quinta-feira, março 23, 2006

A vida ben podería ser...

...o tránsito dunha arbore a outra.
Da camelia baixo a que miña nai me aleitaba á nespereira do eido dos meus avós, pola que tódolos nenos da casa vertemos bágoas a tarde na que a cortaron.
Daquel fatoeiro que adozaba cos seus gorentosos froitos vermellos os afastados estíos da infancia, á enguedella figueira á beira da estrada que foi castelo, selva vizosa e illa deserta da mocidade.
Do carballo, onde a súa sombra aquela nena de nome esquecido chuchou por primeira vez dos meus beizos; a aquel plataneiro, muda testemuña das nosas verbas, aloumiños e apertas
Desa maceira seca na que pendura meu fillo e abanea miña filla na súa carriola; ao pé do derradeiro sabugueiro, onde repouse e podreza a miña carne feble e o meu cerne enchoupe a terra vizosa, para que despois ruba polo seu tronco e chegue as súas pólas e de socate estoure o máxico día do equinoccio nunha primavera de flores.
A vida ben podería ser o tránsito dunha arbore a outra.



(Gustaríame que me falásedes dunha árbore, real non imaxinada, onde na súa tona quedase algunha pegada das vosas vidas. Animádevos e entre todos conformaremos a nosa propia fraga )

14 comentários:

Veloso disse...

Cando saiamos ao recreo, os rapaces de segunda etapa do Colexio Fleming corriamos polo patio adiante cara á nosa árbore sagrada. Tiñamos que choutar por riba dunha morea de toradas e tocar o seu tronco. Non se principiaban os xogos mentres non cumpriamos todos o noso rito cotián. O último en chegar, por suposto, "quedaba".
Foron anos bonitos, pero gardo desta lembranza dúas amarguras: a miña absoluta ignorancia para as cousas da natureza fai que non lembre qué árbore era aquela. Non o saberei nunca. Xa hai anos que as máquinas do concello acabaron con ela. No seu lugar érguese a Escola Municipal de Música. Oxalá os nenos que asisten ás súas clases teñan tamén a súa árbore sagrada.

folerpa disse...

Veloso, coma sempre unha fermosa historia inzada de melancolía.

Laurindinha disse...

As Laurindinhas xogabamos de nenas no lombo dunha figueira... cada repouso da madeira era unha estancia da casa... no verán atesourabamos as súas froitas, premíamoslle o seu leite... pero certo día apareceu por alí unha lexión abominable de formigas vermellas velenosas... non nos quedou outra que baixar das alturas e por os pes na realidade...

Sempre hai unha forza extraña que nos impide deixar voar á imaxinación... pero eu intento que só sirva como punto aparte para iniciar unha nova escalada...

Precioso relato...

AQUI disse...

nosoutras tiñamos unha ameixeira vella na aira da casa da avoa. debaixo da árbore, unha mesa con bancos. subiamos á ameixeira e eu explicáballe á miña irmá pequena -con aire científico- que a resina gostosa na que afundíamos os dedos era o seu sangue, o sangue da árbore que ía velliña e sangraba de pena e sufrimento. entón quitabamoslle a resina para curala.
a árbore aínda vive, é xa anciá, dá unhas ameixas pequeneiras pero riquísimas, doces coma ningunha.

aldara disse...

Nun lugar remoto da Galiza a miña avoa ten unha casa grande, sobria, con escudo e con capela. Porén, o mellor da casa e, do xardín, é o inmenso carballo que ten enfronte da porta. Posiblemente teña xigantismo ou, sendo realistas, pase un manantial por embaixo. A cuestión é que a relación sentimental que temos co carballo é moito máis estreita que a que temos con algúns membros da nosa familia. Esa árbore descomunal protexeunos nos nosos xogos cando cativas, serviunos de paraugas improvisado e, o máis importante, sabemos que, ao ir visitar a nosa avoa, quen sempre estará agardando por nós é o marabilloso carballo.

Peke disse...

Eu lembro un enorme pradairo que había na alameda de Compostela. A miña ansia infantil levábame a agatuñar por ela e animaba aos meus curmáns a imitarme. Un día un vello cun caxato ao que lle debían molestar os nosos xogos arreoume tal caxatazo na perna que me deixou marcados os nós.
Non conseguiu quitarme o vicio de rubir ás árbores e logo facíao nas maceiras do xardín dos meus curmáns. O mundo víase de diferente maneira desde alá arriba, coma se fose máis grande ou eu que sei.

Marinha de Allegue disse...

