segunda-feira, janeiro 22, 2007

Por que escribes en galego ?

Está foi a primeira pregunta que me fixeron os rapaces nas dúas charlas que din sobre o meu sari hai unhas semanas. Teño que recoñecer que non me foi doado darlles unha resposta. Tentei afastarme de calquera referencia ideolóxica e ao cabo díxenlles sinxelamente que por que era a miña lingua, que si nacese en Roma o faría en italiano e que se o fixese en Londres en inglés. De todos os xeitos creo que é sintomático da situación da nosa lingua entre a mocidade que aínda se formule esa pregunta. É máis, preguntaron tamén se escribiría algún día en castelán e ficaron un chisco sorprendidos cando lles dixen que non, que para iso había traducións. En xeral creo que non se aburriron moito coa miña ladaíña e malia o que me botaron en cara algúns coñecidos, dixéronme que non lles resultara complexa a lectura nin moi requintado o vocabulario.
Outra pregunta que me deu que pensar foi a ausencia de personaxes femininos no libro. Repasando agora o que levo escrito, é evidente esa ausencia, aínda que na miña próxima novela de protagonismo coral hai rapazas. Cústame poñerme na pel dunha muller e non hai cousa que me desguste máis que esas novelas de protagonista unisex que tanto abondan. Desas novelas xuvenís que procuran cubrir a cota feminina construíndo unha personaxe principal da que unha vez rematada a lectura daría igual o seu sexo. Supoño que co tempo e o oficio atoparei esa rapaza que me faga tolear e construireille un mundo a súa medida, polo de agora hai que agardar.
En fin, para ser a miña primeira vez cos rapaces creo que non estivo mal, nas próximas teño que interactuar antes con eles e chamar máis a súa atención. Aínda así, resultaron ser uns lectores atentos e curiosos que me sorprenderon

5 comentários:

Anónimo disse...

Sen dúbida, que as nenas e os nenos fagan esas preguntas referentes á lingua é sintomático da realidade sociolingüística do país..., e coido que a túa resposta foi a máis axeitada ;-)

Anónimo disse...

Que idade teñen os rapaces?

folerpa disse...

Chus, teñen 13 ou 14 anos.

Beluka disse...

penso que o lugar de procedencia dos rapaces ou o lugar onde deches a charla tamén ten a súa relevancia, non si?
con todo, é unha forma de conciencialos coa realidade lingüística na que viven moi acertada. e que lean, que lean!

Elena disse...

A min preguntáronme máis dunha vez por que falo en galego e non precisamente rapaces de 13 ou 14 anos... Eu sempre lles digo que é "costume" aínda que eles o identifican con que son de aldea =)