quarta-feira, janeiro 17, 2007

Llovizna, a súa palabra favorita


O meu mellor agasallo de reis foi esta fotografía, ou mellor dito a imaxe deste rostro. Dunha face vella e engurrada, coa escuma do tempo nos seus cabelos, un sorriso franco e feliz e unha ollar cheo de ilusión malia os seus 92 anos.
O agasallo chegoume no País do seis de xaneiro e a que aparecía retratada era Matilde Horne. Ata ese día eu non coñecía os seus acenos pero ela, esa anciá, era responsable de gran parte da miña educacións literario sentimental. Acudín aos andeis da libraría e comecei a remexer nos libros de Minotauro. E a verba de Tolkien, de Doris Lessing, de Angela Carter, de Ursula K. Leguin, de Ray Bradbury e de Stansilaw Lem soaron de novo no meu caletre nas palabras da súa tradutora.
Souben tamén polo xornal da indignidade da gran de editorial planetaria cunha muller que gastou a súa vida e as súas meniñas traducindo as palabras doutros. Dunha muller que agora sobrevive cunha pensión de 300 € nunha residencia namentres algúns dos libros que traduciu se venden por milleiros.
A partir de agora esa muller anónima que aparece nos créditos de moitos dos meus libros preferidos ten un rostro e unhas mans miúdas de longos dedos. Unhas mans fermosas e cansas que durante moitas noites pasaron, silandeiras, as follas dos libros que eu lía.
Moitas grazas por todo Matilde. Moitas grazas.

3 comentários:

Anónimo disse...

Fermoso post. Está ben que alguén se lembre das persoas outros inxustamente esquecen.

Anónimo disse...

Aplaudo, Alfaias. Moitas grazas por permitirme estar agradecido a unha persoa así, auténtico vehículo da sensibilidade universal entre culturas. Esta homenaxe a tal labor mercurial chégame ao fondo.

paideleo disse...

Detrás dos grandes autores hai un equipo que tamén merece o noso cariño como esa traductora que ben retratas.
Recoñezamos todos o mérito desa xentiña áa sombra que fai esa labor poucas veces valorada.