
Non sei de onde vén. Lixeira, baixa pola Gran Vía. cobregueando por dirección contraria entre o tráfico incesante no que os condutores homicidas non se decatan da súa presenza. Supera a encrucillada coa rúa Luis Braille e segue a súa atolada carreira. Eu persígoa correndo pola beirarrúa, tratando de non perdela de vista e marabillado pola súa fuxida suicida. Na intersección con María Berdiales, a piques está de rematar baixo a roda dunha motocicleta kamikaze, pero no derradeiro instante, con habilidade, sálvase. Chega agora o momento máis perigoso da súa travesía: a conxestionada encrucillada con Urzaiz. Nela describe unha curva moi aberta, tratando de evitar aos automóbiles, pero aínda así remata esmagada baixo as rodas dun vitrasa.
Non me entristezco, tentouno, teimuda, e non o conseguiu. Sei que non sufriu e morreu feliz e libre.
Supoño que desesperada, a laranxa, procuraba entre o asfalto por una anaquiño de terra onde podrecer para sempre e devolverlle algo do que esta lle dera cando aínda era un agromo.