segunda-feira, fevereiro 20, 2006

Purgatorio

Teño pendente dende fai uns anos unha cervexa cun morto. A derradeira vez que o vin en vida, convidoume i eu, amábel, rexeiteino cunha escusa ao ver nos seus ollos o estigma do fracaso, daqueles tempos pasados que para el foran os mellores e para min eran só unha afastada lembranza. Días despois lin no diario que un automóbil o atropelara nunha madrugada de sábado á volta de Samil, dándose despois a fuga. O ruxerruxe das súas verbas, dos seus recordos, ás veces percórreme o corpo cun arreguizo. Un día destes tentarei invocar a súa pantasma, a ver se dunha vez por todos me di o que quere e me libero por fin dela.

sexta-feira, fevereiro 10, 2006

Dinosauros de chocolate

Os nenos levan uns días coa gripe e están a piques de tolearnos a súa nai máis a min. Onte ao pouco de rematar a comida que deixaron toda nos seus pratos querían galletas, e febrís e desafiantes chantáronse diante da lacena da cociña. A miña pouca autoridade paterna derrubouse ante a simpática estampa dos dous papamocos reclamando un gorentoso petisco que para eles era coma un dereito inalienábel da súa infancia. Rendido aos seus encantos, abro a lacena e espántome, aínda que a culpa é só miña, pois alomenos conto seis variedades distintas de formas, tamaños e sabores. Para calmala miña conciencia doulles a charla, que se hai moitos nenos que pasan fame, que se son uns privilexiados, bla, bla bla, e ameázoos de que agora en diante só vai haber na casa unha caste de galleta, as marías de toda a vida e nada máis. O maior que ten cinco anos fita para min e moi serio dime: “Pero que sería da vida sen galletas ”. Eu ante tan profunda reflexión simplemente pecho a miña bocaza e doulles uns dinosauros de chocolate

sexta-feira, fevereiro 03, 2006

Orly

Levamos unhas noites amándonos polos aeroportos do mundo adiante. Chuchándonos e apertándonos nos infindos corredores que non levan a ningures, nos hixiénicos servizos onde os altofalantes din os nosos nomes en tódalas linguas que ignoramos.
Levamos unhas noites amándonos, cando eu te bico en Bos Aires, ti salaias en Nova York, cando eu berro en París, ti tápasme a boca en Moscova.
Levamos unhas noites amándonos entre as sabas mornas sen atoparnos.
Levamos unhas noites soñándonos.

quarta-feira, fevereiro 01, 2006

En galego

Sigo sen comprender como vinte anos despois aínda teño que aturar tanta publicidade en castelán na TVG. Dende fai tempo e como consumidor anoto nun caderno o nome destes anunciantes para non mercar ningún dos seus produtos. E así deberiamos facer todos.
E como ollar na carteleira da Vangarda os filmes que se estrean en catalán e sentir envexa. Ou como oíres respostar en perfecto castelán de Valladolid as preguntas que en galego lle fai un xornalista da RG ao noso conselleiro de economía ou ao director xeral desa caixa que ven de incrementar os seu beneficios nun obsceno 24% grazas aos cartos dos clientes e empresas deste país.

segunda-feira, janeiro 30, 2006

Cinco manías Cinco

Non contesto xamais estas cadeas agás que alguén mo pida dende o xeado país dos meus benqueridos vikingos.

1ª Non mercar xamais billetes de ida e volta, por aquel conto de Thomas Bernhard.
2ª Non comer xamais unha peza de froita, ela xa está afeita a que lle dea trabadas as súas tenras camoesas.
3ª Cando escribo facer continuas taxonomías de cousas, algúns chámanlle un trazo de estilo a esta manía miña.
4ª Non levar reloxo no pulso, por aquel conto de Cortazar.
5º Ler dicionarios e enciclopedias das máis variadas materias.

sexta-feira, janeiro 27, 2006

Tartarugas

Entre os dous deben sumar case que 150 anos e fican no automóbil, un antediluviano 127, do lado e agardan pacientes a que o tránsito atafegante flúa de novo coma un acugulado río toldado. Ela dille algo, bátelle no brazo con agarimo e os dous estouran en silenciosas gargalladas, vai frío e todos temos as ventás pechadas. Eses risos cómplices e adolescentes resumen unha vida xuntos, unha vida de seguro chea de calamidades e infortunios, si, pero unha vida xuntos.

segunda-feira, janeiro 23, 2006

Ventos

Eu estou, ou estaba de xaxún, mais o meu benquerido Sari segue a falar por min namentres olla como desaparecen na corda do horizonte as pequenas pencas en que mudaron os grandes barcos que partiron do peirao cos velames cheos co vento do monzón e cos seus bandullos baleiros na procura das lendarias illas das especias.

quarta-feira, janeiro 18, 2006

Comparanza

A pesares do que din os poetas e os namorados, existe algo mellor que o primeiro amor: a constancia do definitivo.