sexta-feira, julho 20, 2007




Nadar
e matinar coas rapazas espidas
que mollaron nestas augas antes
os seus peitos mornos polo sol.

Nadar de noite
e oír na bucina de poliéster
deste artificial mar azul
os afastados ecos da felicidade allea.

Nadar de noite nas piscinas
e ser o derradeiro convidado
en improvisados e buliciosos pícnics familiares.

Nadar de noite nas piscinas baleiras
e procurar o mellor tempo
na longa e extenuante proba que a todos nos agarda.


Nadar e gardar a roupa
de piscina en piscina
dunha urbanización a outra
pasar silanderio pola vida
e nadando
arredarse da pelexa
camiño desa gran piscina do hourizonte
onde balorento se pon o día.



(Este poema basease libremente no conto de John Cheever e no filme de Frank Perry homónimos)

sexta-feira, julho 06, 2007

Cultura


Un poeta nado na Coruña é o novo ministro de cultura. Deséxolle toda a sorte do mundo, vaina necesitar.

quinta-feira, julho 05, 2007

Os traballos de Hércules


Teño que confesar o meu crime: ata hoxe non valorara na súa xusta medida o rol das nais traballadoras. Malia participar nas tarefas da casa todo o posible, xamais me enfrontara a levar eu só todo o traballo. Agora por mor das circunstancias —unha rotura fibrilar que nin Ronaldinho ten inmobilizada a miña parella dende hai quince días— exerzo de pai traballador ao cento por cento. E teño que recoñecer que chego ao cabo do día esgotado. Nunca imaxinara o grandísimo esforzo, mea culpa, que supón levar toda a casa e traballar a vez.
Pasar o ferro, poñer lavadoras, facer a compra, cociñar, limpar, aspirar, fregar, atender aos nenos e a súa nai eivada... En fin, que vos vou contar.
Supoño que esta experiencia me fará mellor persoa malia os problemas e atrancos que xurdiron no camiño. Do que estou seguro é de que aprendín un lote de cousas, a programar a lavadora, a discernir ese delgado fío que separa a roupa de cor da branca, a ser máis paciente, e moitas moitas máis cousas. E aprender é mellorar.
Polo tanto, vaia este post adicado a nai dos meus fillos e a tantas e tantas outras que coma Atlas sosteñen sobre as súas costas o noso mundo.

terça-feira, julho 03, 2007

Xosé Mª Álvarez Blázquez, poeta

Canle segredo hei ser
pra fervenza da iauga manantia
que enxurre as nosas vidas, cando nada
falle do que eu che teño prometido.
Xeneroso leito
Da derramada anguria;
terra de terra, aberta pola eixada
do afán i o amor para a semente limpa;
eira de pan
lareira
fondo puzo,
gardador do misterio que nos cingue;
penedía
cara os ventos da sorte;
albre senlleiro
na chaira dos miñatos...



de CANLE SEGREDO, Edicións Castrelos 1976, Vigo.