quarta-feira, setembro 26, 2007

Diálise

Se cadra é unha errónea percepción miña como lector, pero penso que nos últimos tempos por parte dalgúns medios e dalgúns críticos estase a conformar un canon do noso recente panorama literario que non reflicte para nada a realidade da nosa escrita, destacando propostas mediocres e deixando de lado outras arriscadas e anovadoras.
Ben isto ao caso pola escasa repercusión dun dos poucos libros salvables, para min, da última tempada literaria galega: Limpeza de Sangue, de Rubén Ruibal. Cheguei a este magnifico texto dramático por recomendación de Brétemas e nunca lle estarei o suficientemente agradecido. Polo celme desta obra discorren o mellor de Carver, os filmes dos mellores Coen, de Bukowski... E non son só excepcionais diálogos e unha estrutura perfecta que nos leva alasando ata a redentora caída do pano. Non, hai moito máis, nalgunhas das súas acoutacións agroman as metáforas da paisaxe urbana cunha forza arrebatadora e expresionista que vale máis que moitas novelas das publicadas no curso. Pagaría por vela representada, ou levada ao cine, e penso que o seu autor ten un maxistral narrador dentro que agardo algún día nos entregue unha novela tan demoledora como esta obra, cuns personaxes tan vividos como Francisco e Pantaleón.

6 comentários:

Anónimo disse...

Gustoume a crítica, cando remate o que estou lendo terei en conta este título, sobre todo porque Carver gustame moito. O último que lin foi Os paxaros tamén migran ó sur, de Silverio Cerradelo.

Ana Bande disse...

Concordo plenamente co que di, xa vai sendo hora de que nos deixen ver esta obra nos nosos teatros

R.R. disse...

Non sabes canta forza me dá o teu eloxio (aquí iría un deses bonequiños de fazulas arrubiadas) para poñerme a escribir.

folerpa disse...

Poucas veces fago crítica,penso que non debo estar nos dous lados da barreira, mais cando atopo un libro que sei que pasará ao meu canón persoal non me podo resistir. Pasoume con Solimán,con Os Libros arden mal e agora con Limpeza de sangue.
R.R. se isto serve para que botes a andar esa poderosa novela que sei que levas dentro, son feliz.

R.R. disse...

Queda feo iso de estar metendo o fuciño cando falan ben dun. Pero o feito de que me xunten co amigo Xesús Fraga nunha terna de libros apreciados é un motivo de alegría doble, aínda sendo eu dos que de mellor gana defenden o seu "A-Z" que o seu "Solimán".
Sobre o de facer "crítica": creo que temos que recomendar aqueles libros que nos gustan, ou anotalos no aire dos blós para lembralo cando pase o tempo, aínda que sexa só por ver canto nos equivocabamos. E, de camiño, por se así a alguén se lle quedan as nosas recomendacións por riba dos libros que queren vendernos nos supermercados da cultura. Eu, para animarme a falar de libros, bótolle un ollo ás deliciosas críticas que facía o meu admirado Julio Cortázar e así xa teño claro que o que fago é recomendar (ou poñer a caldo), porque ó punto de ser crítico non chego nin chegarei. Libérame de responsabilidades, digamos.
Sobre o da novela, creo que de momento non vai ser. Agora ando cun texto de teatro escrito entre tres autores que estreará (esperemos) o Centro Dramático Galego o vindeiro maio, e despois teño aí outra idea de teatro nos miolos.
O de ver “Limpeza de Sangue” nos teatros creo que non vai poder ser. Pese a que as bases do premio o establecían, van expirar os dous anos nos que o IGAEM conserva os dereitos sobre o texto e non hai vontade ningunha de sacar a concurso a posta en escena do texto. Para gastar pasta, sempre estarán os autores de fóra, que son os que saben escribir teatro.
De novo, moitísimas gracias.

folerpa disse...

Pois que queres que che diga Rubén, o de non ver representada a obra é unha vergoña para o noso teatro. Un luxo que non debería permitirse o IGAEM: menos Shakespeare e máis viño do país.
Agardo entón poder ver esa obra a seis mans.