segunda-feira, janeiro 16, 2006

SANTIAGO DE CHILE

Apágase a luz,
ábrense as fiestras
e saudamos ás veciñas.
As folerpas de papel hixiénico e xornais
enchen a rúa de vagar
namentres abaixo vense os primeiros paraugas
e alguén nalgures canta
e todos na cidade o seguen.

Estamos en xaneiro
e nos teus ollos, Michelle,
comeza por fin a agardada primavera.

terça-feira, janeiro 10, 2006

Xaxún

Levo dous meses documentándome para unha novela e xa fixen o esquema xeral, así que vai sendo hora que me poña ao tallo sen repouso nin descanso, ou a miña cabeza, a mesa e a memoria do ordenador van botar fóra ateigadas coma están de mapas, rueiros, documentos, personaxes e fotografías. Ven todo isto a conto, a que durante uns tres meses a miña ración diaria de alfaias e de lecturas e comentarios no blogomillo reduciranse en grande medida. Agardo que este temporal xaxún me veña ben pois creo que ultimamente non estaba a altura do que merecedes ou do que por calidade e interese leo nos blogues dos demais.

segunda-feira, janeiro 09, 2006

Xúpiter

Esta mañá fun ao caixeiro e un arreguizo percorreume o corpo ao lembrarme das arrepiantes imaxes coas que na noite de reis nos agasallou a televisión. E lembrei tamén as declaracións no xornal do malpocado pai quitándolle ferro ao feito polo incendiario asasino que criara na súa casa e sentín un arreguizo aínda máis grande. E lembreime tamén desta frase dun dos máis fermosos e desesperanzados libros que lin na miña vida: imaxes de pais que estaban tan famentos e insatisfeitos que se comían aos seus propios fillos.

quarta-feira, janeiro 04, 2006

Estrelas

No primeiro nº do ano de A Nosa Terra, pax.21, que podedes atopar nos quioscos, a consellería de cultura felicítanos o 2006 cun firmamento de estrelas galegas para a cultura do mundo, un cultura para construír o país que soñamos. Gustaríame saber quen foi ou funcionario ou asesor astronómico que fixo a delirante relación estelar chea de ananas xa extintas e ata unha estrela dobre, e esqueceu algún dos astros máis sobranceiros e tamén dos máis novos e audaces do noso firmamento cultural no eido das letras, da música ou das artes. Unha mágoa.
Algún articulista na Voz de hoxe pretende anexionar á nosa cultura aos escritores galegos en castelán, coma se Navokov repousase no panteón das letras rusas ou Conrad no das polacas. O que ten que que ler un a estas alturas do partido.

segunda-feira, janeiro 02, 2006

Os Mellores do ano

Coma os libros, bandas deseñadas, DVDs e os CDs amoréanseme e pasan os días sen que teña un intre para lelos, velos e oílos, moitos dos aquí seleccionados poidan que sexan de anos anteriores pero eu descubrinos este ano, asemade pasáronseme moitas novidades. Nestes tempos que vivimos a miña percepción, comoa criación, fragméntase polo que nalgúns casos non podo escoller unha obra completa.

Verbas

Galegas: Es aqueo ”A culpa foi de Max Weber ” de Ramón Caride, Edicións Xerais e “Xeonllos” de Francisco Castro, Espiral Maior.
Estranxeiras: “Sin heroismos, por favor”, de Raymond Carver, Bartleby editorial e “Esperando al enemigo” de Gonzalo Calcedo Juanes, Tusquets.
Galegas ilustradas: Luces que se acenden e se apagan de Ramón Trigo, Kalandraka.
Estranxeiras ilustradas: Casa Vacía de Ramón Trigo, Anaya.

BD

Estranxeira: "Panopticum" de Thomas Ott, La Cúpula.
"Madre, vuelve a casa" de Paul Hornschemeier, Astiberri

Sons

Canción galega: “Se ti queres” , de Guadi Galego e Guillerme Fernández
Canción estranxeira: Ex aqueo para “Porque es Domingo” de Tarik y la Fabrica de colores, “Galang” de M.I.A. e “La revolutión ne sera pas télevisée” de Experience.

Imaxes

Serie TV: Lost
Documental: Carrilanos de Rafael Cid.
DVD: Live in Chicago, de Wilco
Filme: Corpse Bride, de Tim Burton

Arte

Galega: Souvenir de Fran Herbello, Espacio Anexo do MARCO
Estranxeira: CHIKAKU, tempo e memoria en Xapón, MARCO

Blogues

Post: Ex aqueo ao Nome dos parentes do Ollo da vaca e No camiño de AQUI
Serie de posts: As mulleres do Kamikaze I-V de Cidade cero

domingo, janeiro 01, 2006

23.59.60

Din no xornal que o ano 2006 comezará cun segundo de máis. Un segundo novo pero igual que tódolos outros para incrementar as estatísticas do ano de mortes, andazos, desgrazas e inxustizas. Un segundo máis para a maldade e a ruindade do home.
Que alguén pare ese maldito reloxo dunha vez por todas, por favor.

quinta-feira, dezembro 29, 2005

Fogar de Breogán

Nunhas horas farei co meu fillo algo que nunca fixemos xuntos: sentaremos no sofá e veremos un partido de fútbol na televisión, e cantaremos o himno, e berraremos e axitaremos as nosas bandeiras, e cando marquemos o primeiro gol... estouparemos.

quarta-feira, dezembro 28, 2005

Perda

Despois de cinco anos, tres pisos e milleiros de quilómetros percorridos, meu fillo rachou polo eixe dianteiro o seu ferrari, coma el o chamaba, botando unha carreira coa irmá polo corredor da casa. Apareceu emocionado no salón co volante nunha man e as rodas noutra chorando. O desgusto duroulle máis dunha hora de bagoas e laios e despois xa máis tranquilo tralos aloumiños da súa nai procurou nos catálogos dos xoguetes por un igual e ensinoumo. Eu trateille de explicar que a vida esta chea de perdas e que tras esta primeira virían moitas máis, pero que tamén gañaría e atoparía moitas outras cousas na súa andaina. Engadín tamén que as horas de lecer que pasou co seu correpasillos dende os seis meses non regresarían se mercásemos outro igual, e que as lembranzas non se poden substituír por outras. Que ese pouso que lle van deixando as persoas, os obxectos, os lugares e as vivencias son o que o van conformando devagar para converterse nun homiño.
Parece que quedou máis convencido ca min, pois xa me vexo co torpe que son facendo bricolaxe caseiro para ver se llo dou amañado, o que non penso é mercarlle un igual, creo.