quarta-feira, maio 21, 2008

Festina Lente


Devagar, un carro baixa chirlando polo Preguntoiro ateigado de libros prohibidos e expurgados polo Santo Oficio. Estamos en Compostela no ano do Noso Señor de 1627 e este é o colofón do códice que, caderniño a caderniño, o encadernador Ambrosio Cavaleiro coseu na soidade do seu obradoiro da rúa da Armada dende que era un aprendiz canda o seu mestre. As campás, tristeiras, repenican a defunto, o vento zoa nas rúas e esparexe os capítulos todos da súa existencia. As páxinas de pergamiño, como faíscas, danzan sobre os tellados e os campanarios furtando á voraz desmemoria as lembranzas fuxidías, os acenos, mecos e rostros dunha vida. O coñecemento, como a pedra gravada polos arxinas a cicel e maceta dende a noite dos tempos, permanece no alento dunha idade incerta asolagada polo silandeiro andazo da intolerancia.

6 comentários:

Anónimo disse...

Parabéns, amigo. Xa devezo por lela unha terceira vez ;-)

Veloso disse...

En hora boa. Fermosísima cuberta. Xa está á venda?

R.R. disse...

¡Noraboa! ¡Xa está pedido e case lle digo que a medio ler!

XESÚS MANUEL MARCOS disse...

Alégrome de que á fin rematase este proxecto e lle dese forma ás horas que pasou documentándose e escribindo.
Paso rapidamente por Sargadelos para encargala. Noraboa!

folerpa disse...

Graciñas a todos, remato de recibir un sobre co primeiro exemplar. Demoreime en abrilo, e cando o fixen emocioneime. Que lle vou facer. Non, se ao cabo, vou ser un parvo sentimental.
Cando chegue a casa colocareino nun estante para ver como luce, entre os de Cid Cabido e Malvar, por exemplo.

Anónimo disse...

Xa lle teño ganas, despois de ver a Áncora e o Golfiño na portada. Supoño que os dos reloxos patrocinarán, ou non?