terça-feira, outubro 28, 2008

Febre


Esquecede esa historia da que falei hai uns días e coa que levaba loitando estes últimos seis meses, esquecede tamén eses tres capitulos corrixidos arreo e o lapis ateigado de planos, imaxes e documentos. Outra vez será. Esquecede tamén a seca, o outono vizoso trouxo unha enchente.
O venres pola noite volveu a febre en forma dunha nova novela, volveu ese transo no que entro cando por fin atopo un boa historia, cando escribo ese capítulo final ao que sei que me teran que levar os próximos meses de duro traballo. E emocioneime de novo, como cando os meus rinocerontes ou o meu Abdul en Bagdad.
Onte xa merquei uns libros e encarguei outros na rede, amais dalgún filme que preciso. Devezo por poñerme esta noite diante do portátil e mentres os meus fillos se enguedellan no remuíño dos soños facer eu o mesmo pero ben desperto, cos meus ollos estartelados.

8 comentários:

Anónimo disse...

¡Parabéns para vostede e para os que o lemos!

Unknown disse...

Xa superaras outras secas antes, esta non ia ser unha excepción. Disfruta da febre!

Veloso disse...

Íache recomendar un medicamento para baixar a febre, pero vexo que case é preferible que manteñas a temperatura uns cantos meses. Ánimo e boa travesía! Por certo, cando sae a novela do Barco de Vapor?

folerpa disse...

Grazas polos azos, meus.
Veloso,O canto dos peixes estará nas librarías para o Nadal cunha fermosa cuberta de Ramón Trigo.

Anónimo disse...

Nunca fales dun libro mentres non o escribas. Cando lle preguntaron a Tolstoi de que trataba Guerra e Paz, contestou: se o puidese contar con palabras non gastaría tantas horas póndoo por escrito. Ás veces, falar dun libro que aínda non se escribiu esgota o libro mesmo. Un pode percibir as reaccións dos interlocutores, e incorporalas ao texto, mesmo de xeito inconsciente, de maneira que se perturba esa materia prima que debe ser secreta, mentres non poido ser lida. A palabra escrita ten máis que ver co pensamento...

folerpa disse...

Cabaleiro, eu non falei nadiña do libro ;-). Amais, xa o teño todo escrito na cabeza, agora só preciso duns meses para botalo fóra.

Unknown disse...

Amigo folerpa, non lle caberá a vostede, dispensando, o Estado na cabeza!

folerpa disse...

O estado non, hombre molécula,pero unha novela si. O que pasa é que hai que resetear o cerebro a diario para baleiralo de toda esa información lixo que nos asalta arreo nas nosas vidas.Así podémoslle facer sitio a outras cousas máis proveitosas. De todos os xeitos recoñezo que eu teño bastantes parvadas metidas dentro e non me dou desfeito delas.