sexta-feira, março 11, 2005

Inocencia

Érgome as oito da mañá con M., está preñada de cinco meses e ten cita ás nove para unha ecografía. Na radio oímos a Gabilondo que informa da masacre en Madrid, e eu acendo o televisor na procura das primeiras imaxes, con tanto rebumbio noso fillo L. esperta, prepárolle o almorzo e M. lisca lixeira, pois vai chegar tarde a súa cita.
Namentres o visto para ir a escola L. pregúntame que pasou, pois o barullo da televisión e da radio asolagan toda a casa. Eu explícolle que uns homes malos puxeran unhas bombas nuns trens dos que a el tanto lle gostaban e morrera moita xente inocente; el, espontáneo, retrúcame dicindo que habería que matalos. Eu trato de explicarlle que iso non estaría ben, que habería que detelos, xulgalos e metelos no cárcere. El cos seus case catro anos, non queda moi convencido. Eu tampouco.

Hoxe, un ano despois, L. aínda se lembra do día dos trens, eu aínda me lembro daquela outra nai que tamén ía facer unha ecografía a que nunca chegou e miña filla Z. que ten case oito meses alumea co seu sorriso as noites escuras dun tempo infame que non escolleu vivir.

quinta-feira, março 10, 2005

RONSELTZ

O meu maior mérito literario ata o de agora, aínda agardo polo editor ou xurado que me descubra, foi convivir durante un curso nos tempos de estudante en Santiago nunha pensión cun dos membros do colectivo RONSELTZ, lembro as caixas de pastas Reglero que os domingos sempre traia un compañeiro e que nos devorábamos coa fame dos que tiñamos a vida aínda por diante, proxectos e anceios que de seguro quedaron esluídos no camiño de lousas amarelas.
Lin estes días que fai vinte anos, que non son nada como cantaba o tanguista, que abrollou tan senlleiro e divertido colectivo. Eu aínda gardo xunto cos meus malogrados proxectos e anceios un dos seus fanzines, na contraportada tiña un misto pegado cun celo e unha frase convidábaa a queimalo se non che gostaba. Penso que moitos editores na nosa lingua poderían incorporar tal complemento a moitas das novidades que botan nos estantes das librerías, algúns incluso soprete e bombona.

quinta-feira, março 03, 2005

American way of life

Un cativo de dez anos, repito de dez anos, matou a unha compañeira de escola loura e da súa mesma idade para quitarlle a súa nova bicicleta de cor rosa e despois entretívose xogando co seu cadavre, co seu sexo temperán e cos seus piterpanes de la antes de enterrala coas súas pequenas mans nunha touza fría e silandeira onde a atopou arrepiado un dos seus mestres tras días de infrutuosa e angustiosa busca por toda a vila e os seus arredores, berrando o seu nome a través de outeiros, fragas, prados, regatos, e penedos.
Un, dous, tres.
Namentres debuxaba con lapis de cores fermosos corazóns do vermello amor que nunca recibira e felices familias en casas con xardín e barbacoa nas que xamais vivira o neno permanecía impasíbel perdido nas avesías calellas do seu entendemento e non respondía aos experimentados axentes da orde que apoucados o interrogaban baixo a atenta ollada das autoridades, o shériff, o alcalde e o fiscal do distrito, que acochadas tralo espello protector e ante o seu sinistro mutismo mandaron chamar polo máis senlleiro especialista nas reviradas mentes dos asasinos psicópatas ou psicóticos e demais refugallos humanos levedados na linfa encetada dunha sociedade enferma .
Catro, cinco, seis.
O psicanalista concluíu que non era xordomudo e que o seu silencio ou era voluntario, estrataxema que de nada lle serviría para evitar todo o peso da lei e da cega xustiza, ou debíase a un shock traumático consecuencia do seu infando crime. Tampouco os esnaquizados pais da nena que procuraban respostas, nin os sensacionalistas medios de comunicación que cubriron o tráxico suceso, nin os doce bos e honrados cidadáns que sen piedade o declararon culpábel, nin o novo avogado de oficio que o mal defendeu, nin o autoritario xuíz que o condenou a pena capital, nin o gobernador republicano talvez demócrata que non lla conmutou oíron a súa voz, nin explicación nin razón nin xustificación, se é que a pode haber para tanta maldade, para tanta perversidade.
Sete, oito, nove
Moito tempo antes todos eles, os compañeiros, os mestres, os medios de comunicación, as forzas da orde, o psicanalista, as autoridades, o shériff, o alcalde e o fiscal do distrito, os cidadáns, o xuíz e o gobernador permaneceran xordos ante os seus berros e saloucos de terror e suplicio cando o lobishome lúbrico do conto entraba pola noitiña no gótico cuarto dos seus pesadelos infantís. Como mudos ficaron tamén os que ao abrente dese derradeiro día no exterior da penitenciaría estatal baixo a chuvieira tépeda da primavera que amortecía a chama das candeas e dos cirios protestaban, choraban e pregaban a ese deus inmisericorde pola perda da súa ánima calada e soitaria.
Dez.