quarta-feira, maio 16, 2007

Yuyu! Yuyu! Yuyu!


O que mais me chama a atención dos traballadores do naval que estes días campan as súas anchas polas rúas da cidade non é a queima dos colectores do lixo, levan mais de 200 e seica xa tocamos a un euro por cidadán para a súa reposición. Nin son os constantes atascos e cortes de trafico que teñen paralizada a cidade polas mañás. Nin e a neurótica reacción da Alcaldesa e candidata popular botándolle culpa da algarada ao BNG. Nin o intolerable asalto a sede da Xunta con queima de expedientes administrativos, xa irrecuperables, de moitos vigueses. Nin a boca pequena dos representantes sindicais a hora de condenar os incidentes.
Non, o que mais me chama a atención e evidente perda por parte da clase traballadora do seu histórico sentido da estética. As rúas de Vigo levan días inzadas dunhas pavorosas e carísimas vacas de poliuretano, supostamente decoradas por uns ¿artistas?. Pois ben, en todas estas xornadas de reivindicativa protesta non ardeu nin o rabo de ningunha delas. O dito, a clase traballadora está a perder o gusto, ou iso ou as vacas xa acadaron o estatus definitivo de animal totémico da nosa cultura e perante elas, aínda que sexan falsas, os folgistas berran aquilo de Yuyu! Yuyu! Yuyu! que tantas veces oímos de cativos aos indixenas nos filmes de Tarzán.

1 comentário:

Laurindinha disse...

xDDDD É certo, as vacas son feísimas!