quinta-feira, julho 05, 2007

Os traballos de Hércules


Teño que confesar o meu crime: ata hoxe non valorara na súa xusta medida o rol das nais traballadoras. Malia participar nas tarefas da casa todo o posible, xamais me enfrontara a levar eu só todo o traballo. Agora por mor das circunstancias —unha rotura fibrilar que nin Ronaldinho ten inmobilizada a miña parella dende hai quince días— exerzo de pai traballador ao cento por cento. E teño que recoñecer que chego ao cabo do día esgotado. Nunca imaxinara o grandísimo esforzo, mea culpa, que supón levar toda a casa e traballar a vez.
Pasar o ferro, poñer lavadoras, facer a compra, cociñar, limpar, aspirar, fregar, atender aos nenos e a súa nai eivada... En fin, que vos vou contar.
Supoño que esta experiencia me fará mellor persoa malia os problemas e atrancos que xurdiron no camiño. Do que estou seguro é de que aprendín un lote de cousas, a programar a lavadora, a discernir ese delgado fío que separa a roupa de cor da branca, a ser máis paciente, e moitas moitas máis cousas. E aprender é mellorar.
Polo tanto, vaia este post adicado a nai dos meus fillos e a tantas e tantas outras que coma Atlas sosteñen sobre as súas costas o noso mundo.

1 comentário:

Anónimo disse...

Moitísima paciencia. E tome tempo para disfrutar, que se non tolea. Por experiencia...