terça-feira, setembro 04, 2007

Os ollos do estío



Concordo co fillo de Rulfo :un escritor antes de aprender a escribir ten que aprender a ver. Eu, este verán vin escenas que ficaran gravadas para sempre na miña memoria... —Algúns solpores, meu fillo, no Torreiro, aprendendo por fin a andar en bicicleta; a miña serea saíndo da auga co seu bikini negro; uns amigos cos seus fillos e mais nós limpando e recuperando un vello lavadoiro de pedra; a noite en que vendo as estrelas a miña filla se durmiu no colo da súa nai; algunhas conversas con ese mesmos amigos a carón dunhas botellas de viño; meu fillo, outra vez, regresando a casa e preparándose el só a merenda para fuxir axiña a xogar de novo polas corredoiras; unha repentina treboada agochados baixo a perfecta caixa de Faraday do vello lavadoiro; os nenos durmidos nos seus sacos na nosa primeira acampada; unha araña teimuda que todas as noites tecía a arañeira que eu lle destruía co amencer; a miña filla mostrándolle a súa perrechiña ao seu curmán; a ecografía das miñas entrañas.— ...ou que quizabes esqueza nuns días tras o regreso ao asollado vórtice urbano. Non o sei.

2 comentários:

R.R. disse...

Pois si...

Anónimo disse...

Moi certo o de aprender a ver. Eu dende que me aficionei á fotografía disfruto mais de todo. E as cores do solpor sobre xentes, construccións, campos de millo, montes e rías son do mellor da vida.