quarta-feira, fevereiro 06, 2008

5.110 días que ten a vida




Ocorreu hai un feixe de anos. Eu, daquela, aínda non tiña fillos, nin pensaba telos. Lembro ben a triste xornada da súa morte: un vintecinco de abril, o día do evanxelista e dos caraveis. Lembro a carraxe que me invadiu. Non podía entender como podía ocorrer. E isto foi o que escribín no meu diario:

Alporízome e rebélome contra a idea de que a derradeira imaxe del sexa a dun rapaz ao que non recoñezo, vencido polo cancro. Semella un daqueles rapaces de Chernobil. Tento lémbralo uns meses antes de que a enfermidade silandeira o devorase, e non podo. Parece incrible, pero non hai tanto tempo, tan só un verán, tan só uns meses.
A quen habería que facerlle unha biopsia é a deus, se é que atopa cama nun dos ateigados hospitais do Sergas, aínda que o cabrón seguro que ingresaba nunha clínica privada. Atopariámoslle un cancro. Un cancro de mortes, loias e inxustizas. A metástase da fe e da esperanza dos que aquí ficamos.
(Ti ao meu carón ves de esguello o que escribo e pregúntasme que é o que me alporiza. Eu de mala gana amósoche estas palabras e nos teus ollos agroman as bágoas que asolagan o meu pensamento e esvaecen por fin a súa imaxe)

Lembro o terror nos ollos da súa nai e do seu pai, esnaquizados, esboroados, carrexando sobre as súas costas o peso do inevitable. A loita desesperada, as gardas no hospital. O lixeiros que pasan uns meses. Unha caluga pelada, unhas veas queimadas polos velenos e solimáns.
Lembro a derrota, o enterro silencioso, o pranto do mar bravo nas penedías, o laio que todos levábamos por dentro. Lembro cando naceron os meus fillos, a vergoña e o pudor que sentía cando aquela nai orfa os ollaba, supoño que pedindo contas, procurando respostas.

Leo estes días a xénese toda da infamia e algunha que outra valente confesión e todo aquilo vólveme a cabeza. Creo que non quero mal a ninguén. Só desexo que cando a Parca se achegue a eles, aos anónimos denunciantes, aos políticos que lles deron pábulo, ou a calquera dos seus, prediquen co exemplo, se encomenden ao seu deus e rexeiten a axuda dun medico honrado e compasivo coma calquera daqueles do hospital de Leganés e agonicen sufrindo coma o seu salvador na cruz.

11 comentários:

Anónimo disse...

Conmovíchesme. A min pasoume algo semellante cando morreu meu pai. E compréndote. Pero lémbrate do Reagan, toda a vida loitando contra a investigación con células nai e logo chega a súa muller e é a maior impulsora do choio. Os da dereita sempre foron así.

R.R. disse...

Conmovido, iso é. Gracias a Rivas pola palabra axeitada e a vostede por este texto.

folerpa disse...

Levaba xa varios días remoendo este post feito dende as tripas. Dubidaba se penduralo ou non. Non quería ofender a ninguén, en especial á miña familia paterna. A morte da que falo, 5.110 días que tiña aquela vida, tivo nela o mesmo efecto que un estoupido nuclear. As cousas xamais volveran a ser como eran e, para ben ou para mal, algo mudou en todos nós. Hai un recuncho escuro, unha zona de sombra, unha habitación silandeira na que xamais entramos. Eu mesmo levaba anos sen facelo.
Esta fin de semana depois de ler eses artigos que enlazo, decidinme.
Manuel,r.r., grazas polas vosas palabras e unha aperta.

XESÚS MANUEL MARCOS disse...

Dignidade, como di a viñeta, dignidade. Iso é todo. Se tentamos levar unha vida digna, temos o dereito de poder chegar ao remate dignamente. Canto cambia o punto de vista cando hai que pasar por unha situación tan triste. Ben o comprendo e ben sei do que fala, señor das alfaias. Se non nos destrúe, axúdanos a dar ese paso que moitos non queren dar, o de colocarse á outra beira, o de poñerse no lugar do outro, o de comprendelo na súa dor. Enséñanos máis da vida pasar por algo así, que todo canto poidan dicir, todo canto nos poidan dicir un fato de hipócritas.

folerpa disse...

Oulego, ese meterse baixo as unllas do outro, a empatía, é unha virtude da que carecen todos eses hipócritas dos que falas. Ese fato de profetas, hermeneutas, moralistas, mitrados, iluminados e mesías de ringorrango que queren salvar as nosas vidas pecadentas polo camiño da dor, a penitencia e o sufrimento

Mr Tichborne disse...

DIGNIDADE.

que nela non interfiran o fanatismo relixioso ou a hipocrisía moral de outros.

Son Unha Xoaniña disse...

Penso que case tod@s temos na nosa memoria unha lembranza semellante, porque a morte vai no mesmo paquete que a vida. O que non se pode consentir é a hipocresía e o cinismo de xente coma o tal Lamela e tod@s @s que xunto con él quixeron medrar coa dor da xente sen nome, pero a xente sen nome somos tod@s.
Inda así voulles desexar unha morte sen dor e sen sufrimento, atendid@s polos mellores profesionais, nin máis nin menos que o que quero para min e os meus.
Un saúdo.

cneirac disse...

Concordo, de cabeza e corazón.

Anónimo disse...

Resulta admirable a capacidade de expresar algo tan duro dun xeito tan emocionate e conmovedor.
Grazas por permitirnos axexar uns instantes ese recuncho escuro. Fai compaña.

folerpa disse...

calidonia, herba, mr. tichborne, rifo, moitas grazas polas vosas palabras de corazón. Unha aperta.

Anónimo disse...

Hai pola blogoleira máis comentarios sobre este post:
http://bouzafria.blogspot.com/2008/02/nai-orfa.html