sexta-feira, novembro 18, 2005

Un mundo de xente incompleta

Estraño á parte de min que deixei atrás. Sei, que no revirado camiño que todos percorremos sen ollarnos gañei moitas outras cousas. Que son outro, nin mellor nin peor, pero outro. Pero ás veces boto en falta a aqueloutro: ao famento que se ía comelo destiño a trabadas, ao viaxeiro soitario que ía facelo coast to coast pola vella autoestrada 66, ao editor daquela Lesmia que ía remexer os alicerces da poesía galega dos 90 e hoxe esmorece nun arquivo do vello ordenador. Volvinme previsíbel, sei por adiantado cada paso que vou dar e o ronsel das miñas pegadas na area da praia e unha infinita liña recta que as ondas non son quen de borrar.
Isto pásame por matinar un outonizo domingo pola mañá oíndo vellos temas dos Planetas.

4 comentários:

folerpa disse...

Despois de 90 post este é o meu primeiro vinculo. Xa ía sendo hora burricán.

Peke disse...

E menos mal que non es o mesmo; seguro que dentro duns anos sorpréndeste de ti mesmo.

Veloso disse...

Eu non sei poñer vínculos, así que xa me gañas un a cero. Estou convencido de que, por moito que ás veces cheguemos ao cumio do outeiro e nos dea por mirar o que levamos camiñado, aínda queda unha chea de sorpresas por diante. Gocemos do outono e do que nos traia. Un saúdo

Laurindinha disse...

Ás veces eu tamén teimo moito no de ser a mesma, no de non perder a miña esencia... Para ser sincera, ás veces, non, moi a miúdo... Remexo na miña memoria para procurar cousas que matinaba cando era unha nena, as miñas cavilacións de adolescente...Aínda que non debemos confundir a esencia de un mesmo coa superficie, con esas evolucións que son normais neste río que flúe...
A min cos Planetas pásame o contrario ca ti, como aínda os descubrín hai pouco fálanme do presente...