sexta-feira, fevereiro 10, 2006

Dinosauros de chocolate

Os nenos levan uns días coa gripe e están a piques de tolearnos a súa nai máis a min. Onte ao pouco de rematar a comida que deixaron toda nos seus pratos querían galletas, e febrís e desafiantes chantáronse diante da lacena da cociña. A miña pouca autoridade paterna derrubouse ante a simpática estampa dos dous papamocos reclamando un gorentoso petisco que para eles era coma un dereito inalienábel da súa infancia. Rendido aos seus encantos, abro a lacena e espántome, aínda que a culpa é só miña, pois alomenos conto seis variedades distintas de formas, tamaños e sabores. Para calmala miña conciencia doulles a charla, que se hai moitos nenos que pasan fame, que se son uns privilexiados, bla, bla bla, e ameázoos de que agora en diante só vai haber na casa unha caste de galleta, as marías de toda a vida e nada máis. O maior que ten cinco anos fita para min e moi serio dime: “Pero que sería da vida sen galletas ”. Eu ante tan profunda reflexión simplemente pecho a miña bocaza e doulles uns dinosauros de chocolate

7 comentários:

acedre disse...

Eses teus nenos son o perello !!!.
Que boa resposta !!!.

Laurindinha disse...

Os teus nenos teñen razón... Que sabedoría!! Ha ha ha!!

Anónimo disse...

claro que si, teñen toda a razón do mundo, e se non que llo pregunten a triqui, o monstro das galletas, agora que lle fan comer froita, verdura e hortalizas namais aló polos USA

Anónimo disse...

Os nenos saben letrilla sonche moi avispados e os dinosaurios de chocolate deben saber ben tamén.
Unha aperta pa ti eoutra para eses encantos de nenos que tes.
;)

torredebabel disse...

iso ten de bo a vida: que cando pensamos que xa temos respostas para todo, veñen os nosos fillos con preguntas novas. Apertas dunha nai na diáspora!

Anónimo disse...

esa autoridade paterna ;-) iso, qué sería da vida sen galletas? Moi bo, e que se recuperen loguiño.

Anónimo disse...

Que lingua é essa que vocês falam em Vigo? Não é português nem espanhol. Não estou conseguindo entender o texto principal nem os comentários.