Quizabes a calidade que mellor nos defina aos blogueiros sexa o desencanto. Ciclicamente, melancólicos, certificamos a nosa morte e redactamos o noso propio obituario.
Esmorecen os xornais en papel, disque tamén os libros, e agora a este ladaíña interminábel de cadáveres seica tamén hai que engadir o blogomillo. Asistimos ao noso velorio, soterrámonos e os máis crentes reencarnámonos nun perfil que din que nos define, pero que reduce as nosas vidas a unha listaxe de gustos e preferencias tan baleira coma esa soidade da que renegamos. Procuramos centos de amigos e agregámolos nese patio de rexoubas tan grande e solitario coma un deserto. Cada gran, un amigo. Todo eles collen nunha presada de area que cando nos decatemos esluirase entre os nosos dedos. Volvemos coleccionar cromos coma cando nenos; cambiámolos e durante un tempo vivimos coa ilusión de completar o álbum, que de seguro ficara nun recuncho poeirento.
Estamos en crise, si, mais a unión fai a forza. Concentrémonos, sumemos esforzos e recursos e conformemos un só equipo. Eu xa calcei as botas e partir de agora xogarei neste novo campo. Nuns días irei afacéndome e percorrerei a banda coma sempre.