quarta-feira, junho 27, 2007

Amar os libros




Estes vinte letraferidos que se xuntaron para salvar unha librería madrileña de barrio deberían ser un exemplo para todos nós e merecedores, dende logo, do Premio Nacional de Fomento da Lectura deste ano. Moitas beizóns para eles e sorte na súa nova andaina como libreiros vocacionais.

terça-feira, junho 19, 2007

O vagón





E por fin chegou o día. Este venres estreamos. Despois de meses de ensaios os monstros están preparados para saíren ao escenario e representar a adaptación libre dos meus Rinocerontes e quimeras. Teño un reparto de luxo, un decorado marabilloso pintado por Ramón Trigo, un fermoso vestiario cosido polas arrepiantes nais dos monstros, unhas escintilantes luces e unha música poderosa de Steve Reich, Raymond Scott e Rodrigo Leao. Só falla a acústica do ximnasio.
Agardo que falen máis devagar e non se poñan nerviosos diante do seu publico, hoxe no ensaio xeral bordárono.
Grazas a Iago-Balote, a Ainoa-Nenaxirafa, a Lucas-Nenopingüín, a Mar-Nenapaxaro, a Laura-Nenaimán e a Maria-Lucia-Nenasiamesas.
E como din os cómicos: moita merda.

segunda-feira, junho 11, 2007

Aviso de Navegantes


Hoxe luns día 11 de xuño falarei con Manolo Romón e con algúns dos intregrantes do colectivo de novo circo Pista Catro no programa Libro Aberto da Galega. Así que se tedes algún interese alí vos agardo.

quinta-feira, junho 07, 2007

Autopsia





Encéfalo: 1.650 gr.
Corazón: 450 gr.
Pulmóns: 640 gr. o esquerdo e 620 gr. o dereito.
Fígado: 1.720 gr.
Bazo: 100 gr.
Riles: 120 gr. o dereito e 180 gr. o esquerdo.

(Somos o que somos e máis nada)

segunda-feira, junho 04, 2007

A sorte do cítricos




Non sei de onde vén. Lixeira, baixa pola Gran Vía. cobregueando por dirección contraria entre o tráfico incesante no que os condutores homicidas non se decatan da súa presenza. Supera a encrucillada coa rúa Luis Braille e segue a súa atolada carreira. Eu persígoa correndo pola beirarrúa, tratando de non perdela de vista e marabillado pola súa fuxida suicida. Na intersección con María Berdiales, a piques está de rematar baixo a roda dunha motocicleta kamikaze, pero no derradeiro instante, con habilidade, sálvase. Chega agora o momento máis perigoso da súa travesía: a conxestionada encrucillada con Urzaiz. Nela describe unha curva moi aberta, tratando de evitar aos automóbiles, pero aínda así remata esmagada baixo as rodas dun vitrasa.

Non me entristezco, tentouno, teimuda, e non o conseguiu. Sei que non sufriu e morreu feliz e libre.

Supoño que desesperada, a laranxa, procuraba entre o asfalto por una anaquiño de terra onde podrecer para sempre e devolverlle algo do que esta lle dera cando aínda era un agromo.

segunda-feira, maio 28, 2007

As contas do leiteiro electoral


Tras os resultados de onte, unhas breves reflexións en clave local:


1ª Que na cidade con máis peso social e industrial do noso país a candidata popular quede a tan só 2.800 sufraxios da maioría absoluta dá moito que pensar e máis debería darlle a socialistas e nacionalistas sobre as súas políticas e candidatos nestas cidade nos últimos anos. A mágoa é que non farán autocrítica ningunha, pois xa andan a repartir o gorentoso pastel que paparán durante os vindeiros catro anos.


2ª Que onte 100.000 vigueses, eu inluído, nin se achegaran polos colexios electorais para depositar o seu prezado voto e sintomático do estado anímico desta cidade e debería levar a todos os grupos políticos a unha fonda reflexiódn sobre as súas estratexias de participación cidadá. Tampouco farán esta reflexión poios estánse a converter en grandes monstros oligárquicos e burocráticos cada día que pasa máis lonxe das rúas.

quarta-feira, maio 16, 2007

Yuyu! Yuyu! Yuyu!


O que mais me chama a atención dos traballadores do naval que estes días campan as súas anchas polas rúas da cidade non é a queima dos colectores do lixo, levan mais de 200 e seica xa tocamos a un euro por cidadán para a súa reposición. Nin son os constantes atascos e cortes de trafico que teñen paralizada a cidade polas mañás. Nin e a neurótica reacción da Alcaldesa e candidata popular botándolle culpa da algarada ao BNG. Nin o intolerable asalto a sede da Xunta con queima de expedientes administrativos, xa irrecuperables, de moitos vigueses. Nin a boca pequena dos representantes sindicais a hora de condenar os incidentes.
Non, o que mais me chama a atención e evidente perda por parte da clase traballadora do seu histórico sentido da estética. As rúas de Vigo levan días inzadas dunhas pavorosas e carísimas vacas de poliuretano, supostamente decoradas por uns ¿artistas?. Pois ben, en todas estas xornadas de reivindicativa protesta non ardeu nin o rabo de ningunha delas. O dito, a clase traballadora está a perder o gusto, ou iso ou as vacas xa acadaron o estatus definitivo de animal totémico da nosa cultura e perante elas, aínda que sexan falsas, os folgistas berran aquilo de Yuyu! Yuyu! Yuyu! que tantas veces oímos de cativos aos indixenas nos filmes de Tarzán.

terça-feira, maio 15, 2007

Yo vivía en el fin del mundo


O meu amigo Ramón Trigo, un dos mellores ilustradores e pintores cos que contamos no país, proclamouse hai uns días por unanimidade do xuri gañador do II Concurso Internacional Álbum Infantil Biblioteca Cabildo de Gran Canaria, certame promovido tamén pola editorial Edelvives. Fíxoo coa obra que leva o título deste post. Agardo que este éxito non impida que algún día colaboremos xuntos.
O meu Sari naceu no seu estudio no mes de agosto de 2005. Mentres el pintaba os cadros para unha exposición, eu escribía estomballado no sofá. Sempre pensei que el me trasnmitira un chisca da súa forza creativa e do seu xenio.
Moitos parabéns.