quinta-feira, maio 11, 2006

O camiño a seguir

Estou agradecido. Se alguén me di fai un ano cando estaba a piques de tirar a toalla que tería unha novela publicada e un libro de poemas no prelo non o crería. Non me podo queixar tampouco do que os editores chaman visibilidade. O meu Sari falou por min do Diario Cultural da RG, xa tivo unha crítica no Culturas da Voz e onte para a miña ledicia recomendárono no Libro Aberto da TVG. Tamén moitos coñecidos gabárono, o meu benquerido editor, Naufrago, Brétemas, Martin Pawley, Veloso, e a eles estoulles tamén moi agradecido.
Xamais pensei que as cousas serían así e agora recoñezo que teño certa vertixe, dubido cal é o seguinte paso a dar, non quero decepcionar a ninguén. Pésame a responsabilidade nas costas pois non sei se teño algo máis dentro que este á altura da súa confianza. Ás veces cando alguén me fala ou me pregunta por Sari, non sei que responder, agromou en min de socate e non sei dicir onde fica a súa orixe. Envexo a Suso de Toro que onte na presentación do seu Home sen nome, espiuse coma escritor para nós e contounos onde nacera a súa nova novela, léndonos anacos dos seus diarios dende aquela afastada anotación onde dous homes vellos, unha vítima é un verdugo, comparten unha habitación de hospital. El tivo unha idea, trazou un plan e levouno devagar á práctica. Eu aínda non teño nada.

8 comentários:

máis alá disse...

Eu te recomendo que non penses como escritor, senón como aspirante a escritor. Que cada vez que esteas fronte á páxina en branco o teu corazón ameace con saír pola gorxa.
Que traballes con humildade e con ilusión.

Veloso disse...

Temos o camiño e queremos camiñar. Con iso abonda. Unha aperta.

Peke disse...

Como di Veloso, tendes o camiño e queredes camiñar. Camiña para o teu pracer, por ti mesmo, non por outros nin polo que pensarán. Iso..., xa virá.

Anónimo disse...

Recordo os teus ánimos de hai un ano. Hoxe tes un camiño. Un camiño grazas as ben fermosas cartas a túa filla casadeira. E grazas tamén ó teu maravilloso fillo Sari. E os fillos son para sempre. Disfrútaos. Xa virán máis...

Martin Pawley disse...

Vostede camiñe (con entusiasmo e con xeito, como até agora), e xa verá como sempre aparece alguén a lle facer compaña.

acedre disse...

Animo e a tirar para adiante. Iso si: a musa hai que deixala que imponha o seu ritmo.
Un saudo.

Anónimo disse...

Só hai unha cousa que importa: escribir. O resto ( publicar, gañar premios, ser convidado nos saraos literarios, etc... ) non é importante e non ten nada que ver coa literatura. O único que importa é a vertixe diante do ordenador prendido, a pantalla en branco e o cursos latexando, agardando por un. Non concordo co de máis arriba: pensa como escritor. Pero pensa, sobre todo, no propio feito de escribir. Todo o demais é casual e superficial, consustancial ao oficio, si, pero non é a clave. O cerne de todo é a emoción. A emoción. A emoción.

folerpa disse...

Grazas a todos polos vosos azos.