quinta-feira, maio 18, 2006

Só ante o perigo

A visita á escola do meu fillo o martes foi un desastre, ou a min pareceumo. Durante a miña arábiga disertación os corenta pícaros choraron, berraron chimparon e non me fixeron nin caso, ou a min pareceumo. Só cando lles mostrei coma escribían os árabes e abrín un pequeno estoxo cheo de especias e lle din a probar cúrcuma calmáronse un chisco.Ao remate, e como a música amansa as feras, probamos a bailar todos xuntos a danza do ventre ao ritmo da música que lles levara.
Hoxe namentres agardaba para recoller ao meu fillo achegáronse algúns país e ante o que me contaron quedei abraiado da capacidade dos nenos para quedar coas cousas no medio do rebumbio máis grande. Ao chegar ás súas casas algún teimou por escribir do revés como facían os árabes, outra remexeu nos botes das especias pois seica valían máis que o ouro, outro dixo que eu escribira moi mal o libro pois unha profe mo tiveran que corrixir e outra empeñouse en que lle mercaran aquela estraña música que oíra e coa que se bailaba ensinando o embigo.
Bendita infancia.

4 comentários:

Anónimo disse...

Os cativos son así: podes estar certo de que non che fan nin caso... pero diso nada, si que fan caso. Son multifunción e dan para moito, non coma nós, os adultos, incapaces de concentrarnos en máis dun asunto á vez.

acedre disse...

E logo dicias que non facian caso...ca. Estes demos estan en todas.

Anónimo disse...

Concordo con náufrago. E o teu fillo estaría nas estrelas vendo ao seu pai escritor no centro do meollo. Han de lembrar este día moito tempo. Parabéns polo teu estreo escolar.

Veloso disse...

Pois a ti parecerache un desastre, pero a min sóame moi divertido todo o que contas. Únome na distancia á danza do ventre. No meu caso, chamarémoslle "danza do bandullo prominente".