segunda-feira, janeiro 30, 2006

Cinco manías Cinco

Non contesto xamais estas cadeas agás que alguén mo pida dende o xeado país dos meus benqueridos vikingos.

1ª Non mercar xamais billetes de ida e volta, por aquel conto de Thomas Bernhard.
2ª Non comer xamais unha peza de froita, ela xa está afeita a que lle dea trabadas as súas tenras camoesas.
3ª Cando escribo facer continuas taxonomías de cousas, algúns chámanlle un trazo de estilo a esta manía miña.
4ª Non levar reloxo no pulso, por aquel conto de Cortazar.
5º Ler dicionarios e enciclopedias das máis variadas materias.

sexta-feira, janeiro 27, 2006

Tartarugas

Entre os dous deben sumar case que 150 anos e fican no automóbil, un antediluviano 127, do lado e agardan pacientes a que o tránsito atafegante flúa de novo coma un acugulado río toldado. Ela dille algo, bátelle no brazo con agarimo e os dous estouran en silenciosas gargalladas, vai frío e todos temos as ventás pechadas. Eses risos cómplices e adolescentes resumen unha vida xuntos, unha vida de seguro chea de calamidades e infortunios, si, pero unha vida xuntos.

segunda-feira, janeiro 23, 2006

Ventos

Eu estou, ou estaba de xaxún, mais o meu benquerido Sari segue a falar por min namentres olla como desaparecen na corda do horizonte as pequenas pencas en que mudaron os grandes barcos que partiron do peirao cos velames cheos co vento do monzón e cos seus bandullos baleiros na procura das lendarias illas das especias.

quarta-feira, janeiro 18, 2006

Comparanza

A pesares do que din os poetas e os namorados, existe algo mellor que o primeiro amor: a constancia do definitivo.

segunda-feira, janeiro 16, 2006

SANTIAGO DE CHILE

Apágase a luz,
ábrense as fiestras
e saudamos ás veciñas.
As folerpas de papel hixiénico e xornais
enchen a rúa de vagar
namentres abaixo vense os primeiros paraugas
e alguén nalgures canta
e todos na cidade o seguen.

Estamos en xaneiro
e nos teus ollos, Michelle,
comeza por fin a agardada primavera.

terça-feira, janeiro 10, 2006

Xaxún

Levo dous meses documentándome para unha novela e xa fixen o esquema xeral, así que vai sendo hora que me poña ao tallo sen repouso nin descanso, ou a miña cabeza, a mesa e a memoria do ordenador van botar fóra ateigadas coma están de mapas, rueiros, documentos, personaxes e fotografías. Ven todo isto a conto, a que durante uns tres meses a miña ración diaria de alfaias e de lecturas e comentarios no blogomillo reduciranse en grande medida. Agardo que este temporal xaxún me veña ben pois creo que ultimamente non estaba a altura do que merecedes ou do que por calidade e interese leo nos blogues dos demais.

segunda-feira, janeiro 09, 2006

Xúpiter

Esta mañá fun ao caixeiro e un arreguizo percorreume o corpo ao lembrarme das arrepiantes imaxes coas que na noite de reis nos agasallou a televisión. E lembrei tamén as declaracións no xornal do malpocado pai quitándolle ferro ao feito polo incendiario asasino que criara na súa casa e sentín un arreguizo aínda máis grande. E lembreime tamén desta frase dun dos máis fermosos e desesperanzados libros que lin na miña vida: imaxes de pais que estaban tan famentos e insatisfeitos que se comían aos seus propios fillos.

quarta-feira, janeiro 04, 2006

Estrelas

No primeiro nº do ano de A Nosa Terra, pax.21, que podedes atopar nos quioscos, a consellería de cultura felicítanos o 2006 cun firmamento de estrelas galegas para a cultura do mundo, un cultura para construír o país que soñamos. Gustaríame saber quen foi ou funcionario ou asesor astronómico que fixo a delirante relación estelar chea de ananas xa extintas e ata unha estrela dobre, e esqueceu algún dos astros máis sobranceiros e tamén dos máis novos e audaces do noso firmamento cultural no eido das letras, da música ou das artes. Unha mágoa.
Algún articulista na Voz de hoxe pretende anexionar á nosa cultura aos escritores galegos en castelán, coma se Navokov repousase no panteón das letras rusas ou Conrad no das polacas. O que ten que que ler un a estas alturas do partido.