quinta-feira, novembro 30, 2006

A rúa é deles

Os comerciantes da rúa do Príncipe queren que se prohiba o tránsito de cans, de bicicletas e de monopatíns por ela.
Supoño que o seguinte será tamén prohibir o paso dos cegos cos seus molestos caxatos, dos tolleitos coas súas muletas, dos discapacitados cos súas cadeiras de rodas e tamén dos pais cos carriños dos seus fillos.
E xa postos, tamén o dos marroquís e senegaleses coas súas chilindradas, o dos músicos ambulantes, o dos esmoleiros sen permiso de residencia e o dos castañeiros.
Pois nada que instalen axiña nos seus extremos un valo cunha alfándega e so deixen pasar aos titulares de tarxetas de crédito douradas aos seus exclusivos comercios, e que lles aproveite.
Eu dende logo non penso facer un soa compra máis en ningún local desa rúa tan selecta e selectiva. Non son digno de transitala.

quarta-feira, novembro 29, 2006

segunda-feira, novembro 27, 2006

A Axencia

Nunha mesa do Dezaseis catro rapaces discuten acaloradamente da ópera prima dun novo narrador galego que ven de e saír do prelo hai unhas semanas. A conversa, con argumentos a favor e en contra da obra, estendese ata a sobremesa. Ás veces soben o seu ton de voz o que provoca que todos no comedor saiban do que falan. Unhas mesas máis alá o redactor da sección de cultura dun xornal local decátase da lea literaria e toma nota no seu caderniño, e o derradeiro xornalista galego que aínda non se pasou ás novas tecnoloxías, do autor e do libro de marras. Uns días despois sacará unha recensión no seu diario ao que se unirá tamén a fin de semana seguinte o xornal da competencia, que non pode ser menos, con entrevista ao autor incluída.
O redactor mentres o programa cultural sae ao aire polos altofalantes entretense visitando as bitácoras e os foros literarios a ver que se coce. Hai unha boa polémica armada a conta da primeira novela dun novo narrador galego que non coñecía, ata cincuenta e dous comentarios chegou a contar nun foro. Cando remata o programa achégase ao seu director e coméntalle o asunto. A semana seguinte o autor é entrevistada na radio e uns días despois aparece tamén no programa de libros da televisión pública.
Na Axencia están que dan botes. A promoción saíulles redonda e case sen gastos. Un convite para comer a catro estudantes de filoloxía que deberían reproducir o guión previamente redactado e uns euros que lles cobrou un estudante de informática por deixar unha enxurrada de comentarios nas bitácoras e foros baixo diversos alcuños.


(Isto que remato de contar é un magnífico exemplo das denominadas ESP, estratexias subliminais de promoción. Pode ser ficción ou non. Iso xa é decisión vosa)

sexta-feira, novembro 24, 2006

Luces

Malia a lea na de Martin polas paxiniñas de marras. Non están mal.
Son cinco chámanse Luces, supoño que en lembranza daquelas Luzes de Galiza, e inclúen un ducia dos nosos novísimos na escaleira, non se sabe se subindo ou baixando, un fermoso artigo de O´Rivas sobre a infancia de Picasso en A Coruña e recuperan as botelhas de Suso de Toro.

quinta-feira, novembro 23, 2006

Ámote

Xa vai aló outro ano.
Que se pode dicir? Quizabes: Onde ti vaias, eu vou/onde ti fiques, eu quedo.
Que mercarche ? Vasos, non, mercamos media ducia hai uns días do que xa escachou un. Un batedor, non, aínda resiste o último. Reloxos, non, ninguén pode acoutar o teu tempo. Roupa, non, que queda un mes para as rebaixas, disme. Alfaias, non che van amais agora so pos as que ti fas. Non necesito nada, repites. Que sorte a túa e a miña por estar ao teu carón aínda.
Xa vai aló outro ano.
Que se pode dicir? Quizabes unha sinxela palabra: grazas.

