quarta-feira, junho 14, 2006

J.L.B. (1899-1986)

“ Un home proponse a tarefa de debuxar o mundo. Ao longo dos anos poboa un espazo con imaxes de provincias de reinos, de montañas, de badías, de naves, de illas, de peixes, de habitacións, de instrumentos, de astros, de cabalos e de persoas. Pouco antes de morrer, descobre que ese paciente labirinto de liñas traza a imaxe da súa cara.”

Bos Aires, 31 de outubro de 1960.

terça-feira, junho 13, 2006

Sudokus

Levo uns meses facendo unha pequena enquisa sobre os hábitos de lectura nos transportes públicos, neste caso o vitrasa no que moitos días e durante media hora atraveso a cidade de casa aos xulgados. A mesma non ten vocación científica ningunha, os meus coñecementos de estatística son nulos, pero entendo que é reveladora de moitos comportamentos. Denantes de ofrecer os datos quero destacar un feito arrepiante: os cadernos de sudokus son un verdadeiro andazo que están a decimar as ringleiras de lectores. Pasaxeiros que antes eran habituais lectores pasáronse ao maldito pasatempo numérico abandonando os seus libros nun recuncho das súas casas. Tamén é notábel a penetración dos diarios gratuítos, pero alomenos estes ofrecen unha lectura, sexa de maior ou de menor calidade, e neles pódese ler a Javier Calvo ou a Jordi Costa.
A min o dos sudokus supérame. Non sei que saca un deles, agás estragar neuronas que co tempo botaremos en falta cando nos acheguemos a silandeira demencia senil. O dos encrucillados xa é outra cousa, neles aprendes vocabulario e se tes interese e acodes ao dicionario podes atopar un mundo de verbas. Eu recoñezo que aprendín máis castelán facendo aqueles lendarios encrucillados de Peko que en tódalas miñas clases de lingua e literatura.

segunda-feira, junho 12, 2006

A República dos blogueiros III

Os feitos semellan que van confirmando a miña teoría que botara a andar fai uns días. O rolda de blogueiros gañadores de certames segue con Jaureguizar que desta volta recunca gañando o premio xuvenil Fundación Caixagalicia e continua co gañador do Xerais, Ameixeiras, que ademais de blogueiro segundo o xurado e el mesmo nas súas declaracións emparenta a estrutura da súa novela cos blogues.
Mágoa dalgún que outro blogueiro finalista que quedou as portas. Quedan aínda moitos premios e a Xeración Blogueira segue a avanzar implacábel.

sexta-feira, junho 09, 2006

IX CONCURSO DE POESIA CONCELLO DE CARRAL

Un xurado composto por Ánxeles Penas, Xulio L. Valcarcel e por min acordou por unanimidade, dentro da grande calidade dos orixinais presentados, concederlle o IX Premio de Poesía do Concello de Carral ao poemario titulado “Ou morrerán as bolboretas por non teren quen as miren” presentado baixo o lema “Sudario de desacougos” e obra do escritor lugués ISIDRO NOVO.

quinta-feira, junho 08, 2006

O libro das desilusións

Ando estes días desacougado e coa testa coma unha gaiola ateigada de paxaros voando e batendo con forza no meu cranio. Agardo que a viaxe de esta tarde a Carral para as deliberacións do xurado do seu premio de poesía me sirva para volver ao rego da realidade. Esquecereime así das andrómenas e dos soños dunha vez por todas e volverei pousar os pés nos chan. Outra vez será.
Mañá falareivos do gañador ou gañadora.

terça-feira, junho 06, 2006

666

“A todos, grandes e pequenos, ricos e pobres, libres e servos, ponlles unha marca na man dereita ou na testa, e ninguén pode mercar ou vender, se non ten a marca, o nome da besta ou o número do seu nome.
Para isto fai falta a sabedoría: quen teña intelixencia, calcule o número da besta, que é número humano e o seu número é seiscentos sesenta e seis”.


A Apocalipse, capítulo 13, versículos 16 a 18.

segunda-feira, junho 05, 2006

Microondas

Co paso do tempo meu fillo que cumprirá seis anos este venres vaise decatando de que súa nai máis eu somos un chisco raros. A el encántanlle os flocos de millo e quéreos facer na casa pero dende fai anos no súper só os hai para un microondas que non temos e que xamais teremos, ante a súa insistencia probamos a facelos no forno ou nunha tixola pero non funcionou. El non entende porque non temos o maldito trebello pois nas casas de tódolos seus amigos o teñen e ademais a comida faise rapidísima nel e non hai que agardar, xa se sabe da impaciencia dun neno famento diante dun prato baleiro.
Despois de ler o outro día esta nova no CHUZA! e ver as fotos do experimento chego a conclusión de que non somos raros senón sinxelamente precavidos.

sexta-feira, junho 02, 2006

En picado

Malia que a miña clasificación no trebello ese do Tecnorati baixa día a día, o que me ten ben preocupado e que aínda non caera baixo as coiteladas de matachín desta vella lercha, tan desacougado estou que esta noite se me apareceu nun pesadelo.
Dende que Coyoacan quedou sen sitio para tanto amor e se internou nunha clínica para curar a súa lúbrica adicción non houbo chegada máis polémica ao blogomillo.