quarta-feira, outubro 31, 2007

É de xustiza


Únome dende aquí á campaña iniciada por Martin entre o blogomillo.

segunda-feira, outubro 29, 2007

A voz a fin ou a entrada do túnel

Viña no vitrasa matinando de que falar hoxe no blogue. Do libro que veño de rematar despois duns días de intensa lectura e que inaugura dun xeito esperanzador a tempada literaria galega. Dos primeiros pasos na escrita do meu folerpiña que me deixaron abraiado. Do endémico e xigantesco complexo de Edipo da sociedade arxentina. Da nova de onte no País sobre un manual de literatura europea onde supoño que non hai nin un só escritor galego entre os 3.850 censados. Ou da sorte laboral dun benquerido amigo. Viña matinando en todo isto, cando de súpeto unha muller ao meu carón desmaiouse e comezou a ter convulsións no chan. Axudámola entre todos, abrinlle a boca e quiteille a lingua para fóra pare que non afogase. Co bus parado, esperamos pola ambulancia, ela recuperou a consciencia máis era incapaz de falar. Pechou de novo os ollos e eu falei seguido con ela ata que chegaron os do o61. Ela acaneba a cabeza a cada pouco.
Non sei quen era nin que será dela, mais agardo vela un día destes polo Toural. Ollareina e sorrireille, aínda que non me recoñeza.

terça-feira, outubro 23, 2007

Diálise II

Xa falei aquí desta marabillosa obra que tan fondamente me emocionou. Pois ben, como xa saberedes, hoxe recibiu o Premio Nacional de Literatura Drámatica. Moitos parabéns para o seu autor, que agardo poda, por fin vela sobre un escenario. Espero que os xerifaltes do IGAEM ( cuxa web nin se molesta en recoller a nova aínda) caian da burra dunha vez e non sigan a facer o rídiculo por ter conxelada esta obra mestra dende hai case dous anos. Sería unha vergoña que un fito do noso teatro como este quédase sen estrear ou o fixese antes no Lliure traducida ao catalán.
Agardemos que as previsións de Martin sexan certas e levemos outra alegría nos próximos días.

Nadal


O triste de Vigo é que só aparece nos informativos nacionais de televisión con ocasión dun crime múltiple ou cando se queiman colectores nas súas rúas, mais agora tamén saímos por esta parvada, iso si, somos a primeira cidade da península que o fai. A algúen no concello debería caerselle a cara de vergonza.

quarta-feira, outubro 17, 2007

AD AUGUSTA, PER ANGUSTA





No deixa de ser irónico, que o meu particular paso das Termópilas no blogue (este é o post 300) sexa para mostrar a miña solidaridade cos Aduaneiros e coa súa viñeta, que desatou a ira da nosa telexénica e ínclita poeta, que pouco savoir faire ma chere.

De todos os xeitos concordo co que di Calidonia, e o que non podo facer e solidarizarme con moitos dos anónimos comentarios que seguían a viñeta, e que máis que inxuriosos en concreto son sexistas en xeral. Con suprimilos todo arranxado, mais seica a nosa primma donna non se vía con esa toga sanguenta e prentendía que se suprimise tamén a imaxe. Volvo a repetir, que pouco savoir faire ma chere.
Esclarecedora e definitiva a reconstrución dos feitos do insigne ShS, ante ela non hai nada máis que dicir. Cada un que saque as súas conclusións, xa sodes todos maiorciños.

terça-feira, outubro 16, 2007

Orfos


(O outro día, no despacho de billetes dos vellos Multicines Centro en Vigo)

quinta-feira, outubro 11, 2007

Sari, somniador de mars


D’ençà que en Sindbad se’n va anar, el riu Iadid baixa trist i moix, abocant les seves llàgrimes tèrboles al mantell salat del golf. Se sent sol i repudiat, perquè ja no té a qui acompanyar amb la música de les seves aigües, abans fresques i enjogassades.
En Sari també el troba a faltar, però es va acostumant a la solitud, a quedar-se a la seva estora escalfat pels rajos prims del primer sol i a no haver de matinar per ser ben d’hora a la porta de la casa del vell mariner; a aquella hora primerenca en què l’ombra allargada del minaret de la mesquita recorre lleugera el moll ple de paneres, caixes i cistells dels més variats fruits del mar fins a cabussar-se àgil a les aigües tèbies com un peix volador.