segunda-feira, novembro 20, 2006

PREMIO

Por terceiro ano consecutivo a literatura de nós non foi quen de gañar o Torrente Ballester. O premio da Deputación de A Coruña segue coa súa fuxida mediática cara a adiante e despois da nena de Foz e Barbá premian a Jose Mª Merino. Iso si, fóra das bases, nomearon un finalista galego Xabier López.
Non sei se este feito, a seca de tres anos, é sintomático do estado da nosa literatura ou da composición do xurado do premio.

quarta-feira, novembro 15, 2006

Un país de labregos


«Facemos humor para campesiños porque cando menos en Galicia hai uns 200.000, en cambio premios Nobel no país non creo que cheguen a mil, quizais 800 ou 900 como moito».


Victor Fábregas, máis coñecido coma Tucho.


Co fácil que tería sido para Ánxela Bugallo convidar a uns viños a estas dúas grandes eminencias da nosa cultura popular para resolver o problema do mausoleo do Monte Gaiás.
Nin adiar comparecencias parlamentarias, nin convocar comités nin foros nin discusións. Unha tarde de faladoiro con O´Tonecho e O´Tucho diante dunhas cuncas e asunto solucionado. Alguén que presume de coñecer o gusto de 200.000 campesiños, se é que os hai neste país, sóbranlle méritos para tan sinxela xestión cultural.
Por certo para a súa información neste país só houbo un premio nobel, de literatura e escribía en castelán, e fomos sobre 30.000 os que agardamos esta madrugada para oír falar a Ramiro Fonte en Libro Aberto.

A crítica dixo


Sei por Martin que na edición en castelán de Os libros arden mal de Manuel Rivas puxeron na lapela coma aval crítico da obra unha frase súa e outra miña fronte ás das luminarias da crítica galega coma Sandra Faginas, Xulio Valcarcel, Eyré e Fernán Vello.
Non pode negar que o asunto fíxome ilusión — xa podo poñer no meu curriculum que publiquei con Alfaguara aínda que so fose unha frase— e tamén graza.
O que non me gustou nada e que desvelasen a evidente identidade secreta do autor destas alfaias, con Martin non o fixeron. Estou meditando seriamente en formular unha demanda contra a editorial por intromisión ilexítima na miña intimidade.
Martin e eu falamos de solicitar a nosa inclusión na nova sección de crítica literaria da AELG e agardamos tamén que a editorial, que tan libremente usou dos nosos eloxios, se lle vexa una detalliño agora que se achega o Nadal, non é necesario un xamón chega cun paquete coas súas novidades máis recentes, incluíndo a de O´Rivas por suposto.

segunda-feira, novembro 13, 2006

Almorzo sudanés





A traxedia de Darfur continúa, colabora.

sexta-feira, novembro 10, 2006

Namibia


Para a prensa galega aínda hai mortos de primeira, galegos, e de segunda, namibios que non merecen nin aparecer no titular.

quarta-feira, novembro 08, 2006

UN LIBRO MEU, EN CATALÁ













Non so Jaureguizar vai estar ledo. O meu Sari falará para o ano a lingua do Govern d´Entesa. Titulárase Sari, somiador de mars ( se o meu mal catalá non me engana) e editarase na colección La llum del far da editorial Baula.

terça-feira, novembro 07, 2006

Efeméride


Hoxe é un día histórico. Por vez primeira a nosa lingua empregarase de xeito oficial diante do Consello da Unión Europea por un representante político de Galiza.
Agardemos que o telexornal da Galega se abra con esta nova e non co accidente ou o suceso sanguento de costume.

sexta-feira, novembro 03, 2006

Exercicio


Soletreade devagar:

" A, b, c, d, e, f, g, h, i, k, l, m, n, ñ, o , p, q, r, s, t, u ,v, x, z

Iso é todo, aí cabe a historia da literatura. En sete notas, a da música, en sete cores a da pintura."


Ser ou non, de Xurxo Borrazás

A uns poucos fáltanlle letras, notas e cores; a moitos outros sóbranlles ou non saben que facer con elas ou malgástanas de mala maneira.