terça-feira, abril 18, 2006

Nova TVG II

Despois de repetir ata extenuación os domingos e durante horas os marcadores, goles, penaltis e faltas da xornada futbolística, a dirección da nova TVG? tivo a ben programar por fin -iso, si con nocturnidade e aleivosía- o espazo adicado aos nosos libros as 00.30 e cunha duración de, pásmense, 30 minutos.
É dicir, que a dirección da nova TVG? adicaralle aos libros escritos na lingua de nós a metade do tempo semanal que lle presta aos espazos relixiosos, A Sentinela 30 minutos e Nacer de Novo outros 30- hoxe adicado ao abraiante tema da resurrección-, e moitísimo menos que os 50 minutos da santísima misa dun goberno presuntamente aconfesional.
Sen prexulgar o seu breve contido, que pode ser excepcional, case dan gañas de pechar o Libro Aberto.

(Mañá andarei por SDC no Enblogs 06, falamos o xoves)

1 comentário:

Veloso disse...

Espero con absoluto entusiasmo a emisión de Libro Aberto, aínda que é moi probable que non o poida ver case nunca. Permíteme unha pequena discrepancia: estou totalmente a favor da retransmisión da misa dominical. É máis, case se pode dicir que son un fan do Padre Isorna. Os meus avós, xa velliños, levan anos sen ir á misa, pero todos os domingos, ás dez e media da mañá, están diante da tele. A conclusión é sorprendente e esperanzadora: dous octoxenarios galegofalantes aprenderon por fin a rezar na súa lingua, a contestar en galego. Cada vez que lles oio dicir "e contigo tamén" ou "é digno de xustiza", penso que esta media hora semanal de televisión fixo máis pola normalización do galego que moitas campañas da Xunta e, sobre todo, moito máis cá conversa podre dalgún bispo. Un saúdo, xa nos contarás da xuntanza de Santiago.