Hai un tempo falei aquí sobre unha cervexa que tiña pendente cunha pantasma.
Con estoutra pasei moitas tardes do meu primeiro ano de instituto. Pechados no gran garaxe dos seus pais percorremos xuntos toda a psicodelia, o rock sinfónico e o progresivo. De Pink Floid a Camel, de King Crimson a UFO, aquel vello prato Dual cuspía música lisérxica arreo, namentres fumabamos fotuna mentolado. Fixémonos inseparables, compañeiros da alma, ata que rematou o curso. Despois do verán, de regroso ás clases, a nosa amizade inquebrantable quedou reducida a un aceno esquivo cando nos cruzabamos nos corredores ou no patio. Nunca souben que pasara e naquel intre tampouco me importou. Eramos novos, tiñamos fame e iamos comer o mundo a trabadas.
Despois perdinlle a pista e non volvín saber del ata que hai uns anos regresei ao barrio. Crúzome con el acotío e xamais o saúdo. El, a min tampouco. Fica sentado en calquera recanto da rúa, coa ollada perdida na distancia, como agardando por alguén que non dá chegado, por alguén que, estou seguro, non chegará xamais. A meirande parte das veces fala só ou cantaruxa unha canción.
Unha mañá do inverno pasado pareceume recoñecer no seu cantaruxar unha daquelas vellas cancións que oiamos unha e outra vez naquel garaxe poeirento da adolescencia. Dende ese día, se podo, cambio de beirarrúa para non oír a súa entolecida cantadela.
Agora, a morte meses atrás de Syd Barrett trouxome a súa imaxe ausente das rúas. Hai meses que non o vexo e malia o meu covarde afastamento teño soidade da súa presenza.
sexta-feira, janeiro 26, 2007
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Nada é eterno. Todo o que ten un principio ten un final. As amizades tamén; incluso as inseparables.
A min tenme pasado. Compartir case todo con alguén e pasado un tempo, sen motivo, sen saber porqué, irnos afastando ata deixarnos de ver. Agora cando as veces nos encontramos non temos que dicir, somos como dos estranos e creo que nos sentimos incómodos. ¿E porqué?. Pois non che sei. A vida que é asi.
Enviar um comentário