segunda-feira, abril 03, 2006

Natureza

Onte pasamos a tarde na carballeira cos nenos xogando e rubindo ás árbores. Ao chegar a casa meu fillo non ceou e pasou case toda a noite en vela, inquedo e coa respiración axitada. Hoxe pola mañá cedo, levámolo de urxencia á súa pediatra dadas as súas dificultades respiratorias, na consulta calmouse cando lle puxeron osíxeno. Diagnóstico: crise asmática, cita para o alergólogo, inhaladores e tres días de repouso.
Dos meus tempos de colexio lembro a un só neno con inhalador, feito que hoxe está a orde do día en calquera escola deste país. Penso que con tanta hixiene, asfalto, limpeza e formigón estase conformando a unha xeración de alérxicos, especialmente ás manifestacións da natureza que nos abrangue, da que cada vez nos afastamos máis en tódolos sensos. Bébese leite que non é leite, comese carne ateigada de antibióticos e comemos peixe que nin se mergullou no mar.
A nosa especie vai camiño dunha morna burbulla aséptica que a abeire de calquera contacto externo. Tempo ao tempo.

7 comentários:

Anónimo disse...

Prezado Alfaias: o primeiro día das pasadas vacacións de verán pasámolo no monte Aloia co neno. A partires dese intre iniciouse un calvario de probas, xaropes, antihistamínicos, visitas a urxencias, listas de espera para o alergólogo e, neste intre e tralas probas, diagnóstico, inhalador e pastillas, en plan prudencial, durante os dous meses. Benvido ao Clube.

torredebabel disse...

tiven asma dende os 6 anos, máis ou menos. Pasei por probas, ergometrías, inhaladores, pastillas, diagnósticos, visitas urxentes e unha ducia de hospitais, especialistas e centros médicos. Teño hoxe 33 anos e levo 12 de alta. Ou iso dixo o último neumonólogo que tiven. Penso que tes toda a razón: a limpeza, a hixiene obsesiva, a civilización está parindo nenos débiles e alérxicos á vida. Será porque vivo na cidade dos psicólogos pero o único tratamiento que fixo que eu puidese vivir sen remedios foi o psicolóxico. Hoxe só uso o nebulizador cando algunha angustia moi forte non me deixa respirar. E iso pasa moi de cando en vez (unha vez cada dous ou tres anos).
Sorte!!!

Veloso disse...

Eu fun un neno "civilizado". A procesión do San Xoán ou os días da sega eran para min unha auténtica tortura. O inhalador, as pastillas e mais eu levamos xa moitas primaveras de convivencia, ata agora con bos resultados. En fin, espero que o neno xa estea ben e que moi pronto poidades subir de novo ás árbores. Un saúdo.

folerpa disse...

Grazas a todos polos vosos azos. Reconforta saber que o meu fillo non é o único.

bouzafria disse...

O noso pequeno tamén está no club; e iso que nin na miña familia nin na da nai hai antecendentes. Resulta curioso que mellora moitísimo na aldea, fora de Vigo. Será a contaminación ou a falta de chuvia deste inverno? E mellorou tamén o deixar de tomar leite de vaca.
Saúdos.

hojasdehierba disse...

Eu non son alérxica a iso... pero os bichos máis pequenos énchenme de terror. Nas últimas vacacións, o Radical chegou a contar 70 picaduras só nas miñas costas e brazos. Se non chega a ser polos antihistamínicos, creo que tería quedado sin unllas de tanto rañar.
Sorte para o pequeno (onde eu vivo coa estación comeza a verse moita xente con mascarilla... a oliveira fai estragos).

Unknown disse...

Eu traballo nun colexio e podo confirmar as súas sospeitas, este tipo de alerxias están á orde do día e non pode dicirse que vaian a menos. En calquera caso, ¡que se recupere axiña o pequecho!.