quinta-feira, outubro 04, 2007

¿Ou ser tamiles ou ser fineses? Esa é a cuestión.

ShS pediume a miña opinión, para o Luces de El País, sobre o problema da difusión ou visibilidade dos nosos produtos culturais alén das nosas fronteiras e eu mandeille a reflexión, da que entresacou as frases que hoxe saen no xornal, que agora reproduzo na súa integridade.

Penso que non é unha cuestión moi diferente á que poidan ter outras culturas minoritarias. A ignorancia provoca o medo e este encirra os prexuízos, mais non é unha actitude distinta á que moitos galegos poidan ter perante os bazares dos chineses, ou ao cruzárense cun marroquí ou un senegalés nunha rúa calquera.

Existe ademais unha grave doenza que nos afecta e á que eu denomino “culturismo” (cultura+turismo). Cantos galegos coñecen a Ribeira Maia e non foron xamais a Ribeira Sacra. Pois cos produtos culturais pasa o mesmo: se un lector castelán pode ler unha novela dun autor tamil por que non pode ler a dun narrador galego, que a fin de contas o ten aquí ao lado. Neste mundo globalizado o exótico converteuse nun valor en si mesmo, con independencia da súa calidade.
O curioso do asunto é que nós somos raros de carallo e vivimos no cabo do mundo, mais ninguén nos ve o suficientemente exóticos como para vendernos e promovernos. Temos que ser, quizabes, máis tamiles.

Pola outra banda, existe outro camiño: poderiamos tentar ser fineses. ¿Porque eu podo ler a un novelista finés en galego e eles non poden ler a un novelista galego? Os fineses son raros de carallo, só hai que ver os seus filmes, e viven no cabo do mundo coma nós, mais non son exóticos tamiles. Pola contra, venden ben os seus produtos culturais: música, literatura, cine... Aí é onde ten que entrar a Administración e as súas políticas culturais: Menos Gaiás e máis axudas para traducir aos nosos autores ou a para crear dunha vez por todas o Instituto Rosalía e espallar a nosa cultura polo mundo adiante. Temos que ser, quizabes, máis fineses.

Non quero eximir, tampouco, aos propios creadores do problema:
-A nosa actitude timorata, unhas veces. Parece que imos pedindo permiso por alí onde pasamos. Temos que erguer un pouco máis a cabeza. Temos que ser máis afoutos.
-O noso pouco risco, outras. No premio que veño de gañar, de 140 orixinais, só había media ducia en galego. Temos que ser máis arroutados.
-A afección a ollarnos o noso propio embigo, sen ver o mundo que nos rodea, fai que moitas veces as nosas creacións sexan inintelixibles alén do Padornelo. Temos que ser capaces de transcender, sen renunciar ao que somos, de ollar dende o noso quinteiro ao horizonte e moito máis alá, ao lugar onde comeza o resto do mundo. Temos que estartelar os ollos.

O dito ¿Ou ser tamiles ou ser fineses? Esa é a cuestión.

4 comentários:

Veloso disse...

De acordo nos dous primeiros puntos. No terceiro xa non tanto. Creo que os personaxes d´A Esmorga paseando por Ourense son totalmente universais. Persoalmente, non podo pretender que o mundo entenda o que escribo se malamente o dou entendido eu.
Un saúdo.

folerpa disse...

Carafio Veloso! Eu non falaba de Blanco Amor, senón de nós e os nosos conteporáneos. Unha aperta.

Ana Bande disse...

Así en teoría levas razón pero habería que facer moita máis autocrítica y verdadeira oposición a un réxime que dilapida non só no Gaiás...senón que só subvenciona a cultura dos tonechos, os bolos celtas e da pandeirada...a cultura é xa unha palabra tan maltratada que nos fai crer nestes horripilantes oxímorons de "productos culturais", queiman a lingua só de pronuncialos, a grandeza cultural só se acada cando hai sensibilidade para ela, cando se coida o espírito e cando se miman ás musas, non cando as espantamos con subvencións e políticos case sen alfabetizar que seguirán promocionando a cultura que eles coñecen, que non vai moito máis alá que os xogos tradicionais das súas aldeas. E cando se teña moito que dicir, cando haxa boa literatura, bos músicos, bo cine...xa non hai que vendela, cando o principal dunha cultura e querer vendela, malo, é que xa é outra cousa.

folerpa disse...

Ana, o horrísono de "produtos culturais" empregueino a mantenta. A reflexión tiña toda ela un ton retranqueiro.
Qizabes, ao cabo, todo se reduza a unha custión de calidade como ti dis.
En relación coa cultura da pandeirada levas tamén razón e vai alá un perfecto exemplo:
Cando tras as municipais, o BNG tomou co control do programa das festas de verán en Vigo, o primeiro que fixo foi suspender un festival de musica electrónica (moderno de máis para os seus criterios culturais folcloristas) e organizar a toda présa un festival celta que foi un rotundo fracaso.
Fáltanos autocrítica, moita, moita , moita..