sexta-feira, dezembro 28, 2007


Un libro galego


Seguindo coa nosa particular quenda de agasallos de Nadal hoxe tócalle a unha novela galega:
Como adoita acontecer no noso SL hai libros que pasan un chisco desapercibidos. Sucede con esta extraordinaria novela de Xesús Manuel Marcos. O autor debulla, a ritmo de novela negra, tres marabillosas historias que, devagar, coa fascinante música de fondo dos Tamara, nos levan a desenguedellar o nobelo dunha paixón, do exilio íntimo do fracaso, empregando unha prosa fermosa, rica en matices, metáforas e poderosas imaxes que nos deixan sen alento. Hai unha historia e hai estilo, non se pode pedir máis. Lina, devecido, esta fin de semana dun tirón e estou seguro que regresarei a ela máis veces.
(Por certo a cuberta é do mellor do ano)

quarta-feira, dezembro 26, 2007

Supervivente


Fago está anotación para dar fe de que sigo vivo. Unha inoportuna viriasis derruboume na cama o día 19 pasado, de aí a miña ausencia destes derradeiros días. Nin puiden facer a cea de noiteboa como adoito.
A presentación do libro estivo moi ben e foi un auténtico pracer compartir un intres coa familia e amigos, amais de contar coa amable presenza dun extraordinario triunvirato da nosa LIX e coa estimulante compaña do insigne Martin. Grazas a todos.
(A quenda inexorable do becho continua e a miña filla apareceu onte con febre alta, así que hoxe toca pediatra)

segunda-feira, dezembro 17, 2007

Presentación




Mañá, día 18 de decembro, as 19.30 horas, no hotel NH Palacio de Vigo, Edicións Tambre, presentará os libros "O carteiro de Bagdad" e "Eu vivía na fin do mundo", galardoados este ano cos premios Ala Delta de literatura infantil e Álbum Ilustrado-Biblioteca Cabildo de Gran Canaria. Ambas as obras son da autoría de dous vigueses, o escritor Marcos S. Calveiro e o pintor e ilustrador Ramón Trigo. No acto intervirán o editor, Ignacio Chao e as escritoras An Alfaya e Blanca Trigo.

sexta-feira, dezembro 14, 2007

Faladoiro


Esta noitiña andarei polas terras do Morrazo, na Lonxa Literaria, compartindo conversa cun lote de lectores apaixonados. Falaremos arredor dos meus Rinocerontes e quimeras (este enlace é un chisco de autobombo)

quinta-feira, dezembro 13, 2007

Unha novela grafica


Do mellorciño que teño lido nos últimos anos, unha marabillosa historia de amor. De medo e compromiso. De vida e morte. De ficar ou arriscar. Penso que neste xénero estase a facer nos últimos anos a mellor literatura. Se alguén non me cre, que lea estas Píldoras azules.

terça-feira, dezembro 11, 2007

Algúns agasallos

Aproveitarei estes días de Nadal, en que algúns acudirán ás presas a mercar o primeiro agasallo que atopen, para deixar aquí algunhas recomendacións que calquera persoa sensible penso que agradecerá. Comezarei por un disco.

Dez anos despois, a completa reedición dunha pequena alfaia case descoñecida, Satélite 99, cunha grande artista dentro: Ana D. Acompañantes de luxo nesta viaxe: Ibon Errazkin e Javier Corcobado. Do Brazil de Astrud Gilberto á chanson de Jane Birkin. Unha fermosura.

(Non podo tampouco deixar pasar a voz desta auténtica bad girl. Unha gorxa suicida onde ecoan o dramatismo Billy, a potencia de Janis ou fraxilidade de Judy. Un prodixio co que marabillarse denantes de que remate desleixada en calquera calella como unha boneca rota)

segunda-feira, dezembro 10, 2007

O Nadal, en galego


Veloso fainos unha angustiosa chamada:

"Non son optimista. Creo que a lingua galega camiña de xeito irremediable cara á súa desaparición. Morremos, de acordo, pero algúns non estamos dispostos a agoniar en soidade. Por iso nace este blog, coa intención de que sirva de lugar de reflexión e debate. Agradezo críticas, azos, datos e, sobre todo, ideas. Está en xogo un dos nosos principais sinais de identidade. Aínda que a moitos tanto lles teña."

E eu, solidario, respondo a súa petición de auxilio e fago unha simple proposta. Como consumidores temos unha forza da que non nos decatamos, unha forza que podemos comezar a exercer tamén como galegofalantes. Nestes tempos de Nadal en que todos faremos compras e mercaremos agasallos, nada máis sinxelo que mercar só aquilo que nos venden en galego. Polo tanto, con non mercarlle ren a todas aquelas empresas que nos desprezan e nin se molestan en ofertarnos os seus produtos na nosa lingua, asunto arranxado.
Facede coma min, cada día, sentádevos durante uns intres diante da Galega e ide tomando nota de todos aqueles que non se anuncian en galego. Nós, na casa, xa temos a nosa particular lista de vetados, ata mudamos de marca de pan de molde malia as queixas dos nosos fillos.
No caso dos xoguetes, o asunto é un chisco máis complexo, xa que estes días nun intermedio do Xabarin, o 90% deles anunciase en castelán, pero tentádeo tamén.
Esta decisión é persoal e cada un pode adoptala ou non. Non pretendo iniciar campaña de boicot ningunha, cada un é moi libre de facer o que lle pete.
Mais, como di Veloso: está en xogo un dos nosos principais sinais de identidade.

terça-feira, dezembro 04, 2007

Algunhas preguntas


Entre os 40 autores que Ánxela B se levará a Cuba, estará o noso flamante premio nacional? E este finalista? Algúns xa comezan a facer preguntas.
(E que conste que eu xa coñezo a cidade e a Fidel, mais iso xa é outra historia)