segunda-feira, outubro 08, 2007

Estereotipos


Onte ben cedo, collemos estrada cara a Sargadelos nunha furgona arrendada. Imos facer a mudanza dunha amiga que regresa a Vigo despois de ver estragado o seu soño rural. Sobre as nove e media da mañá baixamos pola Gañidoira, camiño de Viveiro, cando nos atopamos cun control da Garda Civil. Dannos o alto e interrogan ao condutor, de onde vimos, a onde vamos... Déixannos pasar e ao arrancar eu saco a cabeza: craso error. O picoleto veme a pinta —medio durmido, sen barbear, brinco nunha orella — e faime baixar. Pregúntame se levo estupefacientes, mándeme baleirar os petos, revísame o paquete de tabaco. Eu fago algunhas chanzas polo ridículo da situación, máis o xoto garda nin se inmuta. Ao cabo, permítennos continuar a viaxe.
Despois de cargar o enxoval e que a nosa amiga bote unhas bágoas, imos comer a La Cazuela e botamos unhas risas a conta do incidente, mentres gozamos dos seus gorentosos pratos. Rematamos axiña e regresamos. Fixemos seiscentos quilómetros en seis horas e percorremos as catro provincias do país.
Xa na casa, penso que se todos os gardas teñen o ollo e capacidade dedutiva do que nos atopamos, é evidente que os alixos que collen só poden ser froito dunha carambola da casualidade.

quinta-feira, outubro 04, 2007

¿Ou ser tamiles ou ser fineses? Esa é a cuestión.

ShS pediume a miña opinión, para o Luces de El País, sobre o problema da difusión ou visibilidade dos nosos produtos culturais alén das nosas fronteiras e eu mandeille a reflexión, da que entresacou as frases que hoxe saen no xornal, que agora reproduzo na súa integridade.

Penso que non é unha cuestión moi diferente á que poidan ter outras culturas minoritarias. A ignorancia provoca o medo e este encirra os prexuízos, mais non é unha actitude distinta á que moitos galegos poidan ter perante os bazares dos chineses, ou ao cruzárense cun marroquí ou un senegalés nunha rúa calquera.

Existe ademais unha grave doenza que nos afecta e á que eu denomino “culturismo” (cultura+turismo). Cantos galegos coñecen a Ribeira Maia e non foron xamais a Ribeira Sacra. Pois cos produtos culturais pasa o mesmo: se un lector castelán pode ler unha novela dun autor tamil por que non pode ler a dun narrador galego, que a fin de contas o ten aquí ao lado. Neste mundo globalizado o exótico converteuse nun valor en si mesmo, con independencia da súa calidade.
O curioso do asunto é que nós somos raros de carallo e vivimos no cabo do mundo, mais ninguén nos ve o suficientemente exóticos como para vendernos e promovernos. Temos que ser, quizabes, máis tamiles.

Pola outra banda, existe outro camiño: poderiamos tentar ser fineses. ¿Porque eu podo ler a un novelista finés en galego e eles non poden ler a un novelista galego? Os fineses son raros de carallo, só hai que ver os seus filmes, e viven no cabo do mundo coma nós, mais non son exóticos tamiles. Pola contra, venden ben os seus produtos culturais: música, literatura, cine... Aí é onde ten que entrar a Administración e as súas políticas culturais: Menos Gaiás e máis axudas para traducir aos nosos autores ou a para crear dunha vez por todas o Instituto Rosalía e espallar a nosa cultura polo mundo adiante. Temos que ser, quizabes, máis fineses.

Non quero eximir, tampouco, aos propios creadores do problema:
-A nosa actitude timorata, unhas veces. Parece que imos pedindo permiso por alí onde pasamos. Temos que erguer un pouco máis a cabeza. Temos que ser máis afoutos.
-O noso pouco risco, outras. No premio que veño de gañar, de 140 orixinais, só había media ducia en galego. Temos que ser máis arroutados.
-A afección a ollarnos o noso propio embigo, sen ver o mundo que nos rodea, fai que moitas veces as nosas creacións sexan inintelixibles alén do Padornelo. Temos que ser capaces de transcender, sen renunciar ao que somos, de ollar dende o noso quinteiro ao horizonte e moito máis alá, ao lugar onde comeza o resto do mundo. Temos que estartelar os ollos.

O dito ¿Ou ser tamiles ou ser fineses? Esa é a cuestión.

segunda-feira, outubro 01, 2007

A sintaxe da escrita


Na presentación o venres do novo libro de Luis Rei Nuñez, Ramiro Fonte estivo ben brillante. Co seu permiso, deixo aquí algunhas das súas perlas soltas e collidas ao voo para a reflexión xeral sobre o oficio de escribir.
"Escribir libros semellantes aos que non chaman a atención como lectores."

"Escribir é reescribir."

"Aqueles escritores que din que arranxan o mundo sen arranxar antes a súa propia sintaxe."

"Ler novelas que nos fagan cambiar por dentro."

"Todo prosista debería escribir a biografía doutro escritor."