sexta-feira, julho 08, 2005

Viaxe

Este fin de semana voltarei ao territorio da miña infancia. A aqueles longos veráns que parecían non ter fin.
E pasearei co meu fillo polas calellas encostadas e procuraremos a sombra baixo os soportais.
E tomaremos a tapa de ensaladilla no Nevada, que xa non sabe coma antes, e comeremos tamén a saborosa costrada da miña tía.
E ensinareille a fraga, cos seus xigantes fieitos xurásicos e os eucaliptos que todo o asolagan, e cruzaremos o río polas pontes colgantes.
E mostrareille tamén a rocha da Pía dende onde me mergullaba na augas frías, e o esteiro agora enlamado onde pescaba sollas con arpón e a ponte de ferro onde ás veces nos pillaba o tren cando íamos a praia.
E subiremos ata o mosteiro, e tamén ao Castelo e ao Torreón.
E correremos polo prado onde facía voar aquela cometa de Fanta.
El regresará canso e feliz.
Eu tisnado pola feluxe nostálxica do pasado.

5 comentários:

Kavafinho disse...

Vaites, Folerpa, así que é vostede paisano meu... Si, tamén eu tiven un papaventos da Fanta, e mais un flotador amarelo e azul do Banco de Bilbao. E xa vexo que ten saudade dos baños na nosa praia. Ai, ¿devolverannos algún día ese areal da memoria? ¡Que de códigos de vida aprendidos entre a ponte e o Tambre...!

Anónimo disse...

Meu benquerido folerpa eu tamén viaxo dentro de nada á aldea da miña infancia, onde quedarei uns días coa meniña, afastada do mar e protexida por unha das poucas carballeiras que aínda están intactas. Sempre volvo nostálxica mais ... chea de enerxía.Unha aperta grande.

folerpa disse...

Síntoo meu benquerido Kavafinho. O meu paraíso perdido fica un pouco máis ao norde, nas terras dos Andrade.

Kavafinho disse...

Xusto, si, desas terras procedo. Se cadra por preservar o segredo da súa orixe (e a miña) fun críptico de máis. Non me diga que non lembra vostede o tambre, ¿ou acaso na súa familia lle dicían doutro xeito? Indague entre os parentes e xa me contará. Pero con tantos datos como presenta, e que tan familiares me son, non teño dúbida que procedemos do mesmo lugar.

folerpa disse...

Mea culpa meu ben querido kavafinho. Non son tan vello para lembrarme da ferralla do Tambre, despois Adeza(aceiros do Zarzo) coma meu pai.
Unha aperta paisano.