
Ben isto ao caso pola escasa repercusión dun dos poucos libros salvables, para min, da última tempada literaria galega: Limpeza de Sangue, de Rubén Ruibal. Cheguei a este magnifico texto dramático por recomendación de Brétemas e nunca lle estarei o suficientemente agradecido. Polo celme desta obra discorren o mellor de Carver, os filmes dos mellores Coen, de Bukowski... E non son só excepcionais diálogos e unha estrutura perfecta que nos leva alasando ata a redentora caída do pano. Non, hai moito máis, nalgunhas das súas acoutacións agroman as metáforas da paisaxe urbana cunha forza arrebatadora e expresionista que vale máis que moitas novelas das publicadas no curso. Pagaría por vela representada, ou levada ao cine, e penso que o seu autor ten un maxistral narrador dentro que agardo algún día nos entregue unha novela tan demoledora como esta obra, cuns personaxes tan vividos como Francisco e Pantaleón.