sexta-feira, dezembro 12, 2008

O abandono do galego


Cando en calquera conversa ou faladoiro me mostro partidario da inmersión lingüística e da discriminación positiva en favor dos galego-falantes no acceso á función pública, todo o mundo mírame alucinado coma seu eu fose un rapaz deses que queiman fotos dos borbóns e bandeiras españolas. Eu simplemente son pesimista sobre o futuro da nosa lingua e penso que o único xeito de deter o seu esmorecemento é ese. Agora o Consello de Europa (páx 119 do seu informe) ven e dáme a razón. Agardemos pacientes a resposta dos nosos dirixentes, aínda que moito me temo que será unha ladaíña de dúbidas e escusas coma sempre que toca falar do galego. Eu ficarei coa mesma a cara de parvo e gastando sona dun perigoso radical nacionalista deses que algúns queren pendurar de non se sabe onde.
Un dos nove tradutores da xustiza galega dos que fala a nova foi o que hai uns meses traduciu o meu primeiro recurso de casación perante o Tribunal Supremo. O problema non é poñer máis tradutores, a xustiza precisa antes de máis funcionarios e xuices, senón que todos os actores que nela interveñan fagan máis pola nosa lingua. Eu levo anos presentando todos os meus escritos forenses en galego, pasando máis traballo, pois non podo acudir aos típicos formularios dixitalizados que están todos en castelán, pero orgulloso de facelo na miña lingua.


(grazas a r.r. polo tirón de orellas e a documentación)


Actualización 15/12: Extraordinaria anotación de Landoa sobre este asunto en resposta as veleidades lingüísticas do ínclito constitucionalista da Voz.


17 comentários:

R.R. disse...

¡Che! De tirón de orellas nada, abuso de confianza pola miña parte. Así que moitas gracias.

Eu sempre me digo ecoloxista defendendo unha língua viva en vías de extinción; para amolecer corazóns, que ás veces semella que dá moita menos pena a desaparición dunha língua que a dun bicho da Polinesia (que tamén dá moita pena, claro que si)

Post ben posto. ;-)

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Eu creo que o informe debe ser lido con cuidado: algunhas das cuestións que saen nos xornais non concordan co que se di no informe. Por exemplo, dise en relación coa universidade que hai unha licenciatura en filoloxía galega en Vigo, pero non se di nada das outras. Eu non sei onde foron os do comité de expertos. Ese parágrafo soame verdadeiramente mal. Mirade a páxina 120.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

En cuestións relativas á xustiza parece clarísimo o pau, pero tamén debo dicir que quen leva máis é a administración do estado en Galicia, non tanto a administración autonómica. Por exemplo, páxina 126 (despois do parágrafo 1086).
É moi significativo o apartado sobre o rexistro dos nomes: o informe dá conta de problemas á hora de rexistrar e tamén fai constar a contestación (pobre e sospeitosa sobre o rigor do propio informe) das autoridades na que o problema pode provir polo xénero do nome empregado. En todo caso, conclúe favorablemente aínda que recomenda ás autoridades que estean alertas.
Este é o ton do informe. En case todos os ítems o Consello de Europa considera o undertaking fullfilled. E, se non, partially. E no caso de que xa nada, no caso da xustiza creo de forma sobranceira, urxe.

Xaime disse...

O informe do Consello de Europa e dinamita pura contra do galego.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

A min me gustaría saber como fixeron a on-the-spot visit e a quen se dirixiron para facer o informe. Os datos sobre a universidade resultan escasos e, sen embargo, chegan a conclusións favorables.
Cabe a posibilidade de que eu non entendera o informe, pero teño a impresión de que a xente prefire ler os resumos de prensa có informe. Eu enténdoo.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
xOsedorrio disse...

En calquer caso ese informe, froito dunha visita de catro días do comité de expertos -e da documentación achegada por outras fontes-, é moito máis real que os 'sucesos' que se publican pola prensa sensacionalista e unilingüística do estado.

Lamentablemente, os cidadáns prestaranlle moita máis atención a eses 'sucesos' que a éste informe.

