sexta-feira, novembro 30, 2007

Hai debate

O meu post de hoxe podedelo atopar na de Brétemas.


(Por certo, por fin alguen se lembrou do noso finalista David Rubin)

quinta-feira, novembro 29, 2007

Que noite a daquel día !



Hai que recoñecer que os da editorial organizaron unha festa por todo o alto. Foi marabilloso ser o protagonista durante unhas horas, amais da felicidade de atoparme e conversar con dous dos nosos autores exiliados na capital, un deles fai unha atinada crónica do evento, da que tamén podedes ler máis aquí.
A esmorga foi das boas, pois rematei de madrugada nun local flamenco cos encantadores editores de 451.
De Madrid, pouco que contar, non tiven tempo de ver nadiña. Iso si, non tomei un café decente en tres días, ¿será tan difícil facer un bo café?
Dáme pudor poñer algunha foto da entrega do premio, polo que pendurei esta dun pobre gorrión perdido na inmensa e espectacular T4.

sexta-feira, novembro 23, 2007

Madrid, Madrid, Madrid...




A próxima semana andarei uns días pola capital do reino para acudir aos fastos da entrega do premio Ala Delta. O libro quedou moi ben, a tradución de Nacho Chao, extraordinaria, e as ilustracións de Miguel Angel Diez, fermosísimas, eu non houbera imaxinado mellor aos meus personaxes. É un inmenso pracer que traten a obra dun con tanto meco e coidado. Grazas.

quinta-feira, novembro 22, 2007

FFG


Hoxe todos os medios adicaran horas e paxinas a glosar a vida é obra deste xenio, caeran nos lugares comúns de sempre e falaran dos mesmos filmes. Para min, que mamei o cine nas tardes no anos setenta diante dun televisor en branco e negro, FFG sempre será o malvado Amaro Carabel e o compañeiro de Analia Gadé naquel feixe de deliciosas comedias que fixeron xuntos.

quarta-feira, novembro 21, 2007

Kentai bunko

Ao fío desta nova anotación de Brétemas, venme a cabeza a fenómeno das chamadas kentai bunko no Xapón. Son novelas para ler no móbil por capitulos de 500 caracteres, moi asociadas aos estereotipos e xéneros do manga. O 80% dos seus usuarios son mulleres que len novela romántica ou policiaca nos ateigados vagóns do metro, mentres, os homes prefiren ver espirse a unha ruliña no seu móbil.
Por dous euriños ao mes pódense baixar as que se queiran, hai editoriais con máis de 20.000 subscritores. E o negocio non é marxinal, xera un mercado de 60 millóns de euros ao ano.

segunda-feira, novembro 19, 2007

I Premio Nacional de Comic


Non se pode atopar un primeiro galardoado como Max para este recen creado premio, un histórico da banda deseñada, dende os seus tempos no mítico Víbora, o seu paso por esa extraordinaria revista que era NSLM, ata actualidade.
Amais o noso David Rubín quedou como finalista pola súa Tetería del Oso malayo. Parabéns para os dous.
Actualización 20/11/07: Coa súa habitual pereza informativa, a prensa escrita que vin hoxe, Faro, Voz e Galicia Hoxe, limítase a reproducir a nova das axencias sen facer mención algunha a David Rubín. Nin sequera houbo un periodista curioso que lese a nota de prensa do Ministerio enlazada enriba. Mágoa.
E a quenda galega deste ano continúa con Manolo Vilariño e os seus animais silenciosos. Parabéns tamén para el.

quinta-feira, novembro 15, 2007

A choiva do mundo


Catro anos despois, o premio Torrente Ballester volve ao rego e premia a unha obra en galego. O xurado fala dun macrotexto de audacia vangardista no que coma nun nobelo se ensarillan toda caste de xéneros literarios, falan tamén de que está escrita nun ¿¿¿galego cosmopolita??? e eu bóteme a tremer. Non sei, a min fédeme a “Xeración Pan con chuculate ”, un arremedo desa “Xeración Nocilla” da que tanto cacarexan e discuten alén do Padornelo. De todos os xeitos será mellor non prexulgar e agardar a lela cando a edite Galaxia. O tempo darame o quitarame a razón.

terça-feira, novembro 13, 2007

Xallas




Artigo 325 do Código Penal

Castigarase con penas de prisión de seis meses a catro anos, multa de oito a 24 meses... ao que... provoque ou realice directa ou indirectamente emisións, vertidos... nas augas terrestres.. que poidan prexudicar gravemente o equilibrio dos sistemas naturais.

Artigo 31 do Código Penal

O que actúa como administrador... de dereito dunha persoa xurídica... responderá persoalmente, aínda que nel non concorran as condicións, calidades, ou relacións que a correspondente figura do delito requira para ser suxeito activo do mesmo, se tales circunstancias danse na entidade... en cuxa representación obre.

quinta-feira, novembro 08, 2007

O mudiño



Non pensaba falar aquí outra vez do becho comellón e daqueles que por cobardía política seguen alimentandoo, mais as declaracións do ínclito alcalde de SDC colmaron a miña paciencia. Nin o cuñado de Raxoi (si , como Josep Lluis). Nin os aluminios. Nin a decrepitude de Fraga, un home ao que lle cabía o estado na cabeza e ao que agora non lle entra nin o seu propio mausoleo e bota balóns fóra. Nada diso é tan indignante como o cómplice silencio que Bugallo dixo manter sobre a desfeita por unha suposta lealdade institucional. Supoño que os cartiños que durante anos SDC chuchou dos tetos da Xunta a través do Consorcio non tiveron nada que ver coa súa tan proverbial discreción. Verdade?

terça-feira, novembro 06, 2007

Un licorne máis ou menos


Como xa se desvelou por , no blogomillo non hai segredos, chamáronme da Lonxa literaria para o seu faladoiro do próximo mes, onde me medirei cos seus membros para defender os meus Rinocerontes e quimeras. Fun convidado polo escritor que me precedeu, Xesús Fraga, o que meu deu a oportunidade agradecerllo por teléfono e falar así co autor dun dos libros do meu persoal canón sentimental.
Para aqueles que gusten máis de veracidade histórica, hai algúns nos diarios do país, que do pulo das verbas e da imaxinación, aquí cóntase a historia do fantástico licorne.