segunda-feira, novembro 14, 2005

Hoxe síntome algo máis ledo...

Ao final o sangue non chegou ao río. As frustradas mestras da escola do meu fillo (tres para corenta nenos dos tres cursos de infantil, esta ano teñen unha de apoio na area de linguaxe) utilizaron o do consello disciplinar coma derradeira arma para obter unha resposta da Admón. (ao que hai que chegar) despois de tres meses petando nas portas da Delegación e de Menores, e abofé que a acadaron. O rapaz non será expulsado e unha mestra de apoio específica acudirá a escola e farase un seguimento de preto do mesmo e do seu desenrolo nunha comisión especifica de profesionais.
O sorprendente do caso é que este rapaz ten catro anos, polo tanto o ano pasado xa estivo noutra escola, ao parecer privada pagada pola Admón., o que fixeron con el e cos seus problemas non se sabe, pois dende logo non agromaron este ano.
Senón chega a ser pola preocupación e interese mostrado polas súas mestras deste curso non sei o que tería pasado...
O sistema dende logo ten innumerábeis eivas pero ás veces, grazas aos que traballan nel, consegue resultados. Parabéns para elas e para todos aqueles outros que loitan na primeira liña de combate da guerra máis importante de calquera sociedade, a da educación e o ensino.

3 comentários:

Unknown disse...

Son boas novas aínda que, como dis, é unha magoa que se teñan que levar as cousas ó extremo para acadar resultados.

Laurindinha disse...

Parabéns para as mestras, polo menos algo ben feito...

Anónimo disse...

Estou segura que a Administración coñecía o problema dende hai meses pero desgraciadamente, en algúns casos non aporta solucións ata que se ve moi presionada. E para eles a presión mais forte non é o centro educativo. Son os pais, a APA ou que o problema en cuestión salte á prensa...
E nese centro privado financiado con fondos públicos estou case segura de que lle suxeriron ós pais do cativo que o levasen a outro centro xa que eles non tiñan profesionais especializados. É algo que a lei lles permitiu facer ata agora e que a LOE debería evitar. Eu coñezo varios casos. O último dous xemelgos de tres anos que se matriculan nun centro concertado.Un deles "diagnostícase" ó longo do curso como autista. A dirección do centro comunica ós pais que non teñen logopeda nin especialista que poida traballar co neno. Na actualidade un xemelgo segue no concertado e o outro está nun centro público onde hai un especialista en pedagoxía terapéutica e un logopeda.
Alégrome moito por ese cativo de catro anos e admiro a tódalas mestras de infantil moitas veces con ratios de 25 por aula e sen ningunha atención a diversidade. É moi ilustrativa unha película de Tavernier que nos ilustra sobre problemas varios da educación infantil en Francia e na que vemos a distancia á que nos atopamos. Alí todos os mestres de infantil teñen un puericultor/a por aula (Cousa que que aquí se contemplaba na LOGSE e nunca se chegou aplicar como tantas outras cousas).
Unha aperta.