quinta-feira, março 30, 2006

Lirios

Por mor desa novela que me quita o sono dende fai meses e me vai quitar a saúde, levo varias semanas mergullado na lectura da magnifica tradución ao galego da historia máis grande xamais contada. Libro que calquera ateo que se prece debería ler alomenos unha vez na súa vida de pecador. Vaian estas verbas dun dos seus libros máis fermosos coma exemplo.

- Eu son o narciso do Xarón,
unha azucena das valgadas.
- Coma lirio de entre os toxos
tal é a miña amada entre as rapazas.
- Coma a maceira entre as árbores da fraga
tal é o meu amigo entre os mozos.
Á súa sombra devezo por me sentar
pois é doce o seu froito ó meu padal.

quinta-feira, março 23, 2006

A vida ben podería ser...

...o tránsito dunha arbore a outra.
Da camelia baixo a que miña nai me aleitaba á nespereira do eido dos meus avós, pola que tódolos nenos da casa vertemos bágoas a tarde na que a cortaron.
Daquel fatoeiro que adozaba cos seus gorentosos froitos vermellos os afastados estíos da infancia, á enguedella figueira á beira da estrada que foi castelo, selva vizosa e illa deserta da mocidade.
Do carballo, onde a súa sombra aquela nena de nome esquecido chuchou por primeira vez dos meus beizos; a aquel plataneiro, muda testemuña das nosas verbas, aloumiños e apertas
Desa maceira seca na que pendura meu fillo e abanea miña filla na súa carriola; ao pé do derradeiro sabugueiro, onde repouse e podreza a miña carne feble e o meu cerne enchoupe a terra vizosa, para que despois ruba polo seu tronco e chegue as súas pólas e de socate estoure o máxico día do equinoccio nunha primavera de flores.
A vida ben podería ser o tránsito dunha arbore a outra.



(Gustaríame que me falásedes dunha árbore, real non imaxinada, onde na súa tona quedase algunha pegada das vosas vidas. Animádevos e entre todos conformaremos a nosa propia fraga )

terça-feira, março 21, 2006

Poesía

Insurrección dun mesmo,
dos demais,
liberación,
e da monotonía da realidade,
apostasía.

sexta-feira, março 17, 2006

Leoas e leóns

O comentario do disfrace da vicepresidenta vindo do tipo que ven non debería alporizar tanto, o penoso foi ler a algunha articulista da prensa galega facendo chanza das súas katiuskas e a algún falando dos seus descubertos cadrís.
A linguaxe é unha arma poderosa e por iso pasamos anos aprendendo a usala, eu aínda sigo. Aborrezo toda esa parvada da corrección política pero ás veces cando falamos non está de máis pensar no que temos ao noso carón.
O outro día na escola meu fillo ao rematar a súa ficha exclamou que traballará coma un negro, a súa mestra recriminoulle o comentario, non por nada, senón porque ten un compañeira desa cor que podía sentirse ofendida, e díxolle que o podería mudar por traballar coma un león. Meu fillo negouse e díxolle que o león era un lacazán que botaba todo o día a durmir que mellor ser leoa que era a que traballaba cazando na sabana e coidando da familia.
Pois iso, que a vida está chea de leoas e leóns que ata un neno de cinco anos e quen de distinguir.

quarta-feira, março 15, 2006

terça-feira, março 14, 2006

O irmán pequeno, orfo e apadumado

Así é a cultura do noso país para os nosos políticos. Xa pasaron uns días da marcha de Ánxeles Cuña do CDG por un atranco administrativo tras ser nomeada fai tan só seis meses. Despois de semellante desfeita para o noso teatro nacional parece que non pasou ren. Os do binomio bicéfalo e bifronte seguen coas súas teimas: que se vou, que se ti non vas, que si vas ti eu tamén, que se non imos ningún dos dous. Namentres a oposición coma vacas pacendo nos prados ven pasar os trens de alta velocidade ou de velocidade alta, que non é o mesmo aínda que o parece.
Eu só estou seguro de que cando cheguen eses malditos trens neste país xa non haberá unha cultura de seu, nin unha lingua, senón a uniforme e informe cultura global que todo o asolaga.
E arestora na Consellería de Cultura non dimitiu nin o bedel e o seu Director Xeral de Creación e Difusión Cultural segue a esmorecer vagaroso na máis absoluta indiferenza.
Eu propoño que para non chorar, lle mudemos o nome e pase a chamarse CCG, Centro Cómico Galego, alomenos botaremos uns risos.

segunda-feira, março 13, 2006

lg3

A edición deste fin de semana de culrturagalega.org tivo a ben convidarme para que salientase os meus favoritos da rede. A quenda era limitada así que só están algúns dos que frecuento, agardo que ninguén tome a mal a súa ausencia.

sexta-feira, março 10, 2006

Arribada


A presentación foi ben bonita, Ignacio Chao e Francisco Castro foron moi xenerosos coas súas verbas e moitos coñecidos e algúns blogueiros coa súa presenza.
A semana vindeira Sari arribará nas augas mornas e quedas do Diario Cultural da Radio Galega e falará coa miña voz para todos vós.

quinta-feira, março 02, 2006

Comeza a singradura


Este xoves 9 de marzo as 8 do serán na Casa do Libro de Vigo presentarei o meu libro Sari, Soñador de Mares xunto co escritor Francisco Castro e o meu editor Ignacio Chao que teñen a ben acompañarme neste meu público debut. Quedades todos convidados, con acudiren e facer vulto é suficiente, non é obrigatorio mercar o libro aínda que a miña vaidade o agradecería. Gustaríame moito poder saudar a outros BVA ou algúns dos habituais comentaristas das miñas Alfaias se vos atopades cerca e tedes tempo. Unha aperta.

É un pracer ver o xenerosos que son Brétemas e Martin e Náufrago co meu Sari. Grazas.

quarta-feira, março 01, 2006

BVA

Onte nas páxinas locais da Voz falaban dalgúns de nós, Blogueiros Vigueses Anónimos. Supoño que o motivo de tal artigo é unha reacción automática ao da competencia do día anterior.