sexta-feira, outubro 31, 2008

A raiña falou...



...para dicirlles a todos os seus súbditos -gays, ateos, republicanos e abortistas inluídos- algo que estes xa sospeitaban: que o creacionismo e a instutución monárquica son dúas caras da mesma moeda.

terça-feira, outubro 28, 2008

Febre


Esquecede esa historia da que falei hai uns días e coa que levaba loitando estes últimos seis meses, esquecede tamén eses tres capitulos corrixidos arreo e o lapis ateigado de planos, imaxes e documentos. Outra vez será. Esquecede tamén a seca, o outono vizoso trouxo unha enchente.
O venres pola noite volveu a febre en forma dunha nova novela, volveu ese transo no que entro cando por fin atopo un boa historia, cando escribo ese capítulo final ao que sei que me teran que levar os próximos meses de duro traballo. E emocioneime de novo, como cando os meus rinocerontes ou o meu Abdul en Bagdad.
Onte xa merquei uns libros e encarguei outros na rede, amais dalgún filme que preciso. Devezo por poñerme esta noite diante do portátil e mentres os meus fillos se enguedellan no remuíño dos soños facer eu o mesmo pero ben desperto, cos meus ollos estartelados.

sexta-feira, outubro 24, 2008

Agustín no Día da Biblioteca


ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ
Agustín Fernández Paz

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados...(segue aquí)

quinta-feira, outubro 23, 2008

Agustín, Premio Nacional LIJ 2008



Xa tardaba de máis que, este espello onde todos os que escribimos con independencia do xénero deberiamos mirarnos con humildade, recibira esta merecida honra. Vaian estas imaxes da nosa admirada Maggie Cheung de rendida homenaxe á súa huamanidade e mestría.

terça-feira, outubro 21, 2008

O futuro xa está aquí



Nunha extraordinaria anotación, Calidonia, ábrenos os ollos sobre o libro dixital comentando a súa experiencia dun ano sen papel. Ata eu, que son un analfabeto informático e me perdo entre tanto fluxo e refluxo RSS, estou abraiado coas posibilidades do trebello. Haberá que ir tomendo nota, sobre todo agora que semella que vou collendo o fío dunha nova historia-por fin!-, e teño un lapis ateigado de fotos, planos e pdfs para documentarme.


domingo, outubro 19, 2008

My favorite Things II

A versión é a de Coltrane do post anterior, pero hai algunha máis extraordinaria. En primeiro lugar, esta un chisco naif de Claudine Longet, a nai musical de Carla Bruni.



Tamén esta, da gran dama Dionne Warwick cos elegantes arranxos de Burt Bacharach.



Ou esta xenial marcianada de Outkast.





E para rematar, esta estarrecedora ineterpretación de Borkj na cela que Von Traier lle fixo a medida en Dancing in the Dark.






Ao cabo, tras a canción está sempre a xenialidade de dous dos máis grandes compositores do século XX: Rodgers e Hammerstein.

quinta-feira, outubro 16, 2008

Elitismo cultural


"Un dos serios problemas que padece a literatura galega no seu conxunto -coas consabidas e parciais excepcións, todo hai que dicilo- é que non ten unha recepción social normal. E, a pesar diso, a nosa creación literaria está, cuantitativa e cualitativamente, moi por riba da sociedade -e sobre todo no plano estético- á que inicialmente vai dirixida."

Fernán Vello dixit.

É dicir, que a culpa non é dos propios creadores, nin dos editores, nin dos intermediarios culturais, senón dos pobriños lectores que non están á altura ética e estética do que escribimos e lles queremos vender.

Compañeiros, ás barricadas! Abandonemos a Bastilla! A xentalla non nos comprende! Tomemos á Corte! Reconquistemos pazos, fastos e xardíns. Que os príncipes e os reis rían de novo coas nosos ripios de bufóns ben mantidos.


quarta-feira, outubro 15, 2008

My favorite things

O sábado, amais de Ramiro, deixounos o fotógrafo William Claxton. A súa ollada documenta toda a época dourada do jazz e moitas das súas fotos destes músicos xeniais son xa iconas do seculo XX . Tiroulle fotos a algúns dos meus favoritos, Coltrane, Duke e Chet (dende os seus tempos de animal máis fermoso do jazz ata a derrota final).
Vaia esta peza do mestre do saxo tenor (aquí co soprano) que dá titulo tamén a un dos poemas londinenses de Ramiro, como sentida homenaxe e despedida a ambos os dous, a ollada que botaron ao mundo, un coas súas plabras e o outro coas súas imaxes. Grazas por facernos estartelar os nosos ollos e ver onde antes non había ren, por axudarnos a ver o invisible.