2005

Glutamato Yeyé

Nunca comprendín a ansia voraz e o apetito desmedido que provocan nos meus fillos, na pequerrecha de 17 meses tamén, os jojitos ou gusanitos ou patatillas e que non se producen con calquera outra lambetada das que comen. Descóbrese agora segundo un estudio dunha universidade que un aditivo que conteñen especialmente estes petiscos salgados, o E-621 ou glutamato monosódico, incrementa nos ratos a voracidade ata un 40%.
Dende hoxe mesmo meus fillos deixan de ser coma cobaias de laboratorio.

quarta-feira, dezembro 21, 2005

Todo o nada

Esta portada xa é historia do blogomillo. Parabéns Marilyn.

terça-feira, dezembro 20, 2005

Síntomas

O mesmo día que un feixe de anónimos blogueiros comiamos churrasco e bebíamos licor café producíanse dous feitos sintomáticos do feble estado da nosa cultura carente de debate e o de menor xesto de audacia ou modernidade:

1º Por un lado era reelixido o actual presidente da RAG sen que se presentase ningunha outra candidatura alternativa.

2º Na noite dos primeiros Premios da Edición era elixido coma autor do ano 2005, repito do ano dous mil cinco, Xosé Luís Méndez Ferrín.
E coma libro ilustrado do ano 2005, volvo a repetir do ano dous mil cinco, un de Luis Seoane.

segunda-feira, dezembro 19, 2005

Xantanza do blogomillo 05: conclusións

1ª:Os que estaban son, máis non estaban todos.
2ª Metabloguear é o peor e hai que tunear os blogues, Ascarida dixit.
3ª: Que vello me sentín enfronte dalgúns blogueiros dez ou quince anos máis novos.
4ª Mágoa que Mariademallou non fixese uso do seu botiquín laranxa de urxencias poéticas.
5ª: Que bo estaba o licor café.
6º Os da mesa do lado cantaban máis e mellor: hai que ir pensando nun himno do blogomillo.
7ª A musa e o muso do blogomillo: IC e FV.
8ºLevámonos todos demasiado ben, fai falla algo de polémica entre nós.
9ºFoi un pracer saudar, beber, comer e falar con vostedes.
(algunhas fotos na de Paleón)

quinta-feira, dezembro 15, 2005

Agasallo

Este é o meu humilde agasallo de Nadal para todos vos, agardo que gocedes léndoo como o fixen eu escribíndoo.
Sairá do prelo en febreiro editado por Tambre.

Tópicos

A afamada profesora e crítica literaria ao falar do premio afirma:
"pero a frescura e o esforzo de non facer alardes de erudición, e pola actitude humilde e discreta que amosa, sempre pensei que a autora era unha muller.."
Polo tanto a sensu contrario e como autor masculino, eu son reseso, fantasma, fachendoso e lingoreteiro.