Despois duns meses de andaina dos novos programas da nosa televisión pública síntome fondamente decepcionado. Unha breve ollada a algúns deles coma exemplo.
O Comando Zapping semella un cemiterio de elefantes onde sen ningunha graza imitase calquera programa das cadeas estatais, cumpría ollar máis cara nós e a nosa realidade. Pensar no Vaya Semanita da ETB e as súas tomas falsas do comunicado de tregua dos encarrapuchados e a punta que se lle podería sacar ao noso monstruoso BBB (binomio bicéfalo bifronte) en troques de ver a Manquiña-Arguiñano é motivo suficiente para chorar.
O de Miraxes, non deixa de ser o reflexo de que a cultura como xa dixen e o irmán pequeno, orfo e apadumado de calquera goberno. A elección dos seus contidos e moi discutíbel. Gran parte do escaso tempo do noso único programa cultural adícase a promover o último blockbuster de Hollywood, ou un vídeo de Eminem, ou a entrevistar, nese afán chovinista que tanto nos caracteriza, as novidades editoriais en castelán da nena de Foz ou da Maltesa. A presenza do libro galego e dos seus autores foi ata o de agora anecdótica, algunha puntual entrevista e a exhibición fugaz dalgunha cuberta que recomenda o modelno presentador nos intres finais do programa, pero con ausencia total de crítica, non así no caso do teatro ou da arte. O dos poetas lendo algúns dos seus versos esta ben pero bótase en falta que se de unha recensión bibliográfica da súa obra para aquel televidente interesado.
No debate dos luns, con independencia da oportunidade ou interese do tema, a imaxe e semellanza dos das cadeas estatais existe demasiada presenza dos políticos e dos seus acólitos, e metidos todos nas súas trincheiras ideolóxicas as súas pullas monopolizan a conversa en detrimento da análise rigorosa do tema debatido.
O programa de Barreiro e como ir ver aos vellos ao casino esbardallar sobre uns tempos que non son os seus e que non comprenden nin tratan de comprender, o finado do meu avó, que en paz descanse, era moito máis tolerante ca eles e tiña moitos menos prexuízos, o programa adicado ao botellón foi claro exemplo do que digo -só a periodista da Voz puxo algo de cordura-. Outras veces falan de cousas que pare eles na súa decimonónica concepción da existencia teñen gran relevancia pero que a maioría dos espectadores tráennos sen coidado, este xoves falaron dos candente tema dos marabillosos pasos e imaxes da madrugá e do fervor relixioso sevillano.
O concursiño do mediodía das cifras e das letras non merece nin sequera un comentario crítico.
Seguimos ademais sen un programa adicado ao libro galego ou a nosa lingua e namentres as dúas cabezas do monstruoso BBB dándose trabadas afoutadas polos seus correlixionarios.
En fin unha total decepción e unha magoa.
segunda-feira, abril 17, 2006
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
4 comentários:
Vexo pouca televisión e tamén pouca TVG, pero, do que vín, concordo bastante co que vostede indica. Dende logo non hai a imaxinación que nalgúns momentos se deixou ver na historia da TVG (aqueles programas xa lonxanos de Rivas, Freixanes, Reixa, etc.). Do programa cultural, concordo co dito: un caixón de xastre demais confuso; ademais, antes había outro programa cultural (agora non lembro o nome, síntoo, creo que en fin de semana)que tampouco estaba mal. Quizais sexa un problema de tempo ou falla de rodaxe: veremos no futuro. Desde logo, na TVG non hai a revolución que algúns esperaban. É como cando se eliminou a censura nos inicios da transición: todo o mundo tiña unha gran película por facer ou un gran libro por escribir. E a cousa non foi para tanto...
Por moito que nos sorprenda ou mesmo nos alporice, hai que recoñecer que, ao cabo, o mellor programa cultural da nosa televisión segue a ser unha sección do Luar chamada "Vai de baile".
Homem... a verdade é que eu também estou um pouco decepcionado. E concordo que "Hai Debate" é político de mais... nalgúns (em todos acho) é mais interessante escuitar a opiniom dos expertos. Mais há algumhas cousas que paga a pena ver: Alalá e um programa cultural-musical "nosso" e bem levado, hoje nom o perdo com Paços de Merexos..."Pepe O inglês" tem um passe, comparado co "humor" habitual na anterior gestiom...
"Cifras e letras" é incrivel... Mira é mais """"gracioso""" na TV que nas aulas... se isso é possível :P. Eu pergunto-me que normativa segue o programa (E que caralho de dicionario de Xerais empregam...)...
Nom vim mais que dous programas de "Miraxes" mais o "gafapastismo" que exuda nom vai comigo...
Sobre "Volver ó Rego" nom podo falar, que nom vim rem...
Nos filmes nom há muito novo do que falar, repitem ciclos e o material de sempre. Nas series sim que notei umha mudança para melhor: "Quita e pom", "A minha vida em películas"...
A verdade é que os cambios non foron tan grandes como se esperaban, pero polo menos agora é posible ver de vez en cando a galega.
Os telexornais son por fin telexornais e non unha imitación do NODO... Concordo ademais con Fer en que Alalá é un bo programa.
Polo demais, tes toda a razón nas críticas, aínda que se comparamos a TVG coas outras canles tampouco sae tan mal parada (prefiro ver un mal programa en galego e non en castelán).
Enviar um comentário