Eu podería falarche de moitas árbores, crieime entre elas, pronto aprendín a distinguilas e a xogar no medio delas. A que me ven agora á cabeza é unha cerdeira que había na horta onde meu avó tan pronto como ía vindo a calor durmía a sesta debaixo dela. Sempre que tiña oportunidade agatuñaba por ela e facíalle mil perrerías ao meu avó dende o pico. Levo caido varias veces da cerdeira e tamén me levo subido ben veces pa refuxiarme das reprimendas, (era moi traste). Por certo no tempo, daba unhas cereixas ben sabedoras.

Unha aperta.
:)

Chus disse...

Parece que as árbores habitan os recordos da nosa infancia. Na miña hai unha fraga enteira pois nacín e vivín durante moitos anos nunha aldea rodeada de bosque e nunha casa rodeada de árbores. Así o bambán de corda que no inverno estaba no alboio pasaba á maceira grande aló polo mes das flores ata ven entrado o outono.E recordo con frescura as risas daquelas tardes de verán nas que xogaba cos meus primos ás tendas. As follas do castiñeiro convertíanse en billetes de mil, de cincocentas e de cen pesetas. Todos pelexábamos por ser vendedores e debaixo da nogueira colocábamos as coroas, os colares, as diademas de pilros, os pendentes de cereixas verdes ...

lennyingals62200579 disse...
Este comentário foi removido por um administrador do blogue.
folerpa disse...

Grazas a todos polas vosas árbores. O curioso e que todas pertencen a fraga da infancia. Supoño que co paso dos anos afastámonos da natureza que nos abrangue, da conexión case sagrada que tiñamos con ela cando nenos. Das formigas, dos paxaros, dos grilos, dos chuchameis...É unha magoa.

Veloso disse...

Permíteme que cambie de tema por un momento. Xa rematei "Sari, soñador de mares". Paréceme un libro excelente, unha auténtica delicia en prosa. O texto avanza como unha melodía. En realidade, cada capítulo parece un tempo dunha belísima sinfonía musical. Vese que tes un dominio abraiante do léxico e que o sabes empregar con moito acerto. Parabéns. E moitas grazas polo bo momento que me fixeches pasar lendo o teu libro.

Pablo disse...

Penso que chego un pouco tarde, pero vos deixo aqui a miña árbore:
A que máis me marcou foi unha cerdeira da que cain cando era pequeno. Lémbroa tódolos días cando me axeito as guedellas e vexo o surco do seu paso pola miña vida na frente.
A parte da cerdeira (non cheguei ás cereixas máis gostosas...) hai moitas máis árbores na miña vida, unha por cada vivencia, seguramente, sería imposible nombralos a todas...
Quédome ca primeira, as tardes de verán comendo nas cereixas, os xogos, os amigos da aldea... todo arredor daquela cerdeira.

ohqtordv disse...

eu son becho urbano. medrei nun piso 11 e o meu interese polas árbores medrou de maior.

pero foi dicir árbore e pegada e asociei ao revés.

no cole onde ía en parvulitos había unha árbore caída. non me preguntedes que árbore era porque non teño nin idea.

esa árbore deixoume unha pegada indelébel. unha vez, estabamos no recreo e eu subín nela. lémbroa enorme pero non debía ser tanto se eu, con catro anos, din rubido nela.

ben, en realidade non lembro se subín, pero debín facelo porque si lembro como caín da árbore e batín coa boca contra un pequeno borde de ladrillos.

un dos meus dentes grandes de diante esfumouse coa caída.

como era moi pequeno aínda para que me nacese o seguinte, o espazo que ocupaba foi sendo invadido polos veciños e a iso se debe que un dos meus dentes de diante estea torto: acomodouse na boca como mellor puido no pouco espazo que lle quedaba.

hai un par de anos, paseando por buenos aires, pasei por diante da porta daquel cole. era sábado pero unha porta lateral estaba aberta. era unha porta que lembraba ben, xusto na parte do patio onde estaba aquela árbore caída.

a árbore xa non estaba e na zona de xogos a area fora substituída por unha desas horríbeis moquetas verdes. o resto estaba todo no seu sitio. o meu dente, tamén.

Ghanito disse...

¡Vaites! ¡Veloso e mais eu fomos á mesma escola!

Non lembro eu este costume de ir correndo cara unha arbore, pero na zona da que el fala, entre a rua Ourense e a Avenida da Hispanidade penso que había varias camelias se cadra era unha delas.
A miña lembraza do tema é usar as flores como se foran proxectiles lanzando uns contra os outros. Menos poético co resto, síntoo.