segunda-feira, outubro 08, 2007

Estereotipos


Onte ben cedo, collemos estrada cara a Sargadelos nunha furgona arrendada. Imos facer a mudanza dunha amiga que regresa a Vigo despois de ver estragado o seu soño rural. Sobre as nove e media da mañá baixamos pola Gañidoira, camiño de Viveiro, cando nos atopamos cun control da Garda Civil. Dannos o alto e interrogan ao condutor, de onde vimos, a onde vamos... Déixannos pasar e ao arrancar eu saco a cabeza: craso error. O picoleto veme a pinta —medio durmido, sen barbear, brinco nunha orella — e faime baixar. Pregúntame se levo estupefacientes, mándeme baleirar os petos, revísame o paquete de tabaco. Eu fago algunhas chanzas polo ridículo da situación, máis o xoto garda nin se inmuta. Ao cabo, permítennos continuar a viaxe.
Despois de cargar o enxoval e que a nosa amiga bote unhas bágoas, imos comer a La Cazuela e botamos unhas risas a conta do incidente, mentres gozamos dos seus gorentosos pratos. Rematamos axiña e regresamos. Fixemos seiscentos quilómetros en seis horas e percorremos as catro provincias do país.
Xa na casa, penso que se todos os gardas teñen o ollo e capacidade dedutiva do que nos atopamos, é evidente que os alixos que collen só poden ser froito dunha carambola da casualidade.

6 comentários:

Hai Cada disse...

Humildemente, creo que a miña "aventura" supera a súa: párame a GNR ao pasar Portalegre un mércores ás 10 da mañá (as 9 hora portuguesa) e despois de pedirme carnet, documentación e tal, pregúntanme se bebera alcohol... Non puiden evitar a gargallada e díxenlle "mellor que non", mentres lle sinalaba a miña tripa de cinco meses e medio.
Aínda así seguiu a preguntarme onde vivía, cara a onde ía e por qué.
Esta segunda parte é a que máis me irrita sempre, ¿por qué lles hei de contar a miña vida?
Saúdos solidarios ;).

folerpa disse...

Menos mal que non sospeitaron que o seu bandullo podía conter algunha subtancia controlada.
Saúdos atmén solidarios ;).

Raposo disse...

600 km en 6 horas: ou fostes sempre por autopistas e autovías ou está claro que superastes o límite de velocidade.
Menos mal que non vos pillou o radar.

Anónimo disse...

Respecto do "axente da autoridade" que nos "atendeu", eu non o calificaría de xoto, a min incluso pareceume entrañable, non esquezas a cor vermella da súa faciana e o olor que exhalaba a súa boca.
(Son o condutor da furgona, por certo, respectáronse os límites de velocidade, eso sí, unha boa parte do percorrido foi por autoestrada)

folerpa disse...

Carafio, Raposo! Semellas da DGT. Para ser exactos foron 550 quílometros en seis horas, o que dá unha media 91 q/h. Contando que á ida fomos pola autoestrada ata Pontedeume e logo as Pontes-Viveiro, e que á volta baixamos vía Lourenzá -Ourense, no creo que fora un rally ;)

Anónimo disse...

Vendennos que todo é aleatorio, que non ten nada que ver a tua pinta diferente con que te manden parar para cachearte, pero como di un colega meu: "Se é aleatorio por qué todalas semanas, cando saio do avión me paran para revisarme todo a min que por casualidade aleatoria levo pelos longos. ¿non deberia tocarlle a outro se é un procedemento aleatorio?"
En fin, xa sabiamos que para traficar é mellor vestir traxe, levar gomina e maletín de portatil (son estereotipos que axudan no negocio).