terça-feira, dezembro 26, 2006

Non hai paisaxe máis desoladora...

...que unha biblioteca baleira. Con grande dor veño de contemplala hai uns intres na sala de LIX da Biblioteca . Acudín para fornecerme das novidades máis recentes, teño moito que aprender aínda, e nela ficaba só un rapaz diante dun ordenador mergullado no messenger e tres nenos chineses devolvendo xogos e vídeos.
Algo grave está a fallar nalgures, nas institucións ou na sociedade ou nos pais, cando en pleno período de vacacións do Nadal a biblioteca máis importe da cidade fica baleira de lectores cos libros silandeiros collendo po nos andeis.
E ante esta paisaxe desoladora algúns desnortados aínda non caeron da burra e seguen como paifocos enchéndose a boca con entrar en non sei que ranking mundial de infraestructuras culturais co carallo do mausoleo.
Co sinxelo que sería habilitar un teléfono SALVEMOS A NOSA CULTURA para que os voluntarios do Prestige e dos lumes nos xuntáramos no Monte Gaiás armados de pico e pala e comezar decontado a demolición. Eu apuntaríame o primeiro.

sexta-feira, dezembro 22, 2006

Que din os rumorousooooooooooooooos...


Hoxe, no día máis corto do ano, os comisarios do BNG, gardiáns das esencias desta fantástica Nazón de Breogán, andan alporizados por un quítame uns acordes flamencos no himno de Pondal e Veiga.
Hai que ver que escasiña cultura musical me teñen estes coitados defensores da liberdade creativa do artista. Semella que non escoitaron nada alén das históricas gravacións de Alan Lomax.
Pois nada rapaces escribide aos reis, que dende a electrizante versión do Barras e Estrelas de Jimi Hendrix ao God save the queen de Sid Vicious quédavos moito por escoitar.
Por certo, Bo Nadal a todos.

quinta-feira, dezembro 21, 2006

Nin institutos nin eternidades



Fermosísimo artigo o de Fernando Marías, recente premio nacional de LIX, no ABCD desta fin de semana. Recollo deseguido algúns anacos sobre as súas motivacións e relacións coa que el chama noveles para todos os públicos:


En 1998 me encargaron mi primera novela juvenil. La propuesta me sorprendió y también, supongo, me asustó un poco. No tengo hijos y mis sobrinos eran entonces demasiado pequeños para poder usarlos como referencia, así que argumenté la carencia de modelo de lector al que dirigirme para rechazar la oferta. Pero la editora insistió, y logró convencerme con un razonamiento sedoso que resultó irrebatible.
-Sí conoces a un chaval de quince años, y además muy bien: piensa en ti mismo cuando tenías esa edad.
En mis novelas escribo para un solo lector: el joven que fui y espero seguir siendo, con matices, durante muchos años. Y con un solo objetivo: emocionar a ese lector exigente y literalmente único. Para ello me guío únicamente de la intuición -no existe otra fórmula posible-, lo que requiere abandonar los prejuicios y las incómodas normas sociales del mercado literario: no importan los críticos, ni las ventas del libro, ni las opiniones de los colegas. Sólo importa que el lector de quince años, mi lector, pase ávido de página. Soy, entonces, un escritor libre y tranquilo. Un hombre libre y tranquilo.
A veces, encima, ocurre que otros lectores y lectoras de esa edad leen el libro, y les gusta, y te lo hacen saber...
El niño que soy no está solo. Hermosa razón para continuar escribiendo.


