Despois duns meses de andaina dos novos programas da nosa televisión pública síntome fondamente decepcionado. Unha breve ollada a algúns deles coma exemplo.
O Comando Zapping semella un cemiterio de elefantes onde sen ningunha graza imitase calquera programa das cadeas estatais, cumpría ollar máis cara nós e a nosa realidade. Pensar no Vaya Semanita da ETB e as súas tomas falsas do comunicado de tregua dos encarrapuchados e a punta que se lle podería sacar ao noso monstruoso BBB (binomio bicéfalo bifronte) en troques de ver a Manquiña-Arguiñano é motivo suficiente para chorar.
O de Miraxes, non deixa de ser o reflexo de que a cultura como xa dixen e o irmán pequeno, orfo e apadumado de calquera goberno. A elección dos seus contidos e moi discutíbel. Gran parte do escaso tempo do noso único programa cultural adícase a promover o último blockbuster de Hollywood, ou un vídeo de Eminem, ou a entrevistar, nese afán chovinista que tanto nos caracteriza, as novidades editoriais en castelán da nena de Foz ou da Maltesa. A presenza do libro galego e dos seus autores foi ata o de agora anecdótica, algunha puntual entrevista e a exhibición fugaz dalgunha cuberta que recomenda o modelno presentador nos intres finais do programa, pero con ausencia total de crítica, non así no caso do teatro ou da arte. O dos poetas lendo algúns dos seus versos esta ben pero bótase en falta que se de unha recensión bibliográfica da súa obra para aquel televidente interesado.
No debate dos luns, con independencia da oportunidade ou interese do tema, a imaxe e semellanza dos das cadeas estatais existe demasiada presenza dos políticos e dos seus acólitos, e metidos todos nas súas trincheiras ideolóxicas as súas pullas monopolizan a conversa en detrimento da análise rigorosa do tema debatido.
O programa de Barreiro e como ir ver aos vellos ao casino esbardallar sobre uns tempos que non son os seus e que non comprenden nin tratan de comprender, o finado do meu avó, que en paz descanse, era moito máis tolerante ca eles e tiña moitos menos prexuízos, o programa adicado ao botellón foi claro exemplo do que digo -só a periodista da Voz puxo algo de cordura-. Outras veces falan de cousas que pare eles na súa decimonónica concepción da existencia teñen gran relevancia pero que a maioría dos espectadores tráennos sen coidado, este xoves falaron dos candente tema dos marabillosos pasos e imaxes da madrugá e do fervor relixioso sevillano.
O concursiño do mediodía das cifras e das letras non merece nin sequera un comentario crítico.
Seguimos ademais sen un programa adicado ao libro galego ou a nosa lingua e namentres as dúas cabezas do monstruoso BBB dándose trabadas afoutadas polos seus correlixionarios.
En fin unha total decepción e unha magoa.