R.R. disse...

Cuidado, quen proporciona información non é só o comité de expertos que fai unha breve visita: realízanse consultas previas coas autoridades e con fontes independentes dentro dos estados. Dise no penúltimo parágrafo da primeira páxina.

O informe tenta comprobar o grao de cumprimento dunhas ordes previas (eses parágrafos en cursiva) que case responden a mínimos: proporcionar información ou "permitir" o uso da língua galega, e nin así é doado atopar que esas ordes fosen cumpridas. En case tódolos casos dise que o foron en parte ou mínimamente.

Sobre o da universidade en concreto, efectivamente é sospeitoso o que se di, pero se cadra hai que mirar esoutro dato que di que o uso da língua galega é de entre o 10 e o 26% (pax. 120 apdo 1036)

E non entendo, Xaime, por qué o informe é dinamita contra o galego.

Xaime disse...

Pois díxeno así a bote pronto, xa que comparan o galego co bable, co bereber, co caló ou o romaní. Si xa sei que a situación é drámatica pero teño as miñas dúbidas que o galego poida ser tratado como a fabla aragonesa, por alguén que non pisa día a día a problemática do noso idioma.
Nos casos desoutras línguas precísase axuda institucional, no noso caso, penso e pode que estea equivocado, normalización.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

O informe trata de certificar o grao de cumprimento dos propósitos enunciados polas propias autoridades con respecto ás linguas minoritarias (xa sei que son minorizadas, pero a traducción é esta). Por iso aparecen todas as linguas, mesmo a situación do galego en Castela e León, que, por certo, recibe unha atención moi especial e unha recomendación moi precisa.
Lido de novo o informe, paréceme que non é un modelo rigoroso.
O máis curioso que lín foi o comentario da Conselleira (non sei se certo, coma sempre cando se trata de xornalismo) no que dicía que o informe remata en 2005. Creo que o fixo porque cría que non saía ben parada: ou sexa porque non o leu. Porque as galescolas son posteriores e aparecen citadas expresamente no informe e ademáis non dependen de Educación.
En todo caso, non concordo coa maior parte das notas de prensa que saíron sobre o particular.

Anónimo disse...

E que, amigo Arumes... ¿a vostede non se lle ocorrerá fiarse da prensa? ;-)

Anónimo disse...

http://landoa.blogspot.com/2008/12/carta-bastante-aberta-ao.html

folerpa disse...

Non se me amoreen que non dou feito.
O informe, ao marxe das metodoloxías discutibles, estudios de campo feitos ao chou e algún que outro erro de vulto, é un bo paua a todos eses apocalípticos bilingües e á política lingüística da Xunta. Non son eu quen vaia poñer a man no lume polos funcionarios de Bruselas pero é evidente que algo non vai ben, que algo se está a facer mal, malia que o políticos pechen os ollos e as orellas como fixeron estes días nas súas reaccións a o informe.
Temos que erguernso e recoñecer en voz alta que temos un problema e logo sentarnos a tratalo. De non facelo a proxíma visita dos entomólogos filolóxicos de Bruselas será para certificar a defunción da noda lingua.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

De 45 ítems ou parágrafos comentados este é o resultado:

1. Fulfilled: 18
2. Room for improvment e partly fulfilled: 13
3. Fulfilled con reparos: 4 (un sobre RTVE e outro sobre a escasa producción cinematográfica).
4. Urxente reparación: 4 (xustiza, administración do Estado, RTVE, por exemplo)
5. Non hai datos suficientes: 7

Non sei se destes resultados pode un extraer conclusións definitivas.

R.R. disse...

Ai si, Señor Arumes, pero o que hai que fulfill tampouco é para moito... E agora vou malmeter entre vostede e o DaPena:

http://arumes.blogspot.com/2008/12/con-versos.html

¿Este seu fermoso post do 16/12/08 que se titula "Con versos" era resposta para don Xaime? ;-)

Xaime disse...

Váleme como resposta, ¡vaia resposta!

R.R. disse...

Xa sabía eu que había de gustarlle.

;-)