terça-feira, maio 15, 2007

Yo vivía en el fin del mundo


O meu amigo Ramón Trigo, un dos mellores ilustradores e pintores cos que contamos no país, proclamouse hai uns días por unanimidade do xuri gañador do II Concurso Internacional Álbum Infantil Biblioteca Cabildo de Gran Canaria, certame promovido tamén pola editorial Edelvives. Fíxoo coa obra que leva o título deste post. Agardo que este éxito non impida que algún día colaboremos xuntos.
O meu Sari naceu no seu estudio no mes de agosto de 2005. Mentres el pintaba os cadros para unha exposición, eu escribía estomballado no sofá. Sempre pensei que el me trasnmitira un chisca da súa forza creativa e do seu xenio.
Moitos parabéns.

segunda-feira, maio 14, 2007

Recensións

Recoñezo que teño as fazulas encarnadas como dúas reientas ante as críticas de Martin, Ferreiro e Isabel Soto do meu Rinocerontes. Non sei se tanta unanimidade será boa. De todos os xeitos grazas a eles pola súa xenerosidade e tamén por descubrirme algunhas ideas ou reflexións que estaban no meu libro e que eu ignoraba.

Engadir amais que son un privilexiado pois polo de agora escribo o que me peta e teño un editor, Ignacio Chao, que mo publica e coida cuns mecos polos que sempre lle estarei agradecido.

Todo isto dáme azos para seguir adiante na miña andaina, pois tiña as miñas dúbidas sobre a recepción que podia ter esta novela tras o Sari.

terça-feira, maio 08, 2007

No Culturgal


Este sábado día 12 de maio presentarei as 16.00 horas a miña novela Rinocerontes e quimeras, no Culturgal, Espazo: Café literario, na compaña do meu benquerido editor Ignacio Chao e do imprescindible Mr. Pawley que tiveron a ben acompñarme nesta nova andaina narrativa.

quarta-feira, maio 02, 2007

Aniversario en Carral


Este sábado día 5 de maio anderei polo Concello de Carral participando nos actos de celebración do Décimo Aniversario do seu Premio de Poesía, que coa súa habitual dilixencia organizou o seu técnico de cultura Carlos Lorenzo e ao que amblemente me convidaron.

Por se alguén se anima aí tedes o programa.

sexta-feira, abril 27, 2007

Propaganda infantil

Non sei se as cartas das que vou falar pertencen a esa campaña propagandística chamada O Novo Vigo promovida polo desgoberno municipal do PP, pagada con cartos de todos os vigueses e que conta co plácet xudicial.
Das que eu falo foron enviadas en días pasados a numerosos nenos e nenas do barrio vigués de Teis onde vivo. Varios cativos, de dous a nove anos, recibiron nas súas casas as misivas da alcaldesa, nun correcto castelán por suposto, contando as excelencias do seu mandato, o arranxo de dúas rúas da contorna, aínda por inugurar, e vendéndolles un hipotético plan de humanización dunha das rúas máis esquecidas e abandonadas desta cidade, Sanjurjo Badía, cun custo de moitos millóns de euros.
É unha mágoa que en periodo electoral xa non se respetecten nin os dereitos dos nenos, entre moiots outros.

quarta-feira, abril 18, 2007

A primeira palabra...

...que articulou un dos nosos devanceiros foi NON. Para cumpriren as ordes guturais do xefe do seu clan no necesitaba dicir ren, bastaba con baixar a cabeza e obedecer. Foi aquela estraña orde que incomodou ao noso devanceiro a que o levou a rebelarse. A negar e articular esa primeira palabra revolucionaria: NON.
O xefe de clan ante a rebelión do seu inferior non soubo que facer. Ao primeiro non entendeu ese novo son articulado, pero ao ver que non cumpría a súa orde, decatouse de socate do seu significado. Repetiu a orde varias veces, e a cada son gutural seguiu aquel novo son articulado como única resposta. Desconcertado, o xefe dubidou, e por vez primeira decidiu consultar aos demais membros do seu clan. Estes, co seu polgar cara a abaixo sentenciarono a morte. O xefe colleu unha pedra e dun croiazo fendeulle a testa ao rebelde, cumprindo así os desexos dos seus sometidos.
Coa morte do rebelde morreu tamén aquel primeiro son articulado, aquela primeira palabra ¿ ou quizabes non?
Despois duns días conspirando, os membros do clan decidiron derrocar ao seu xefe. Aqueles intres seus de indecisión perante o rebelde déronlles os azos necesarios para rematar co seu réxime. Silandeiros como donicelas, arrodéano e guíndanlle grandes croios enriba. O xefe de clan decátase de que vai morre e berra con todas as súas forzas aquel novo son articulado ¡NON, NON, NON, NON, NON! ante os rostros sorpendidos dos seus asasinos.

sexta-feira, abril 13, 2007

O veneradoar da Nosa Señora...

...do Perpetuo Asombro deixounos onte.
O Amo e Señor do planeta Trafalmadore, onde agora estará a escachar de risa, foise onte con 84 anos.
O sobrevivinte dunha das maiores infamias de historia universal, o bombardeo aliado de Dresde.
O autor que dixo: todo escritor ten que destruir o mundo polo menos unha vez na súa obra.
É abofé que el o fixo e máis dunha vez. Procuro polos seus libros nos andeis da casa e atopo: Matadeiro 5 ou A cruzada dos nenos, Mai Noite, Berce de gato, Paxaro de cela...
Foise un dos máis grandes escritores do século pasado, un dos meus preferidos. Que descanse en paz en Trafalmadore.

segunda-feira, abril 02, 2007

Rinocerontes e quimeras




Devala o século XIX. Os avances da ciencia fan ceifa no presente. Nun vagón de tren arrómbanse sete monstros de feira, sete nenos que antes foron o gran engado do prodixioso circo de Mister B. O empresario, un home feito a si mesmo, mudou eses cativos deformados por un teatro de autómatas. E abandonou tamén as quimeras desecadas, que xa non abraian ao público. A maquinaria do mundo, como a ruleta do casino, vira sen descanso, e sete nenos, outrora figuras dun cartel de cores, matinan no xeito de saír da vía morta onde as súas vidas esmorecen.
Actualización 9/4/07: Rinocerontes e quimeras ocupará as páxinas de narrativa desta semana no Diario Cultural da Radio Galega. Os monstros falarán pola miña discordante voz