Eu escribo para aquel rapaz que vivía detrás da casa do Concello e soñaba con ser escritor. Para aquel rapaz que escribiu unha novela titulada “Las aventuras del Alerta K-5” que hoxe fica perdida para sempre no remol da memoria. Para aquel rapaz que un día fun e que agardo habite aínda dentro de min, nalgún recuncho soleado e feliz.

segunda-feira, dezembro 18, 2006

Xulgados/Juzgados

Na miña cidade hai un censo de 1000 avogados, un arriba un abaixo. Descoñezo cantos deles usan o galego nos seus escritos e nas súas comparecencias perante os xulgados. Malia o que poidan dicir as estatísticas supoño que son moi poucos, creo que me chegarían os dedos das dúas mans para contalos, alomenos nas xurisdicións civil e penal, nos xulgados do social quizabes sexan máis por aquilo dos sindicatos.
Ven este ao caso por que hai uns días, tras un xuízo no Xulgado de Familia, a Xuíza e a Fiscal laiábanse da súa brevidade e da posibilidade de seguir oíndome falar na miña lingua pois eran moi poucos letrados os que o facían.
Non é que a miña oratoria as encandease, é que ambas as dúas estaban a facer o cursiño de galego e necesitaban practicar.

quinta-feira, dezembro 14, 2006

A vítima número sesenta e tres...

...tiña oitenta anos e non recoñeceu as mans que a estrangulaban, esas que tantas veces antes a acariñaran. Tampouco recoñeceu a face do home con bágoas que había tras delas.
A face do home co que tivera tres fillos, co que compartira aquel piso os últimos corenta e cinco anos.
A face do home solitario que a coidaba dende que lle diagnosticaran o alzheimer, a que a erguía e a vestía todos os días.
A face do home que pola mañá e pola tarde a sacaba a rúa polo brazo a pasear polo barrio e que todos os venres a levaba a perruquería para que a peiteasen aínda que ela non se decatase.
A face compasiva do seu asasino, a do arrepiado amante, a do suicida culpable.
Descansen en paz os dous, a vítima número sesenta e tres e o seu home, Mª Josefa e Rafael.

quarta-feira, dezembro 13, 2006

Parte de baixas



Non, se ao final vai ser certo que o blogomillo está morto. Ao longo e incesante parte de baixas únese agora O Rei de Copas. Boa sorte e que descanse en paz.

segunda-feira, dezembro 11, 2006

And the winner is...

...Agustín Fernández Paz. Recoñezo que para min é unha gran honra verme entre os nomeados ao Premio Xosé Neira Vilas da AGE co meu primeiro libro canda ese mestre e xunto cunha novela tan magnífica como a de An Alfaya, non lin a de Eva Mejuto. Pero teño claro que pola súa traxectoria, polo que significa nas nosas letras e por ser a primeira edición ese premio é del.

Ironías do calendario


O ditador vai e morre o Día dos Dereitos Humanos. Benedetti dixo que a morte gañáralle a batalla á xustiza. Que razón tiña.

segunda-feira, dezembro 04, 2006

Fusos Horarios





A VII Asemblea nacional do BNG pasará a historia, segundo os medios nacionais, pola boutade esa do retraso da hora. Unha ollada aos xornais, unha escoita dos faladoiros matutinos da radio e a visión dos informativos confirma esta triste realidade. Unha mágoa.
Todos isto ven a demostrar que estamos a anos luz deles e non só a sesenta minutos como se pretende.

sexta-feira, dezembro 01, 2006

Un país de xenios



Dende o somerxible de Sanjurjo Badía de hai dous séculos ao futbolín de Alexandre Finisterre este é un país de homes afoutos con ideas xeniais, ás veces incomprendidos e algo tolos, pero xenios á fin de contas. .
O último chámase Manuel C.G., ten 51 años e é vecino de Borreiros-Gondomar. El só, guiándose durante un ano por uns planos que conseguirá nun chat da rede, foi quen de construír un submarino artesanal no baixo da súa casa. Os expertos eloxiaron a súa obra afirmando que é digna dun enxeñeiro. Ata eses da DEA que tanto vemos nos filmes americanos se achegaron a Meira para ver tan prodixiosos artefacto.
Supoño que o seu construtor malia o enredo no que se meteu estará orgulloso do seu fillo de eceiro. Non só por estás louvanzas se non por que foi o piloto que no afundiu por causa dun erro seu. O seu traballo e deseño non tiveron a culpa. O dito un xenio.
Eu agardo que un día o seu busto en bronce fique a carón do de Verne e seu polbo no náutico de Vigo.