terça-feira, março 27, 2007

A boca da noite



Recoméndovos este programa. Eu non son moi amigo dos contacontos mais recoñezo que Quico Cadaval acada case todas as noites un espazo máxico onde a palabra, sen berros nin insultos, é a protagonista.

Historias arrepiantes como a do nazi bo Albert Speer, se é que pode haber nazis bos, ou o suxerinte soño desa rapaza espida paseando polo Hotel California só co seu peto de esgrima, convidan a reflexións e a imaxinación.


Durante unhas semanas estas alfais resentiránse do meu suicida intento de rematar dúas novelas de vez. Pídovos desculpas. Falamos á volta.

sexta-feira, março 23, 2007

Algunhas preguntas

1ª Terá o descaro a Alcaldesa de Vigo de entregar hoxe o seu galardón á presidente da Asoc. pola Recuperación da Memoria Histórica, despois de votar en contra da súa concesión no pleno?

2ª Non tiña nalgures a Xunta 6 millóns de € para mercar a illa de Salvora e os illotes de Vionta e Noro? Por que ten que vir sempre unha caixa de aforros co seu talonario?

3ª A parvada esa dos 100 días de Feijoo é unha cortiña de fume para que nos esquenzamos das oportunas recalificacións e legalizacións dos viñedos do seu ex-compañeiro de partido e ex-presidente céltico?

4ª Por que o Fiscal do TSXG formula unha sinxela denuncia contra o ex- director xeral despois dun ano de investigación? Por que non formula unha querela con concretas imputación de feitos e calificación delictiva dos mesmos ?

terça-feira, março 20, 2007

Estamos nas súas mans

Hoxe pola mañá, depois de prestar declaración un cliente meu e na súa presenza, unha xuíza guindoume a súa axenda no seu despacho.
O problema xurdiu co sinalamento do xuízo, as primeiras datas que elixira eu non podía, unha estou de garda e a outra teño outro xuízo bastante complexo. Alporizada, ergueuse da súa silla, guindoume a súa axenda e dixo que sinalase eu o xuízo mentres marchaba para á oficina do lado. Alí, berrando queixouse á secretaria do xulgado da situación. Esta apareceu conciliadora e acordamos unha data, mentres a fera seguía a bradar tras a parede e facía algún comentario xocoso e despectivo sobre as miñas palabras. Eu trabei con forza a lingüa, en interese do meu cliente, din os bos días e marchei con el. Por certo, estiveramos esperando 45 minutos a que nos recibise e nin sequera se desculpou.
Non sei como a xente se estraña de que un xuíz absolva a un tolo que circulaba a 260 , eu xa estou curado de espantos.
Despois de quince anos comezo a estar canso desta profesión, mágoa que a literatura non me dé para vivir.

quinta-feira, março 15, 2007

sexta-feira, março 09, 2007

Metafísica infantil


- Hai unha cousa que me ten desconcertado. Cando morremos non volvemos vivir outra vez.

Isto preguntou meu fillo onte pola noite mentres lavaba os dentes. Eu, que son un pouco brután, presteime lixeiro a darlle unha lección maxistral. Expliquille primeiro o que nos pensabamos, o ciclo da vida, que se somos enerxía en continua transformación. Despois seguín polo que dicían algunhas relixións: infernos, ceos, paraísos cheos de hurís, reencarnacións.
El, cos ollos cheos de bágoas, cada vez entendía menos. Grazas que súa irmá pequena veu na miña axuda cunha porcallada que nos fixo rir a cachón.
Despois de deitalos, súa nai máis eu falamos do asunto, Ela dime que actuei con brusquidade -mea culpa- e que ao mellor non estaría mal que cresemos en algo para variar, que iso nos aforraría moitas complicacións e explicacións, sobre todo cos nenos. Eu dubídoo, pero concordo con ela que, ás veces, é duro ser un descrido.

terça-feira, março 06, 2007

A rúa é deles

Como non me sinto español, nin son sensato, nin normal. Eu non estarei o venres nas concentracións, nin o sábado na manifestación de Madrid.
É toda unha ironía ver a toda esa xentiña de ben, a todos eses cidadáns de orde, detrás das pancartas coas súas facianas desencaixadas pola carraxe e a xenreira.
Toda unha ironía dos tempos

quinta-feira, março 01, 2007

Un cachondo xenial

Pouco sei dos fineses, algo de música, auroras boreias, algunhas pelis de Kurismaki, bos pilotos de rallies, algún libro, uns coches arpoeiros para deter aos conductores bébedos, moitos suicidios, o sol de medianoite, pero dáme a sensación de que deben ser un tipos bastantes particulares, no gume entre a tolería e a lucidez máis absoluta.
Ven isto ao caso por que anda estes días por España Arto Paasilinna presentado a súa nova novela traducida ao castelán Delicioso suicidio en grupo e publicada no ano 1990 no seu país. Van desegudido algunhas das perlas que dixo na súa presentación en Barcelona.

"O libro publicouse por primeira vez no ano 1990, cando cada ano, no meu país, matábanse 1.500 persoas. Tan só un ano despois, coincidindo co seu éxito de vendas, a cifra baixou a 1.000 mortos e, dende entón, mantemos esa cifra. Estou tentado de escibir unha segunda parte para que baixemos a 500. A literatura sempre salvou á humanidade, esa é a súa misión, é unha arte que se dirixe ao centro neurálxico da condición humana."

"Son malo, peleón e guerreiro...de esquerdas, home de barricadas nada rancoroso, incluso me levo ben coas miñas ex-esposas máis malvadas. Na miña finca, teño varios cabalos, aos que dou ler libros ilustrados: aprenderon a pasar as páxinas , mais sospeito que só miran as fotografías".

O dito, un tipo xenial e cachondo.